Rebordechán, no concello de Crecente, é unha parroquia rural como moitas outras en Galicia, que sofre un imparable problema de envellecemento e despoboamento. Hoxe conta cun cento de veciños e veciñas -unha boa parte deles e delas só nominalmente, pois traballan e residen noutras localidades-, cando en 1999 eran 142 e en 1753 o censo do Marqués da Ensenada recollía cando menos 682 habitantes. Hai anos que en Rebordechán asumiron que debían organizarse para cambiar o futuro da súa aldea, para que puidese ter un futuro. E en 2006 a Comunidade de Montes comezou a promover un proxecto de reordenación do monte que permitise adaptar os recursos de sempre ás novas demandas. Máis adiante naceu a cooperativa veciñal O Tempo da Aldea, que hoxe conta cuns 80 socios e socias.
En 2007 a Comunidade de Montes impulsou un Plan de Xestión Integral do Monte, a través dunha UXFOR (Unidade de xestión forestal), e deseñou un completo Proxecto de desenvolvemento integral de Rebordechán, que foi aprobado en 2011. Dende entón, o proxecto tivo que superar unha auténtica carreira de obstáculos burocráticos nos distintos departamentos da Xunta, que obrigou a reformular o documento inicial que, por fin en 2015, obtivo todos os permisos necesarios.
Este plan para o futuro de Rebordechán inclúe a produción de legumes e froitas mediante parámetros ecolóxicos, a cría de animais (porco celta e cabras, que ademais axudarán ao control da matogueira no monte), o aproveitamento apícola e a explotación turística, cunha ampla rede de rutas de sendeirismo e a instalación dun campamento que tamén poderá servir como aula viva de educación ambiental e etnográfica, sobre todo para os máis novos e novas. O proxecto prevé a creación dun bo número de postos de traballo (8 no comezo e ata 15-20 cando o proxecto sexa estable), co obxectivo final de fixar poboación nova na parroquia, xerando un beneficio económico na contorna e axudando a dinamizar todo o Concello.
O necesario apoio da administración
Os socios e socias que forman parte da cooperativa e a propia comunidade de montes realizaron nos últimos anos achegas importantes, pero para completar a iniciativa O Tempo da Aldea necesita máis financiamento, ao redor de 200.000 euros, co obxectivo de poñer en marcha actividades que consigan que o proxecto xere ingresos dende o comezo, e sexa economicamente autosustentable.
"Ofrecemos unha solución privada a un problema público e político: o despoboamento do rural. Nós fixemos o noso traballo, a responsabilidade de que o rural estea vivo é das administracións"
Unha axuda que, de momento, non chegou dende a administración. "O noso proxecto explícase en dúas liñas: en Galicia hai preto de 2.000 aldeas abandonadas e outras tantas a piques de desaparecer. Nós queremos aproveitar os recursos da aldea e do monte, xerar postos de traballo, acabar cos lumes e achegar unha idea para o futuro do rural galego. Levamos moitos anos coidando do noso pasado e chegou o momento de dar un paso adiante. Ofrecemos unha solución privada a un problema público e político: o despoboamento do rural", explican. "Nós fixemos o noso traballo, o proxecto está completamente deseñado, a responsabilidade de que o rural estea vivo é das administracións", salienta David Lourido, vogal da cooperativa e responsable de Comunicación.
Destacan que a relación co Concello é boa, pero aínda que a finais do pasado a Deputación de Pontevedra lles abriu nun primeiro momento as portas, dende O Tempo da Aldea denuncian que non volveron ter noticias do ente provincial, ao que lle dedicaron hai uns días unha carta aberta. A relación coa Xunta non é mellor: "É moi rechamante que un proxecto coma o noso, que busca tirar proveito dos recursos do rural e do monte, para protexelo, conservalo e potencialo, aínda non atopou cabida en case que ningunha liña de subvención", destaca Lourido.
"É rechamante que un proxecto coma o noso aínda non atopou cabida en case que ningunha liña de subvención"
"Aínda estamos a tempo"
"Hai unhas semanas comezamos co traballo de comunicación, para conseguir que nos coñeza cada vez máis xente, e dese xeito reunir ao noso redor unha comunidade cada vez maior. A partir diso, poderíamos no futuro tentar establecer a partir desa comunidade algunhas outras fórmulas de financiamento e apoio", explica. "Detectamos un grande interese pola aldea en moitas persoas. Ás veces dise que non, que somos nós mesmos os que primeiro maltratamos o rural, pero non é para nada así", subliña. "Non propoñemos un proxecto deste tipo da noite para a mañá. E levamos moito tempo realizando un gran número de actividades, que permiten que a pesar do despoboamento en moitos momentos do ano haxa aquí moita máis xente da que realmente está residindo na aldea", destaca, en referencia á Festa dos Cativos ou á recuperación do Entroido ou do Magosto.
"Nós non pretendemos ser pioneiros nin mellor que ninguén. Pero se outras aldeas galegas queren aproveitar o traballo que levamos feito aquí será marabilloso"
"Nós non pretendemos ser pioneiros nin mellor que ninguén. Pero se outras aldeas galegas queren aproveitar o traballo que levamos feito aquí será marabilloso. O fundamental é levar a cabo un proxecto que fixe poboación e que tire proveito dos recursos que ten a aldea, pelexando ao mesmo tempo contra ese outro gran problema, que son os incendios forestais", salienta. A este respecto, comenta que "foi despois da vaga de lumes de 2006 é cando se comeza a pensar en desenvolver un proxecto de desenvolvemento integral da parroquia". "Cando hai veciños cerca que miran constantemente para o monte, porque o seu sustento depende del, o monte non arde", resume.
"Estamos convencidos de que outro futuro para o rural é posible, de que aínda estamos a tempo"
Explican que os 80 integrantes da cooperativa "somos labregos, publicistas, fontaneiros, albaneis, profesores, psicólogos, carpinteiros, camareiros, traballadores do metal, etc. Moitos nacemos en Rebordechán". E conclúen que "todos estamos convencidos de que outro futuro para o rural é posible, de que aínda estamos a tempo".