En Galicia hai case 700.000 galegos e galegas en risco de pobreza ou exclusión social, unha de cada catro persoas (25,7%). A situación é aínda máis grave para unhas 115.000 persoas que sofren carencias materiais severas (o 4,2%). Este mércores as 128 entidades representadas en EAPN-Galicia (Rede Galega de Loita contra a Pobreza) presentaron a campaña As persoas primeiro, que lles reclama a todas as forzas políticas que este tema e estas persoas sexan protagonistas e un dos eixos centrais nas eleccións do 25 de setembro. A campaña demándalles aos partidos compromisos concretos para a mellora da calidade de vida destas persoas, co obxectivo de que nos vindeiros catro anos o número de galegos e galegas con carencia material severa se reduza á metade e que a cantidade total de persoas en situación de pobreza ou exclusión diminúa nun 15%.
A campaña demándalles aos partidos compromisos concretos, co obxectivo de que o número de galegos con carencia material severa se reduza á metade e que a cantidade total de persoas en situación de pobreza diminúa nun 15%
Para os e as responsables de EAPN-Galicia, estes compromisos e medidas concretas, un total de 50, son "perfectamente asumibles" para o Goberno galego. Abranguen accións que garantan a igualdade de dereitos, o apoio á infancia e a mocidade, estratexias de formación e inclusión laboral, fomento do emprego digno, a erradicación do “curtopracismo” da acción política, o fomento da inclusión activa e non asistencialista, o fomento da transparencia ou aprobación da Lei do Terceiro Sector Social. Pídese "asegurar a máxima coordinación e corresponsabilidade política e técnica na loita contra a pobreza e a exclusión", creando ademais unha Vicepresidencia "que asegure a coordinación entre todas aquelas areas con implicación en servizos sociais".
"Xa non abonda con boas intencións, as promesas etéreas ou o refuxio nun indecente reparto de culpas políticas entre administracións. Tampouco é admisible abusar da boa fe das persoas e da súa solidariedade para evitar responsabilidades políticas. No que debe ser unha política de estado, son imprescindibles compromisos firmes e resultados urxentes na mellora da calidade de vida das persoas", salientan os responsables de EAPN-Galicia.
"Xa non abonda con boas intencións, as promesas etéreas ou o refuxio nun indecente reparto de culpas políticas entre administracións. Tampouco é admisible abusar da boa fe das persoas e da súa solidariedade para evitar responsabilidades políticas"
A campaña inclúe reunións públicas cos candidatos das distintas formacións políticas, así como a divulgación dun decálogo no que se resumen as medidas que consideran urxente adoptar e a posta á disposición dos votantes dun espazo informativo específico en Internet (www.pobreza.gal), no que poidan ter unha visión global e comparativa das propostas que distintas as formacións inclúen nos seus programas electorais. A coordinadora que promove a campaña reúne a 128 organizacións non gobernamentais; 1.200 profesionais e 4.300 voluntarias do Terceiro Sector Social. A campaña foi presentada por Antonio Hernández, presidente da EAPN‐Galicia e mais Mónica Permuy e Patricia Blanco, vicepresidenta e tesoureira da entidade.
As medidas
Demándase transparencia, inclusión activa non asistencialista, e asegurar" a máxima coordinación e corresponsabilidade política e técnica"
Entre as medidas propostas, pídese "garantir o dereito a unha vivenda digna", coa erradicación do chabolismo e a infravivenda e a posta en marcha dun programa de alugueiro de vivendas publicas, alugueiro social e prevención de desafiuzamentos. Demándase acadar a mesmo porcentaxe de persoas perceptoras da RISGA que Asturias (14,5 por cada 1000 habitantes), simplificar os procedementos administrativos e avanzar cara á unha Renda de Garantía de Ingresos como medida de choque contra a pobreza.
Reclámase tamén a universalidade da Sanidade e a Educación para calquera persoa que viva en Galicia, a "exención" do copago farmacéutico e hospitalario e "non admitir diferenzas entre pobreza de aquí e de alá", entendendo a cooperación para o desenvolvemento como unha política social pública e incrementando a axuda ao desenvolvemento ata o 0,2% no final da lexislatura (hoxe sitúase no 0,05%).
Entre as medidas hai accións de emprego, vivenda, axuda á infancia, cooperación internacional, e a garantía de atención sanitaria e ensino público universal
No que respecta á infancia, demándese a ampliación inmediata ata os 3 anos de idade do Cheque Benvida para nenas e nenos en pobreza e complemento dende a Xunta de Galicia da prestación estatal por fillo a cargo (actualmente 24,25€) ata os 100€/mes, mentres non se implante en todo o Estado. Tamén un plan específico de apoio a familias monoparentais e monomarentais e un plan de incentivos para o retorno de poboación xuvenil emigrada. En canto ao emprego, pídese o aumento de 10 puntos da taxa de actividade e ampliar ao 7% a reserva de mercado da Xunta de Galicia para empresas de inserción e centros especiais de emprego (sen ánimo de lucro).
Esíxese finalmente que cada unha das 115.000 persoas en situación de Privación Material Severa dispón, no prazo máximo de 10 días hábiles, dunha profesional única de referencia, apostando por un traballo "de Inclusión Activa e non asistencialista". E "erradicar a procura do lucro na loita contra a pobreza e a exclusión", ademais de promover a implantación de cláusulas sociais na contratación pública.