Exhumación na Pobra do Brollón: abrindo foxas, pechando feridas

Familiares dunha das persoas cuxos restos foron atopados na exhumación © ARMH

Esta fin de semana a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) completou con éxito a exhumación dos cadáveres do concelleiro socialista e tratante de gando Ramón Somoza Álvarez e do xastre José Rodríguez Silvosa, residentes en Monforte e asasinados en 1938 na Pobra do Brollón, onde foron soterrados. Máis alá das dificultades propias do traballo de recuperación dos restos, o acto -ao que asistiron familiares dos dous asasinados- converteuse nunha emocionante cerimonia de recordo, de conversa e de solidariedade. 

A exhumación destes dous cadáveres, a primeira que se realiza na zona dende a que tivo lugar en Bóveda en 2012, foi singular por varios motivos. Cando hai uns meses os especialistas da ARMH visitaron por primeira vez este cemiterio de Castroncelos, non buscaban os restos de Ramón Somoza Álvarez e de José Rodríguez Silvosa, senón os dos irmáns José María e Ricardo García Moral, residentes en Quiroga e asasinados en 1936. A pesar de que a asociación contaba con referencias precisas do lugar no que foran soterrados, ao chegar alí atoparon que a igrexa orixinal fora derrubada, construíndose unha nova noutro lugar e facendo moi difícil a localización dos corpos. Nunha das catas atoparon uns restos que non podían pertencer a ningún dos irmáns, pero que abrían unha nova liña de investigación.

O que fai habitualmente a ARMH é buscar en primeiro lugar a confirmación documental do asasinato dunha persoa, así coma indicacións sobre a posible localización do seu cadáver, dirixíndose finalmente ata ese lugar para recuperar os restos, por indicacións dos seus familiares. Neste caso, o proceso foi inverso: a partir do achádego dos restos, os voluntarios e voluntarias das asociación investigaron en arquivos (coma o militar de Ferrol) ou no rexistro do Concello da Pobra do Brollón, e tamén recorreron a fontes orais, entre os veciños e veciñas da zona, ata dar coa identidade dos falecidos, atopando finalmente referencias ao seu asasinato en documentación militar e nos papeis do Concello, nos que constaba que en 1938 os dous homes apareceran mortos na Pobra do Brollón "por arma de fogo". Neste caso, o derradeiro paso foi a localización dos familiares, para que demandasen a recuperación dos corpos.

José Rodríguez Silvosa era de Lugo, pero vivía en Monforte, onde traballaba como xastre. Con 31 anos era viúvo e tiña tres fillos, que dende 1936 tiveron que ser acollidos e criados por unha tía. Participou na resistencia ao Golpe de Estado e estivo fuxido ata 1938, momento en que foi detido e paseado. Ramón Somoza Álvarez era tratante de gando, natural de Ourense, pero tamén residente en Monforte, onde fora concelleiro polo PSOE. Fora detido trala Revolución de 1934, xunto con Juan Tizón (tamén concelleiro socialista que en 1936 se converteu en alcalde da vila) e outros sete dirixentes da agrupación socialista local, todos ferroviarios. Neses días tamén foron enviados á cadea os rexedores de Sober e Ribas de Sil. Ao igual que Rodríguez Silvosa, tamén Somoza puido fuxir en 1936 e permaneceu agochado e, de feito, a súa familia tiña todo preparado para fuxir da zona nacional. Porén, foi delatado por un compañeiro de partido, a quen os falanxistas lle prometeron que salvaría a vida se lles indicaba o paradeiro do ex-concelleiro. Pero foi igualmente asasinado. Somoza era, ademais, cuñado de Víctor Martínez Rodríguez, tamén concelleiro en Monforte, fusilado en 1937.

 

"Un espazo de palabra"

"Abaixo pasan cousas, descóbrense os cadáveres, aparecen obxectos... Pero arriba tamén suceden moitas cousas. Os familiares emociónanse, contan anécdotas, lembran o falecido"

Carmen García-Rodeja (ARMH) destaca "o ambiente" que rodea aos traballos de exhumación: "Abaixo pasan cousas, descóbrense os cadáveres, aparecen obxectos... Pero arriba tamén suceden moitas cousas. Os familiares emociónanse, contan anécdotas, lembran o falecido". Neste caso estaban presentes os netos e bisnetos de José Rodríguez Silvosa e o sobriño de Ramón Somoza Álvarez. "Son familias con historias a medio resolver, que nese momento conseguen pechar un recordo moi doloroso. As exhumacións acaban por se converter nun espazo de conversa, nun espazo de palabra. Cóntanse historias, as familias solidarízanse unha coa outra", destaca. 

En ocasións, tamén se achegan aos traballos de exhumación outras persoas, non directamente relacionadas cos falecidos, pero que comparten con eles e as súas familias historias semellantes. "E nese momento xorden esas historias, relatos que se cadra poucas veces contaron nas súas vidas, que tamén permanecían soterrados", di Carmen García-Rodeja. Este sábado por aí pasou, por exemplo, o neto do alcalde fusilado da Pobra do Brollón, "que nos contou que a súa nai agochaba unhas zapatillas vermellas, para que non llas vira ninguén". "E tamén apareceu por aí un veciño, cuxo pai, despois de fuxir á zona republicana, volvera a Ferreira de Pantón porque a súa nai estaba moi enferma. Foi detido e mandado fusilar e só salvou a vida porque o cura que estaba alí cos militares era tamén de Ferreira", conta.

"Os familiares dicíannos que para eles José Rodríguez Silvosa era "o avó do que ninguén lles falaba, do que non sabían nada". "Só sabían que fora xastre, que sempre ía ben vestido e que levaba botóns de puño. Así morreu, escapando co seu traxe", engade

"Foi unha exhumación especialmente emocionante" -conclúe Carmen García-Rodeja- "Un dos familiares dicíanos 'sabía que este era un bo día, pero non sabía que ía ser un día tan alegre'". Os corpos atopados en Castroncelos apareceron a 25 metros un do outro. Un deles presentaba un impacto de bala no cránio, aínda que a autopsia ofrecerá máis detalles nas vindeiras semanas. Ramón Somoza Álvarez foi soterrado nun ataúde, mentres que José Rodríguez Silvosa foi cuberto directamente con terra.

No caso de Rodríguez Silvosa chamaron moito a atención dous achádegos xunto aos seus ósos: a fibela do seu cinto, parte do traxe de vestir co que fuxiu, e tamén uns botóns de puño "moi bonitos, de esmalte e de vivas cores", destaca Carmen García-Rodeja. "Os seus familiares dicíannos que para eles José Rodríguez Silvosa era "o avó do que ninguén lles falaba, do que non sabían nada". "Só sabían que fora xastre, que sempre ía ben vestido e que levaba botóns de puño. Así morreu, escapando co seu traxe", engade.

Un dos cadáveres que apareceu en Castroncelos © ARMH
Un dos botóns de puño que pertencían a José Rodríguez Silvosa © ARMH
A fibela do cinto dun dos dous homes asasinados en 1938 Dominio Público ARMH
Parte do equipo que participou nos traballos © ARMH
Familiares dunha das persoas cuxos restos foron atopados na exhumación © ARMH

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.