Os remedios seguen sen facer efecto e as cifras son das máis negativas da historia. Durante o ano 2015 a fenda entre nacementos e mortes acadou en Galicia o peor valor da serie histórica iniciada en 1975 e, mentres as alarmas se prenden no conxunto do Estado por rexistrarse, por primeira vez dende 1941, un saldo vexetativo negativo, en territorio galego complétase un período de tres décadas no que a poboación galega morre máis do que nace. A diferenza superou o pasado ano as 12.200 persoas, 2.000 máis que un ano antes.
O país acumula tres décadas con saldo vexetativo negativo
A tendencia dun saldo vexetativo cada vez máis negativo comezou a mediados dos anos 80 do século pasado e ata agora tocara fondo a finais dos 90, cando a diferenza entre nacementos e mortes superou as 10.500 persoas. No comezo da década dos 2000 o saldo vexetativo seguiu sendo negativo, pero foise paliando ata acadar o resultado menos malo en 2008, ata acadar a cifra de -6.400. Dende ese momento a poboación galega volveu afondar na fenda e, coa única excepción do ano 2014, chegou a 2015 co peor resultado rexistrado ata o momento.
Estas cifras derivan dun rexisto no que os falecementos de persoas residentes en Galicia foron máis ca nunca, máis de 31.600, unha suba de case 2.000 a respecto do ano anterior. Mentres, as diversas campañas e accións lanzadas dende as Administracións públicas non impediron un novo descenso de nacementos ata os 19.412, a cifra máis baixa dos últimos trece anos.
Estes indicadores deixan o saldo vexetativo galego un ano máis como o peor do Estado, mesmo no ano no que España entra en valores negativos. Así, mentres que a diferenza entre nacementos e mortes é en España de -2.753, o resultado galego só é comparable ao de Castilla y León, que rolda o -12.000. Todo isto sucede mentres a esperanza de vida ao nacer en Galicia se mantén na media estatal, 82,7 anos, e a taxa bruta de mortalidade en 11,6 persoas por cada 1.000 habitantes, a terceira maior do Estado, só por tras de Asturias e Castilla y León.