Estes 22 refuxiados e refuxiadas non poden agardar máis

Natasha, muller transexual paquistaní de 26 anos © Bienvenidos Refugiados

A situación dos refuxiados e refuxiadas que foxen da guerra, da pobreza ou de persecucións por motivos diversos é en todos os casos urxente e dificilmente soportable. Todos e todas teñen que superar cada día enormes dificultades mentres agardan a que os países europeos accedan a cumprir co que non é máis que unha obriga: o recoñecemento do dereito de asilo. Porén, entre os milleiros de persoas que agardan, hai algunhas que non poden agardar máis. Persoas con graves problemas de saúde, sobre todo nenos e nenas, ou con circunstancias particulares que fan imprescindible que reciban de inmediato unha atención médica adecuada á que non poden acceder nos campos de refuxiados de Grecia.

Bienvenidos Refugiados é un colectivo de voluntarios e voluntarias que dende hai meses traballa no terreo ofrecendo axuda directa a estas persoas. Foron detectando e dedicándolle unha atención especial a un conxunto de casos de persoas especialmente vulnerables. E agora veñen de realizarlle ao Ministerio de Asuntos Exteriores unha petición concreta para que España acolla de forma inmediata a 22 persoas e as súas familias. Esta acción está apoiada por un cento de organizacións sociais, como Médicos do Mundo ou a Comisión Española de Axuda ao Refuxiado, institucións (coma os concellos de Lalín e Cangas), e outras entidades. Un bo número delas son galegas, coma a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas, Arelas, Nós Mesmas ou as dioceses de Lugo e de Tui-Vigo.

Este mércores entregaron no rexistro a solicitude, apelando a que o Goberno autorice un traslado inmediato por razóns humanitarias, adxuntando dun dossier con información sobre cada unha destas 22 persoas con necesidades urxentes. O documento foi elaborado pola organización Help es help e por algunhas das persoas que lles viñeron dando apoio nos últimos tempos, entre elas a galega María Vence.

"Non é unha cuestión de solidariedade, senón de xustiza. Non é caridade, é que teñen dereito ao asilo. O que non teñen é tempo para agardar máis"

"Son persoas que non poden facer fronte a un tempo de espera para a tramitación das solicitudes de asilo que, segundo as autoridades gregas, será de entre 6 e 18 meses. A súa saúde está en perigo polas condicións socio-sanitarias nas que se atopan neste momento", explica. "Hai moita diferenza entre uns campamentos militares e outros. Hai algúns que están en mellores condicións e outros que son practicamente cárceres. As condicións alí son extremadamente duras para todas as persoas, especialmente agora no verán que as tendas son fornos, están cheas de mosquitos, unha situación moi insalubre. É duro para calquera, pero para esas 22 persoas o risco é moito maior", di.

Vence salienta que nos últimos días médicos suízos e ingleses conseguiron "en 24 horas" sacar dos campamentos en dirección para os seus países a casos coma estes. "Isto demostra que a solución depende só de que haxa vontade política de facelo", sinala. "Para España asimilar 22 casos, aínda que cada unha destas persoas veña coa súa familia, non é nada. En cambio, para estas persoas pode ser un cambio drástico nas súas vidas. Non é unha cuestión de solidariedade, senón de xustiza. Non é caridade, é que teñen dereito ao asilo. O que non teñen é tempo para agardar máis", conclúe.

 

Natasha

Natasha "necesita tratamento psiquiátrico, foi explotada sexual e laboralmente, sufriu intentos de violación, foi agredida, foi torturada, o seu pai maltratouna, a súa familia repudiouna, tentou suicidarse en dúas ocasións"

Natasha é unha muller transexual paquistaní de 26 anos. O seu caso é particularmente difícil: está soa, non sabe ler nin escribir, unicamente fala urdu e non ten soporte económico ningún. Fuxiu de Paquistán despois de ser encarcerada e porque a súa vida corría perigo. "Foi encarcerada por ter mozo. No seu país non é delito ser transexual, pero si ser homosexual que é como as autoridades consideraban esa relación", explica María Vence, que tratou directamente este caso. "A propia comunidade paquistaní no campamento rexeitouna e marxinouna pola súa condición de transexual e no momento no que a coñecemos atopábase soa e sen apoio de ningún tipo", comenta.

"Necesita tratamento psiquiátrico, foi explotada sexual e laboralmente, sufriu intentos de violación, foi agredida, foi torturada, o seu pai maltratouna, a súa familia repudiouna, tentou suicidarse en dúas ocasións", alerta Vence, que destaca que xa está organizada en España toda unha rede de acollida para darlle soporte. Hai organizacións, como Fundación Daniela ou a Associació Catalana per la integració d'homosexuals, bisexuals i transsexuals immigrants (ACATHI) que xa se comprometeron a darlle apoio social e psicolóxico e unha rede de casas de acollida, que se pon a disposición do Estado. "Están todas as estruturas preparadas para acollela, agardando por ela. Esta muller pode vir xa para aquí, só falta o visto bo do Goberno", di.

"Están todas as estruturas preparadas para acollela, agardando por ela. Esta muller pode vir xa para aquí, só falta o visto bo do Goberno"

En Paquistán o seu único apoio eran a súa nai e a súa irmá, que pediron un préstamo de 1.000 euros para que ela puidese fuxir a través das redes dunha mafia ata Turquía, e de aí a Grecia, polo que agora están endebedadas de por vida. Foi tamén a súa irma, grazas a un suborno, quen a conseguiu sacar da cadea. Para sobrevivir na viaxe dende Paquistán, cortou o pelo, parou a súa hormonación e adoptou unha imaxe masculina. O traxecto de Teherán a Estambul fíxoo a pé, nun grupo no que, polo camiño, morreron cinco persoas. En Estambul traballou ilegalmente durante tres meses nun taller de costura, e non só non lle pagaron, senón que lle quitaron a súa documentación. Para cruzar ata Grecia, pagou 700 euros por un lugar nunha precaria embarcación na que morreron afogadas algunhas persoas. Xa en Grecia traballou ilegalmente durante oito meses, nos que tampouco lle pagaron.

 

Hamdiya

Hamdiya corre o risco de que a complicación da súa enfermidade acabe por deixala cega ou obrigar á amputación de varios membros

O outro caso que María Vence seguiu de forma directa foi o de Hamdiya, unha muller kurda con pasaporte sirio, con catro fillos, diabética, que corre o risco de que a complicación da súa enfermidade acabe por deixala cega ou obrigar á amputación de varios membros. A alimentación á que ten acceso nos campamento e as limitacións da atención sanitaria están provocando un rápido empeoramento da súa situación. A esta necesidade urxente únese o feito de que a súa familia non puido iniciar aínda os trámites para solicitar o seu asilo, pois carecen de documentación. Os fillos varóns e o seu cuñado non solicitaron o pasaporte porque de facelo estarían obrigados a alistarse no exército sirio. Non poden volver a Siria porque están considerados desertores.

Debido á súa orixe kurda, foron ameazados de morte tanto polo exército sirio como polos grupos terroristas como DAESH, así que decidiron fuxir a Iraq, onde contrataron vos servizos dunha mafia para entrar en Turquía. Alí o exército turco conduciunos a un centro militar de só 100 m2 de superficie, onde había máis de 600 persoas e do que non podían saír. O marido de Hamdiya, con problemas cardíacos, non resistiu máis e morreu de extenuación sen que o asistise un médico.

 

Outros casos

Abdarahman é un neno de 18 meses que dende que unha bomba caeu sobre a súa casa e lle fracturou o cranio sofre ataques epilépticos

Os de Natasha e Hamdiya son só dous dos 22 casos presentes no dossier entregado este mércores. Están tamén o Abdarahman, un neno de 18 meses que dende que unha bomba caeu sobre a súa casa e lle fracturou o cranio sofre ataques epilépticos. Ou o de Ghazal, unha nena de cinco anos practicamente cega que cunha intervención axeitada podería recuperar parte da visión e para quen o tempo xoga na súa contra. Ou o de Barkaat, un neno de 8 anos que sofre atrofia muscular espinal, Ou o de Zinalaboidin Daas, un neno de catro anos que sofre atraso no desenvolvemento e cuxos pai e nai están en cadeira de rodas.

Ghazal é unha nena de cinco anos practicamente cega que cunha intervención axeitada podería recuperar parte da visión e para quen o tempo xoga na súa contra

Está tamén ​Faquira Nouaf, un mozo de 23 anos que sofre brotes psicóticos e ataques de pánico que o levan a autolesionarse de forma moi severa e continuada. Ou Firas Gblk, outro mozo de 22 anos que necesita que lle cambien de forma urxentes os parafusos que lle instalaron para estabilizarlle a columna. Ou o caso de Sidra, neno de 8 anos con parálise cerebral. E o de Serer, nena de 2 con atraso psicomotor. Ou o de Lina, unha muller de 23 anos con dous fillos froito de violacións que xa ameazou con suicidarse en varias ocasións. Ou o de Abdullah, un home de 58 anos que sofre fibrose por ter traballado dúas décadas nunha fábrica de cemento, ademais de diabetes e funcións psicomotrices limitadas.

 

Hamdiya, muller kurda con diabete; o seu home morreu na fuxida dende Siria © Bienvenidos Refugiados
Entrega ao Ministerio da petición e do dossier cos 22 casos © Bienvenidos Refugiados
Natasha, muller transexual paquistaní de 26 anos © Bienvenidos Refugiados
Carta dirixida ao Ministerio de Exteriores © Bienvenidos Refugiados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.