0 Gardados para despois

"Elviña é un barrio, non só un espazo por onde a 'verdadeira' cidade pode crecer"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Cando unha persoa entra ou sae da Coruña a través de Alfonso Molina pode reparar en dúas vivendas situadas nunha das súas marxes. Son a casa de Pilar e a casa de Luís e Pilar. A pouco que poñamos un pouco de atención é doado fixarse nelas, porque son os dous únicos inmobles tradicionais situados na beira desta avenida (orixinalmente coñecida como A Vedra) que leva seis décadas funcionando en realidade como unha vía de alta capacidade que se interna na cidade. Estas dúas casas resistiron nos últimos anos os intentos de compra, expropiación e derrubo ligados ao desenvolvemento do proxecto urbanístico do Parque Ofimático. Por isto e pola súa visibilidade funcionan ou poden funcionar como símbolo do que foi o barrio de Elviña. Tamén do que pode aínda ser.  

O grupo de arquitectos e arquitectas Ergosfera levaron a cabo unha investigación -Cousa de Elviña- sobre as orixes, o presente e o futuro do conflito entre os habitantes de Elviña e os desenvolvementos urbanísticos da cidade, tomando como base estas dúas vivendas e a súa contorna (A Pereiroa). O proxecto foi realizado no marco do programa Expontáneas da Concellaría de Cultura da Coruña, e é tamén unha exposición que xa se puido ver a semana pasada na sede do Concello, que está actualmente no local da Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda (no barrio de Montealto), e que entre o 18 e o 22 de xullo estará na sede coruñesa do Ministerio de Fomento.

"A intervención urbana formulada ten obxectivos ambiciosos en canto á fenda que tenta abrir: a ​introdución de dúbidas​ no pensamento institucional sobre o valor e a lexitimidade destas cousas urbanas sen importancia aparente"

"Levabamos tempo querendo traballar en Elviña. Como era un proxecto pequeno, con poucos recursos, decidimos centralo nesas dúas casas, que era o aspecto que máis nos interesaba como urbanistas. Parecíanos flagrante que estas dúas vivendas, á vista de todo o mundo, fosen ignoradas. Sobre todo representando o que representan de diferenza para unha avenida que máis tarde ou máis cedo será unha vía urbana e que vai requirir da complexidade e diversidade que lle dan estas dúas casas", explica Iago Carro, de Ergosfera. "A intervención urbana formulada ten quizais uns obxectivos pouco relevantes na súa materialización formal, pero moi ambiciosos en canto á fenda que tenta abrir: a ​introdución de dúbidas​ no pensamento institucional sobre o valor e a lexitimidade destas cousas urbanas sen importancia aparente", destacan dende o colectivo

A investigación bota a vista cara atrás, á historia dun barrio que pola súa condición periférica, situado ademais nunha das entradas naturais da cidade, foi afectado por distintas iniciativas urbanísticas (a propia avenida, o Campus Universitario, o polígono de Someso...). "O feito de que Elviña sexa o gran conflito urbanístico desta cidade non é algo que veña só deste conflito último. Pola súa posición estratéxica no borde da cidade e pola súa condición de núcleo de orixe preindustrial, que parece que para o mundo do urbanismo non ten a mesma lexitimidade que un barrio normal, semella que só é un espazo de oportunidade por onde a verdadeira cidade pode crecer", destaca.

"Pola súa condición de núcleo de orixe preindustrial semella que só é un espazo de oportunidade por onde a verdadeira cidade pode crecer"

E, sobre todo, percorre a historia do proxecto do Ofimático (que se resume á perfección nesta completa infografía). "É o primeiro gran proxecto da era Fraga, desa ideoloxía da mellora das cidades a través das grandes obras, é un proxecto que xurdiu tres meses despois do inicio do seu primeiro goberno. Foi a súa primeira Cidade da Cultura, un plan que anos despois fracasou como proxecto empresarial e que acabou converténdose no marco da burbulla, nunha iniciativa inmobiliaria máis", destaca Carro.

A investigación debulla as características previas deste espazo e cartografía os elementos aínda existentes: "Analizamos como progresivamente se foi desconectando o barrio do resto da cidade e tamén no seu interior. A mobilidade é un dereito básico, e aquí fóronse suprimíndose, unha por unha, as conexións peonís. Analizamos con detemento a zona da Pereiroa, onde se sitúan estas dúas casas. Cartografiamos o tipo de árbores que hai, porque hai árbores que teñen máis de 80 anos, as conexións peonís, os espazos de memoria" (infografía que recolle a información detallada sobre o lugar)

E mira cara ao futuro, cara a posibilidade aínda aberta de repensar o desenvolvemento urbanístico nesta zona, pero respectando o preexistente, sobre todo tendo en conta que nos vindeiros anos se levará a cabo unha transformación da Avenida de Alfonso Molina para convertela, no que en teoría é: unha avenida urbana (esta infografía analiza as características desta vía de comunicación). "Elviña é unha das cousas máis urbanas que pasan en Alfonso Molina, é o que máis relación ten coa propia avenida. Cando Alfonso Molina volva ser realmente unha avenida, con usos peonís, agradeceremos que Elviña siga aí, achegando esa calidade urbana ao espazo. Será esta década ou a que vén, pero está claro que Alfonso Molina non pode seguir sendo unha autoestrada", subliña Carro.

"Cando Alfonso Molina volva ser realmente unha avenida, con usos peonís, agradeceremos que Elviña siga aí, achegando esa calidade urbana ao espazo"

"O ámbito pódese transformar, pero respectando o existente", di. "O bo é que nesa marxe do barrio está previsto que haxa equipamentos. O Concello ten a oportunidade, a través de obra pública, de integrarse nese entorno, en vez de destruílo, facer que o novo se infiltre", reclama. E engade que "esta reflexión é aplicable a toda Galicia. Interésanos esa hibridación entre o novo e o vello, en lugar da fórmula que está escollendo agora a ideoloxía dominante no urbanismo, que é facer tábula rasa". "O vello pode convivir co novo. Pero en Galicia tivemos uns académicos e uns gobernantes que entenderon que a mestura é feísmo, e que é mellor arrasar co vello e facelo todo novo, ou conservar o vello en formol e non deixar que se transforme", reitera.

"O Concello ten a oportunidade, a través de obra pública, de integrarse nese entorno, en vez de destruílo, facer que o novo se infiltre"

"En toda cidade hai moitísimos núcleos de orixe preindustrial, e todos teñen enriba a ameaza do urbanismo. Hai que comezar a entender que o patrimonio non é só aquilo que os académicos digan, senón que o patrimonio é todo aquilo que implica unha diferenza na cidade. Nós non valoramos estas casas como un recordo do que foi o mundo rural, antigo, senón que as destacamos como un valor de futuro. Ti imaxina dentro de 50 anos, nunha Alfonso Molina convertida en avenida, a diferenza que establecerían estas casas en relación cos edificios modernos que as rodean. Debemos cambiar o concepto de patrimonio, para non defender só as cousas polo que foron, senón tamén polo que son", subliña.

"O Parque Ofimático podería terse construído sen ter derrubado as 45 vivendas que se derrubaron"

Carro incide, finalmente, na posibilidade de facer outro urbanismo: "O Parque Ofimático podería terse construído sen ter derrubado as 45 vivendas que se derrubaron", conclúe. "Fainos gracia que sempre se di que a participación cidadá ralentiza os tempos do urbanismo e fai máis difícil a operatividade da xestión. Pero a realidade é que un proxecto que non tivo ningún deses supostos inconvenientes, leva xa 26 anos e aínda non está concluído. Se lles preguntaran aos veciños e veciñas nun comezo quen quere quedar, quen quere marchar, quen se quere converter en promotor, tería sido un proceso moito máis fluído e seguramente estaría rematado" (infografía que explica o desenvolvemento do conflito entre as distintas partes).

"Se desaparecen estas vivendas, perdemos a oportunidade de coñecer que poden existir outro tipo de barrios"

E regresa ás dúas casas, as vivendas de Pilar e de Luís e Pilar. "Esas dúas casas son a conexión que ten o resto da cidade coa existencia de Elviña. Teñen que xerarche algunha curiosidade: que fan alí esas dúas vivendas nun territorio no que só está pensado que haxa torres, grandes edificios e grandes equipamentos? Se desaparecen, perdemos a oportunidade de coñecer que poden existir outro tipo de barrios. Os territorios complexos como Elviña son unha oportunidade, pero non como espazo baleiro e expectante para o avance da cidade ordenada, senón precisamente como parte diferencial da cidade que engade diversidade á experiencia urbana da Coruña. Parece que nas cidades só pode haber barrios densificados, con edificios de pisos. E non é así. É bo que existan outras tipoloxías", conclúe.

 

As opcións de futuro para A Pereiroa

O informe remata analizando as opcións postas sobre a mesa para salvar as vivendas do ámbito da Pereiroa, as accións urbanísticas que requiría e o que implicaría para a veciñanza e o Concello

O informe remata analizando as opcións postas sobre a mesa para salvar as vivendas do ámbito da Pereiroa, as accións urbanísticas que requiría e o que implicaría para a veciñanza e o Concello. Estas opcións son a desafectación da marxe de Elviña, a desafectación destas vivendas e a reordenación do ámbito da Pereiroa, de xeito que se reorganizaría a ordenación urbanística proposta polo Plan Parcial, respectando estas vivendas. Para a reordenación hai, ademais, tres variantes posibles.

Dende Ergosfera sinálase que o obxectivo é "solucionar o problema da veciñanza do xeito máis sinxelo posible", mantendo o máximo posible o peso da decisión no Concello en lugar de na Xunta

Salientan que as dúas fórmulas posibles de desafectación obrigarían a realizar unha modificación puntual no PXOM, unha operación na que sería necesario o acordo da Xunta. Sinálase, pola contra, que a fórmula da ordenación implicaría unicamente unha modificación puntual no plan parcial e no proxecto de reparcelación. A condición que se debe cumprir é manter as superficies públicas que propón o plan parcial, polo que se necesitan 13.300 m2 de superficie dotacional e 3.350 m2 de superficie de espazos libres. Unha das dúas posibilidades de reordenación non cumpre con estas cifras, pero as outras dúas si.

Dende Ergosfera sinálase que o obxectivo é "solucionar o problema da veciñanza do xeito máis sinxelo posible", reducindo ao mínimo o ámbito do plan a modificar para afectar o menos posible ao resto dos axentes implicados, mantendo o máximo posible o peso da decisión no Concello en lugar de na Xunta. E traballando "o consenso entre todos os afectados pola nova modificación, partindo da máxima seguridade xurídica para evitar os constantes litixios que afronta o plan".

"A reordenación do ámbito da Pereiroa é unha oportunidade para desenvolver outras políticas urbanísticas máis sensibles coa vida urbana e máis xustas coas persoas"

Conclúen que "a reordenación do ámbito da Pereiroa, incluíndo ambas marxes da avenida, é unha oportunidade inesperada para formular un novo futuro para unha peza singular, estratéxica e maltratada polo planeamento vixente. Unha oportunidade para desenvolver outras políticas urbanísticas máis sensibles coa vida urbana e máis xustas coas persoas".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.