Os dispositivos que rexistraron os datos máis relevantes sobre como circulaba o tren que o pasado venres descarrilou no Porriño deixando catro mortos abríronse este martes e reflicten que o convoi ía a 118 quilómetros por hora. Esa velocidade está por baixo do límite de 120 establecido de xeito habitual cando ese servizo Vigo-Porto atravesa a estación do Porriño pola vía directa pola que pasan os trens que non teñen parada alí. Porén, o venres Adif estaba realizando obras na zona e a circulación estaba desviada a través dunha vía secundaria que o tren tiña que tomar a un máximo de 30 quilómetros por hora. Non o fixo así e descarrilou pouco despois de tomar o primeiro desvío.
Os datos relativos a como circulaba o tren e a disposición das vías e a sinalización foron obtidos das caixas negras por diversos técnicos en presenza xudicial na mañá deste martes. Ademais da velocidade do tren, segundo informan La Voz de Galicia e Europa Press, os técnicos comprobaron que as vías estaban efectivamente dispostas para desviar o convoi pola vía secundaria e que a sinalización semafórica previa á estación do Porriño indicaba precaución, o que debía levar ao maquinista a reducir a velocidade.
As caixas negras reflicten que a sinalización indicaba precaución, pero o maquinista mantivo a velocidade á que normalmente se circula pola zona
O sistema de seguridade do tren sinistrado, o ASFA (Anuncio de Sinais e Freado Automático) existente en toda a rede convencional española, esixe que os maquinistas pulsen un botón ao paso por cada semáforo co que indican que están recoñecendo a orde que este lles transmite. Se non o pulsan, o tren fréase de xeito automático. Porén, se o maquinista pulsa o botón indicando que viu o semáforo pero logo non frea como lle indica este, o ASFA básico co que estaba equipado o tren sinistrado non o fai por el, como si faría o ASFA dixital máis moderno instalado noutros convois.
Un maquinista consultado por este diario indica que, aínda que o ASFA básico non free o tren, si emite alertas sonoras e visuais de xeito constante ata que o maquinista cumpre co que lle indica o semáforo. Á vista da velocidade rexistrada, a conclusión de varios expertos consultados é que o maquinista nin chegou accionar o freo antes de descarrilar.