Un tren procedente de Vigo e con destino ao Porto descarrilou na mañá deste venres na entrada da estación do Porriño provocando cando menos catro falecementos e feridas en 43 persoas. Un dos falecidos é o maquinista do tren, portugués, e outro o interventor, vigués. Morreron tamén un mozo vigués de 23 anos e un turista norteamericano. Outras 47 persoas resultaron feridas de diversa consideración.
O tren sinistrado, operado conxuntamente por Renfe e Comboios de Portugal, é un dos coñecidos popularmente como 'Celta', dos máis antigos que transitan polas vías galegas e portuguesas e que unen a cidade de Vigo con localidades como Valença do Miño ou a cidade do Porto.
Un dos falecidos é o maquinista e outro o interventor
O tren saíu de Vigo ás nove da mañá e tiña previsto chegar a Porto algo máis de dúas horas despois, pasadas as dez da mañá hora portuguesa. Cara as nove e media da mañá, entrando á estación do Porriño, onde non tiña parada programa, foi onde descarrilou, xusto tras pasar sobre dous cambios de vías. Chocou primeiro contra a base dun paso superior de pedra e logo contra unha torre eléctrica de metal, onde quedou detido co primeiro vagón automotor envorcado e a súa cabina notablemente danada, mentres que os seus outros dous vagóns, aínda que tamén descarrilados, permaneceron en vertical.
Como en todo accidente con vítimas, ábrense de xeito automático dúas investigacións, a administrativa realizada pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF), que adoita tardar entre medio ano e un ano en culminarse, e a xudicial, iniciada polo xulgado de garda do Porriño e que pode tardar varios anos.
O treito
Na entrada ao Porriño, cunha lixeira curva á esquerda, a velocidade á que veñen circulando os trens desde as relativamente longas rectas do treito anterior vese limitada non só polo seu paso pola estación senón fundamentalmente pola existencia, xusto a continuación do apeadeiro, dun moi transitado paso a nivel no centro da poboación no que se teñen producido incidentes polo mal funcionamento das súas barreiras. Ademais, a estación, como todas, ten unha serie de bifurcacións que esixen pasar sobre elas a menor velocidade. Por esas bifurcacións tivo que pasar o tren este venres xa que así o obrigaban as obras de mantemento que Adif estaba a realizar na zona.
O treito está dotado co sistema de seguridade ASFA
Para regular o tráfico e a velocidade nesa contorna, á entrada da estación hai semáforos e balizas automáticas do sistema de seguridade convencional ASFA, o maioritario en toda a rede ferrroviaria española. O sistema require que o maquinista pulse un botón na cabina confirmando que é consciente da limitación que lle marca o semáforo, programado a distancia por Adif, ou, do contrario, a baliza frea o tren de xeito automático.
A atención ás vítimas
Veciñanza e servizos de emerxencia, atendendo as vítimas
Minutos despois do descarrilamento veciñanza da zona comezou a atender as persoas accidentadas sobre as propias vías e mais nas instalacións da estación porriñesa, mentres un helicóptero de emerxencias sanitarias se desprazaba á zona para trasladar os feridos máis graves. O responsable do operativo sanitario na zona informou da derivación dunha vintena de pacientes ao Hospital Álvaro Cunqueiro, 9 ao Hospital Fátima e 14 ao Povisa, os tres en Vigo. Catro persoas con feridas de menor consideración foron atendidas no centro de saúde do Porriño.
Teléfono de atención a persoas afectadas polo accidente: 900 101 020
Segundo informou o 112, foron as chamadas dos veciños as que alertaron os servizos de emerxencias, un operativo no que traballan, ademais dos equipos médicos, os bombeiros do Baixo Miño e de Vigo, Protección Civil e a Policía. Na zona está xa tamén a xuíza de garda no Porriño, a titular do xulgado de instrución número dous, que xunto cunha letrada e dous forenses procedeu ao levantamento dos cadáveres. A Xunta informa ademais do teléfono de balde habiltado por Adif para informar as persoas afectadas polo accidente, o 900 101 020.
As primeiras reaccións ao accidente chegaron dende o Goberno galego e as forzas políticas. PP, PSdeG, En Marea, BNG e Ciudadanos anunciaron a suspensión da xornada de campaña electoral e a Xunta, dos seus actos públicos.