O director do Diario de Ferrol pide "desculpas" polo texto homófobo

Captura de pantalla do artigo de Carlos Miragaya, director do Diario de Ferrol Dominio Público Praza Pública

O director do Diario de Ferrol, Carlos Miragaya, publica este xoves un texto no que pide "desculpas" polo artigo de opinión de José Luis Patiño, "Hasta el Culo", que nos últimos días espertou unha onda de indignación e rexeitamento nas redes sociais e que mesmo motivou unha redacción dos e das xornalistas do medio ferrolán. 

Miragaya afirma que "o que se pretendía, nun ton xocoso (...) era reivindicar a celebración dunha xornada dedicada aos heterosexuais" e asume que "nin as palabras nin o ton foron os correctos á vista do rexeitamento que xeraron, pero a incitación ao odio en ningún caso existe ou se pretendía, nin por parte do autor nin por parte de Diario de Ferrol". Miragaya pide finalmente "desculpas a cantos se viran ofendidos, atacados ou deostados".

As críticas ao texto de José Luis Patiño chegaran tamén este mércores por parte do Colexio de Xornalistas de Galicia, que a través dun comunicado da súa Xunta de Goberno cualificou de "deplorable" o artigo, sinalando que "constituía un ataque encarnizado contra o colectivo LGTBI". O comunicado, difundido horas antes da publicación do artigo do director do Diario de Ferrol, consideraba "axeitado" que "o diario retirase a publicación da súa páxina web", pero lamentaba "que non houbese desculpa por ter difundido unha peza escrita en linguaxe insultante e totalmente carente de respecto polas persoas que teñen orientacións sexuais diferentes". O comunicado do Colexio concluía que "é tarefa da profesión xornalística abordar os problemas da sociedade con rigor, mesmo cando se trata de opinar; e nada ten que ver a defensa da liberdade de opinión co apoio a expresións de odio e intolerancia como as que no artigo utilizou o seu autor".

"Nin as palabras nin o ton foron os correctos á vista do rexeitamento que xeraron, pero a incitación ao odio en ningún caso existe ou se pretendía, nin por parte do autor nin por parte de Diario de Ferrol", di

O Día do Orgullo "é unha xornada necesaria porque non todo está feito"

Ademais, o Colexio de Xornalistas difunde un artigo de Isabel Quintairos, "Xornalismo contra o odio", no que a colexiada denuncia que "nada xustifica a utilización da linguaxe bárbara, insultante e fóbica que empregou José Luis Patiño para ridiculizar unha data de reivindicación necesaria. Nada desculpa ao Diario de Ferrol por ter publicado tan nauseabundo artigo".

Quintairos sinalaba que "se hai unha profesión necesitada de constante reciclaxe é a nosa, porque os tempos mudan, pero resulta moi complicado aprender sobre esas mudanzas e sobre as súas consecuencias cando non sobra tempo. Aínda así, estamos na obriga de tratar as noticias con imparcialidade e xustiza, mesmo cando se opina". "É preciso que os e as profesionais do xornalismo tomemos conciencia da dificultade que representa ser diferente e abordemos de maneira axeitada a información relativa ás persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais", engadía.

"É unha xornada necesaria porque non todo está feito, nin de lonxe; pero que moitos medios de comunicación enfocan só na súa cara lúdica, de desfile de cores e música e xente con pouca roupa e moito baile"

"Persoalmente alégrame que o señor Patiño non teña dereitos que esixir, nin medos que afrontar. Pero lamento que descoñeza de que fala", concluía Quintairos, que tamén lembraba que o Día do Orgullo "é unha xornada necesaria porque non todo está feito, nin de lonxe; pero que moitos medios de comunicación enfocan só na súa cara lúdica, de desfile de cores e música e xente con pouca roupa e moito baile". "Non se publican as historias de medo e represión (...) Os medios non falan das batallas xudiciais para que se recoñeza o dereito de escoller o seu sexo a un/unha menor transexual (...) Nin dos nenos e nenas que deciden suicidarse porque non soportan o acoso escolar e social (...) Non se escribe sobre o abandono das persoas LGTBI da terceira idade (...) Non se sabe da situación de pobreza á que están condenadas a meirande parte das persoas transexuais, que non atopan emprego ou o perden, e rematan no exercicio da prostitución nunca libremente elixido", salientaba.

Artigo publicado no Diario de Ferrol o pasado domingo Dominio Público Praza Pública
Captura de pantalla do artigo de Carlos Miragaya, director do Diario de Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.