0 Gardados para despois

Zonas verdes e vías ciclistas, propostas máis votadas nos orzamentos participativos da Coruña

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Mobilidade e zonas verdes son, de forma clara, as dúas maiores preocupacións dos cidadáns e cidadás da Coruña que están a participar no proceso de Orzamentos Participativos, que vén de iniciar a súa Fase de Avaliación. Nas vindeiras semanas persoal do Concello analizará a viabilidade técnica e económica das iniciativas máis votadas e o 15 de setembro comezará a votación final das ideas realizables. Nos Orzamentos de 2017, un millón de euros investiranse nos proxectos escollidos pola cidadanía. 

Dous grandes temas destacan por riba dos demais: a necesidade de que A Coruña conte con máis parques, árbores e zonas verdes e máis facilidades para o uso da bicicletas na cidade

Á vista das propostas máis votadas, dous grandes temas destacan por riba dos demais. Por unha banda, a necesidade de que A Coruña conte con máis parques, árbores e zonas verdes. Unha das dúas ideas con máis apoios (260 votos) refírese á creación dun gran bosque nas ladeiras do monte de Elviña. Pero a esta iniciativa únense outras que piden "aumentar a cantidade de árbores nas rúas da cidade, recuperando zonas verdes que a anterior corporación municipal converteu en cemento", unha "reforestación integral en toda a cidade", "plantación de 111 árbores autóctonas entre Monte das Moas - Parque de Eirís" ou a creación de hortos urbanos.

Outro bo número de ideas refírense á creacións de carrís-bici, de sendas peonís e para bicicletas (por exemplo nos terreos do oleoduto que une a terminal de San Diego coa Refinería de Repsol), á mellora e ampliación do sistema de Bicicoruña, á recuperación do carril-bus (aproveitando para facilitar a circulación de ciclistas) ou á construción de pasarelas na ría do Burgo. Son varias ducias as propostas que de xeito máis xeral ou máis concreto piden máis facilidades para o uso da bicicletas na cidade.

Claudia Delso salientou que o proceso está a demostrar que "a cidadanía ten desexo e necesidade de participar a través de mecanismos de democracia directa" e que "coñece a súa cidade, coñece os seus barrios e tamén as súas necesidades”

Na presentación dos resultados das votacións, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, salientou que o proceso está a demostrar que "a cidadanía ten desexo e necesidade de participar a través de mecanismos de democracia directa" e que "coñece a súa cidade, coñece os seus barrios e tamén as súas necesidades”. Delso explicou que as distintas propostas formuladas pola cidadanía recibiron un total de 13.082 apoios e que a plataforma web que sostén todo o procedemento recibiu un total de 18.643 visitas entre o 7 de xuño e o 15 de xullo. A convocatoria de ideas contou con máis de medio milleiro de propostas, das que se descartou unha parte, pasando 362 á fase de votacións. Dada a natureza das propostas, son as áreas de Rexeneración Urbana, Mobilidade, Medio Ambiente e Innovación Tecnolóxica as que neste momento están a traballar con máis detemento na análise da súa aplicación práctica.

 

As 15 propostas con máis votos

  1. O gran bosque da Coruña. "Visto que na Coruña cada vez domina máis o cemento -claro exemplo témolo na zona da Mariña- e que os máis importantes urbanistas xa dixeron no seu momento que necesitaba máis zonas verdes, a miña proposta vai encamiñada a solucionar dúas cousas dunha vez. Por unha banda, rematar a musealización do abandonado Castro de Elviña, e por outra facer na súa contorna, sobre todo na ladeira do monte que baixa cara a Pocomaco e cara a Feans, un gran bosque de especies autóctonas".
  2. Creación dunha rede de vías ciclables na cidade. "Unha rede viaria segura e útil que anime a todas as coruñesas a moverse en bicicleta como un medio de transporte eficaz, seguro, económico e saudábel. Esta rede debería combinar carrís-bici exclusivos con vías Zona20 ou Zona30 ben definidas onde as bicicletas tivesen preferencia sobre os vehículos de motor".
  3. O antigo cárcere da Coruña como centro social, cultural e deportivo. "A nosa proposta é que se se aceleren os trámites para que este edificio se convirta en municipal e se faga un investimento para a súa rehabilitación. Todas as asociacións ou cando menos a maioría delas temos unha gran necesidade dun espazo óptimo para desenvolver a nosa actividade".
  4. Recuperación do carril-bus. "É difícil explicarlle a alguén que veña dunha grande urbe europea que aquí se decidira eliminar o carril preferente para transporte publico e que teñamos un volume de retencións de trafico e atascos tan importante para o tamaño (pequeno) desta cidade".
  5. Tarxeta Milenium no móbil. "Utilización do móbil como tarxeta Millennium para o transporte público, na que se poidan facer as recargas dende o mesmo aparato e dende a tua propia conta bancaria, sen ter que utilizar os caixeiros e oficinas de Abanca, única alternativa existente ata agora"
  6. App de incidencias. "Creación dunha app municipal para dar parte sobre incidencias, danos e suxestións. Se vas pola rúa e ves unha papeleira rota, un farol estragado, un bolardo arrincado ou unha varanda frouxa, podes sacarlle unha foto e dar parte da incidencia e a localización a través desa app".
  7. Máquinas de reciclaxe de envases de plástico, latas e vidro. "Pór máquinas nas entradas de supermercados que devolvan unha parte do diñeiro que previamente pagaron por eses produtos ao entregar envases de plástico, latas e vidro".
  8. Hortos urbanos municipais. "Pór en marcha hortos urbanos en distintos puntos da cidade, xestionados por profesionais da agricultura ecolóxica, mantelos mediante cursos de formación a xente desempregada realmente interesada, e comercializar en mercados locais o producido. Utilizar os mesmos como centros de educación ambiental infantil e promoción de pulmóns verdes na cidade"
  9. Unha pasarela que una o porto de Oza co paseo do Burgo. "Sería unha solucion moi barata, eficaz e rápida para conectar estes dous puntos con carril bici e zona peonil"
  10. Comedores de verdade en centros públicos. "Os centros de ensino non dispoñen de cociñas que dean servizo aos comedores, todo ten que ser de catering".
  11. Cambio de herba artificial do campo da Torre por un compatible co rugbi. "O CRAT A Coruña leva máis de dez anos sen xogar na cidade, xa que dende o cambio da herba natural na Torre non poden utilizar o campo, véndose obrigados a xogar noutro concello. O CRAT ten equipos dende a categoría sub6 a sub18, dous equipos senior masculino (un na División de Honra B) e un equipo feminino na División de Honra e que é campión de España".
  12. Continuar adaptando a cidade para persoas en cadeira de rodas. "É necesario un maior investimento en mellora de beirarrúas, pasos de cebra e para que todos os buses teñan rampla de acceso para persoas con mobilidade reducida".
  13. Recuperación do Castro de Elviña. "Propoño a recuperación deste xacemento a través dunha parcelación menos agresiva e de menor impacto ambiental e paisaxístico; traballos de mantemento regulares que eviten a custosa dinámica de deterioración/limpeza; posta en marcha dun proxecto de musealización e posta en valor do castro".
  14. Creación dunha Biblioteca Municipal en Novo Mesoiro. "É o barrio máis afastado do casco urbano. Carecemos dunha biblioteca e necesitamos a realización de programas de animación á lectura dirixidos especialmente ao público infantil e xuvenil"
  15. Piloto de migración a Software Libre. "Este proceso é custoso e ambicioso no seu conxunto, mais poden darse pasos. A miña proposta sería facer un piloto collendo como referencia un número limitado de postos de funcionarios e facer unha migración dos seus equipos a software libre de forma progresiva, comezando polas aplicacións máis habituais"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O Concello proxecta unha rede ciclable de 107 quilómetros para esta lexislatura

O Goberno local da Coruña fixo público este martes o seu proxecto de rede ciclable para desenvolver ao longo desta lexislatura, co obxectivo de acadar os 107,2 quilómetros, seis veces máis extensa que a actual rede de carrís-bici (17,3 quilómetros) que, ademais, non ten conexión entre os distintos treitos nin cos concellos veciños. 

O obxectivo do Concello, como destacou o edil de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, é crear e sinalizar unha rede de itinerarios ciclistas por toda a cidade composta tanto por carrís bicis como por vías de coexistencia. Ademais, tamén se proxecta ampliar a rede de aparcabicis, potenciar o servizo actual de alugueiro de BiciCoruña e fomentar a intermodalidade. Na actualidade, un carril-bici bordea o litoral, dende O Portiño até a Mariña, e polo outro, existe outra conexión que discorre pola Avenida Pablo Picasso e que enlaza co campus universitario de Elviña. A rede compleméntase cos carrís bici da praias de Oza e do parque de San Diego, así como o que acompaña ao novo viario de conexión de Novo Mesoiro.

De forma inmediata, comenzando as obras despois do verán e rematando no horizonte do próximo ano­­, levarase a cabo en colaboración coa Deputación da Coruña unha actuación que unirá o carril bici situado dentro da cidade coa rede do carril bici metropolitano, creando conexións (de aproximadamente 5,5 quilómetros) cos concellos de Culleredo e Arteixo. Nesta primeira fase tamén se contempla a conexión do carril bici universitario co metropolitano (1,7 quilómetros).

“O noso obxectivo é crear unha rede de itinerarios que constitúan unha estrutura funcional, que garanta a seguridade do ciclista no tránsito entre zonas de tráfico acougado e que conecte os barrios da cidade con zonas de interese”, declarou Díaz Grandío. “Unha rede formada por unha mestura de vías ciclistas específicas e segregadas do resto da circulación, sendas ciclables e vías calmadas, onde coexista o tráfico entre bicicleta e peóns. A finalidade é sempre potenciar a mobilidade non motorizada, e potenciar o uso deste transporte sustentable, pero sempre facéndoo dun xeito seguro e confortable”, engadiu.

Díaz Grandío quixo destacar tamén a grande acollida que ten entre a poboación o servizo de BiciCoruña, que neste momento conta con 22 estacións de préstamo repartidas pola cidade, estando prevista para este ano a creación dunha nova. camiño. O ano 2015 pechouse con 2.915 usuarios do sistema, e no que levamos de 2016 a cifra de usuarios chega xa aos 3.177, o que supón un novo récord. O concelleiro salientou que o pasado verán "batéronse todos os rexistros de usos, superando por primeira vez no verán os 20.000 usos nun mes" e que "segundo as previsións, este verán volverase a superar esa cifra”.