Navarra, País Vasco, Andalucía, Estremadura, Canarias e Madrid contan con leis de Identidade de Xénero, normas aprobadas nos últimos anos buscando a plena integración social das persoas transexuais, con especial atención aos e ás menores. Trátase dunha vella demanda que os colectivos LGTBI galegos esperan que na vindeira lexislatura autonómica se converta en realidade. Para conseguilo, as asociacións Transforma Unión Trans e Arelas -Asociación de Familias de Menores Trans-, acompañadas de A.L.A.S., CASCO e Ultreia presentaron este mércores 10 "propostas básicas" que debería conter a futura Lei Integral de Identidade de Xénero na que están a traballar con máis asociacións e activistas LGTBI de Galicia.
O seu obxectivo é presentar a norma no Parlamento galego no ano 2017
O seu obxectivo é presentar a norma no Parlamento galego no ano 2017, buscando o maior consenso posible para acadar un completo recoñecemento da identidade de xénero en todos, engadindo tamén unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade. As entidades salientan que "cada día moitas persoas son rexeitadas no ámbito familiar, acosadas no ámbito educativo, patoloxizadas dende o ámbito sanitario, o que obriga a moitas persoas trans a largos anos de espera para optar as ciruxías requiridas por eles/elas, sen opción a outra alternativa". Denuncian igualmente que estas persoas son decote "excluídas do ámbito laboral, obrigadas a ter que mostrar cada día unha documentación que non as identifica, e a sufrir todo tipo de violencias transfóbicas polo simple feito de non identificarse co sexo asignado ao nacer".
Reclaman unha carteira de servizos e políticas públicas a favor da inclusión das persoas trans na sociedade
Entre o decálogo de propostas destaca o obxectivo de que a carteira de servizos médicos garanta "a despatoloxización da transexualidade, os tratamentos específicos e, no seu caso, as cirurxías de reasignación sexual necesarias, en todas as etapas da vida das persoas trans". E, igualmente, "a creación dunha unidade asistencial de referencia de identidade de xénero que se especialice na formación e na realización de listaxes de profesionais sanitarios/as de referencia, na realización de guías de recomendacións, estadísticas e estudos, así como a execución de todas aquelas cirurxías requiridas".
Demándase tamén "a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos, nos plans de convivencia dos centros, e nos plans de estudo das universidades para que, dende as primeiras etapas da educación, se coñeza a diversidade, previndo así todas as situacións de acoso e/ou bullying que se dan nos centros educativos". Pídese así mesmo a creación dun Observatorio LGTBI de investigación, control, atención integral e asesoramento xurídico, que vele polo cumprimento das leis LGTBI". E apóstase por medidas que incrementen a sensibilidade social na cultura, no deporte, nos medios de comunicación e entre os traballadores e traballadoras da administracións pública.
Demándase tamén "a inclusión da diversidade sexual e de xénero nos currículos educativos, nos plans de convivencia dos centros"
Reclámase tamén a realización de plans galegos de fomento do emprego, autoemprego e de medidas fiscais compensatorias, para a inserción laboral das persoas trans residentes en Galicia. Pídese a creación dun plan de inclusión social que loite contra o estigma e a discriminación das persoas trans, que se atopen en risco ou en situación de exclusión social, "con especial interese naquelas persoas que exerzan a prostitución en contra do seu desexo, inmigrantes, refuxiados/as, exreclusos/as, persoas afectadas polo VIH". Finalmente, reclaman dotar dun réxime sancionador á Lei Galega de Identidade de Xénero, que recolla especificamente a discriminación, a exclusión social, e todo tipo de violencia, por mor da identidade sexual e/ou de xénero.