Simona Levi: "A transparencia por si soa non é suficiente. Hai que xudicializar os procesos"

Simona Levi CC-BY-SA InMotion2005

A artista multidisciplinar Simona Levi, está en Galicia esta semana para presentar a súa obra Hazte Banquero, que estreará o venres no Teatro Rosalía da Coruña, construída a partir do contido dos correos electrónicos de Miguel Blesa, base do Caso Bankia. Este martes xa ofreceu unha charla en Compostela baixo o título A cultura libre como demo dunha nova cultura democrática e o xoves participará na Coruña (ás 20.30 no local da Marea Atlántica) nun acto organizado por EnMarea.

Levi, de orixe italiana e barcelonesa dende hai 25 anos, traballa dende hai anos -tanto no ambito artístico coma no activista- en temas de cultura libre, democracia dixital e uso estratéxico destas ferramentas para a organización, a comunicación e a acción colectiva. Foi unha das fundadoras Es una de las fundadoras da plataforma X.net (antes eXgae), do Partido X e do colectivo 15MpaRato, que interpuxo unha querela contra Rodrigo Rato que iniciou o Caso Bankia grazas a que en menos de 24 horas logrou recadar (a través dunha plataforma de crowdfunding) os 15 mil euros necesarios para facer fronte aos custes do proceso. Foron precisamente o Partido X e 15MpaRato os responsables da filtración á prensa dos correos electrónicos de Miguel Blesa que serven de base aos distintos procesos xudiciais abertos contra a cúpula da antiga Caja Madrid. Dende o 2015, estes mails pódense consultar na súa totalidade nunha web creada por Xnet.

"As redes permitiron establecer fórmulas que reducen o papel dos partidos como correas de transmisión e que permiten o control directo das institucións por parte da cidadanía"

Que pode aprender da cultura libre a política, sobre todo en materia de participación e de formas de organización? Estanse aproveitando estas ferramentas na actualidade?

Creo que estas ferramentas e métodos non se están aproveitando todo o que se debería. Hai algúns grupos que si o fan máis, e outros o fan menos e outros nada. Nós propuxémolo dende o Partido X e o propio partido quixo ser un prototipo desta proposta. Internet produce unha desintermediación, reduce o papel dos intermediarios. Isto vémolo na cultura libre, vémolo coa difusión da información, vémolo mesmo na economía e vémolo en todo tipo de organizacións. Na política, redúcese a importancia do monopolio que os partidos exercían nas relacións entre a cidadanía e as institucións. As redes permitiron establecer fórmulas que reducen o papel dos partidos como correas de transmisión e que permiten o control directo das institucións por parte da cidadanía. Pensamos que a estrutura partido, tal como foi coñecida ata agora, debe cambiar totalmente. Se os partidos continúan exercendo este rol, convértense nun obstáculo para a mellora da democracia. Ademais de no Partido X, vemos exemplos positivos en En Marea ou Barcelona en Comú: novas formas de organización en estruturas en rede, menos verticais, nas que se poñen a colaborar entre si estruturas cidadás xa existentes. Grupos que xa teñen experiencia e competencia en loitas específicas traballan xuntos para que estas loitas cheguen á gobernanza. Esta é unha estrutura moi propia das comunidades online, que se unen por competencias máis que por ideoloxías, reunímonos ao redor do obxectivo de solución dun problema.

"A estrutura partido, tal como foi coñecida ata agora, debe cambiar totalmente. Se os partidos continúan exercendo este rol, convértense nun obstáculo para a mellora da democracia"

Que efectos provocados polo 15M na sociedade española xa non teñen volta atrás, que cambios están consolidados?

Para min o 15M é coma a Revolución Francesa. Máis alá de adiantos e retrocesos no propio movemento, de cousas mellores e peores, prodúcese un cambio de mentalidade e introdúcense e impóñense unha serie de novos elementos, sen volta atrás. Hoxe temos unha sociedade civil máis activa e máis vixilante, os conceptos de transparencia e fiscalización gañan peso, a esixencia de que os partidos rendan contas. Tamén a idea de que hai que escoitar a sociedade civil, de que democracia non é só exercer o voto, senón que a relación coa sociedade debe ser permanente. Igualmente, o concepto de participación, aínda que está sendo moitas veces terxiversado e reabsorbido. Estase abusando un pouco deste concepto, porque a todo se lle chama participación.

"Para min o 15M é coma a Revolución Francesa. Máis alá de adiantos e retrocesos no propio movemento, prodúcese un cambio de mentalidade e introdúcense unha serie de novos elementos, sen volta atrás"

Que tarefas pendentes ten a nova política neste senso, dende Podemos ás candidaturas municipalistas ou á propia En Marea?

Para min Podemos non é nova política. Vexo experiencias interesantes nas mareas galegas, nos comúns en Catalunya, algunhas cousas en Madrid, pero Podemos non deixa de ser unha renovación de Izquierda Unida, feita dende fóra para despois reabsorbela, é un partido de esquerda clásica, dogmática, sen ningunha diferenza. Pero creo que En Marea funciona como exemplo positivo para todos os territorios do Estado.

Cres que o municipalismo é a experiencia política máis interesante neste momento?

Si, penso que si. Tanto por poder facer política dende o local, dende a proximidade, como por poñer en marcha formas políticas e programas alternativos dende as cidades do cambio, o municipalismo é un exemplo que sería válido a nivel autonómico e estatal.

"A transparencia por si mesma non é suficiente, porque é esmagadora. Estar aplastado por información e máis información que che di que te están enganando a diario é de todo menos empoderante"

A través de 15MpaRato impulsastes os proceso xudicial do caso Bankia. Tedes a impresión de que non se valora suficientemente que dende unha iniciativa cidadá, dende a base, se conseguise sentar no banco á cúpula dunha das principais entidades financeiras deste país?

Non podo estar máis de acordo! A nosa experiencia é máis coñecida a nivel internacional que en España. Sorprendentemente, parece que é máis doado mandar a prisión a banqueiros e políticos corruptos que conseguir que o sistema acepte e recoñeza que isto o pode facer directamente, sen intermediarios, a cidadanía. Toda a prensa, incluídos os novos medios dixitais, o mesmo que todos os grandes partidos, néganse a recoñecer o traballo de 15MpaRato porque somos competidores. Somos o mellor exemplo desa desintermediación da que falaba antes, e non se acepta que os e as cidadás poidan facer cousas desta envergadura.

A pesar de que si parece que a corrupción xerou unha indignación xeneralizada na sociedade, dá a impresión de que tamén se produce unha certa insensibilización e desculpa en grandes sectores, que seguen dando o seu voto a opcións políticas directamente responsables destas prácticas. Que é o falla? Fallamos os medios de comunicación?

Con respecto á corrupción, sempre repetimos que a difusión da información, por exemplo a través das filtracións e dos buzóns anónimos, non é suficiente. A transparencia por si soa non é suficiente, porque é esmagadora. Hai que xudicializar os procesos. Estar aplastado por información e máis información que che di que te están enganando a diario é de todo menos empoderante. Por iso nós non só promovemos a publicación da información, senón que tentamos sempre xudicializala dende a sociedade civil. O avogado que leva o caso do borrado dos discos duros de Bárcenas di que non ten cartos para seguir co caso. Se é só por un tema de diñeiro, é simplemente cousa de que a cidadanía os reunamos e sigamos adiante co proceso. Isto é o que empodera, non só o coñecemento do dano que te están causando. O 15M xa acabou co bipartidismo, que segue en mínimos de votacións. Pero se non lle damos á cidadanía alternativas xustas e eficaces, non haberá cambios. Votar non é en si democracia, votar é escoller entre un catálogo de opcións, e se entre esas opcións non hai alternativas de calidade, a xente non se vai conformar, pode quedar na casa.

Creo que os medios teñen varios vicios negativos. Un deles é o da información equidistante. Paréceme moi ben escoitar a todas as partes, pero isto non se debe converter nunha idea de neutralidade. Na corrupción, no malgoberno e na opresión non pode haber neutralidade. Nós temos contacto con moitos xornalistas militantes, pero hai poucos medios militantes, que traballan en pos da xustiza. Hai medios de partido, de parte.

"Nos correos de Blesa había tramas moi claras, e o que saíu nos medios foi a parte máis burda e de lercheo, o tema das tarxetas black, que evidentemente é algo moi grave, pero non se deron a coñecer as conexións políticas"

Chámame a atención que tanto no caso de Hazte Banquero coma noutras obras (e filmes) como é o caso de Con B de Bárcenas, o material que empregades nas obras sexa a literalidade das palabras dos corruptos, uns textos que en principio xa son coñecidos pola cidadanía. A realidade é tan evidente que non é preciso darlle máis voltas para sinalar a súa gravidade?

Nós xudicializamos o caso Bankia e achegamos tamén as probas, os correos electrónicos que conforman a representación. Porén, o que se ve na obra non é algo que todo o mundo coñeza, aínda que estes textos estean dispoñibles na rede (correosdeblesa.com). O primeiro día que os medios de comunicación comezaron a publicar os mails, non foi un día de celebración para nós, senón un día de gran decepción. Nos correos de Blesa había liñas políticas e tramas moi claras, e o que máis saíu nos medios foi a parte máis burda e de lercheo, o tema das tarxetas black, que evidentemente é algo moi grave, pero non se deron a coñecer as conexións políticas. Hai diferenzas entre Hazte Banquero e Con B de Bárcenas. Porque o que nós aprendemos lendo estes correos e que está presente na obra é algo que a xente non sabe, a pesar de que ten a información dispoñible na rede. Por iso nós en Hazte Banquero tentamos xuntar todas as pezas para facer unha reconstrución completa do sucedido. Coa obra tentamos levar a cabo unha acción política, e así llo dicimos ao público. E estamos pedindo a súa colaboración. Facemos a obra neste momento porque se vai abrir o xuízo oral e se a xente coñece o que pasou, será moito máis difícil pechar este caso en falso.

"O teatro militante é un teatro de denuncia pero non de acción, e emprega formas moi antigas que non son axeitadas ao actual tipo de sociedade civil, que ten unha gran capacidade de crear e comunicar"

Hai unha cultura militante? Como valoras a produción cultural creada e difundida en España nos últimos anos. Estivo á altura do momento histórico?

Eu son moi crítica co meu gremio, pero creo que iso pasa en todas as profesións, dende os xornalistas aos panadeiros. Creo que o gremio cultural sempre estivo moi desfasado, xa dende a época do Nón á Guerra sempre chegou tarde e sempre chegou cun ton de superioridade. E sen entender que as reivindicacións culturas só son válidas se se enmarcan nunha loita xeral de explotados contra explotadores. Así mesmo, a práctica totalidade do sector caeu na chantaxe da SGAE e da defensa talibán do copyright na era de Internet. Creo ademais que os contidos culturais non se adaptaron ás novas formas. Mesmo o teatro militante é un teatro de denuncia pero non de acción e emprega formas moi antigas que non son axeitadas ao actual tipo de sociedade civil, que ten unha gran capacidade de crear e comunicar. En xeral, a produción cultural está moi desfasada con respecto á época que vivimos e ás necesidades da revolución social que estamos a vivir. Con excepcións, por suposto, e afortunadamente nos últimos anos estamos vendo algúns exemplos.

Simona Levi, este martes en Compostela Dominio Público @chus_busto
'Hazte Banquero' representarase este venres na Coruña CC-BY-SA Xnet
Simona Levi, nun acto de Xnet CC-BY-SA Xnet

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.