Milleiros apoiando o sector lácteo galego. Non foi unha manifestación, senón o Festival do Leite que este sábado se celebrou no parque de Belvís en Compostela. Organizado pola firma Deleite, o primeiro evento que se leva a cabo deste tipo xuntou festa e reivindicación a prol dun produto e dos seus produtores. Mäis de 8.000 persoas gozaron do evento.
Deleite organizou un festival para "reivindicar a importancia do sector láteo e poñer en valor o produto"
Transcorreu todo, como destaca a organización, "nun ambiente festivo" que cumpriu co seu obxectivo de "reivindicar a importancia do sector lácteo para Galicia, poñer en valor un alimento natural e saudable como o leite", pero tamén para gozar cunha escolma dos mellores grupos musicais galegos do momento. Porque tamén foi iso: unha reivindicación da música feita en Galicia. Familia Caamagno, Los Chavales, Novedades Carmiña, Eladio y Los Seres Queridos, Ataque Escampe ou Os da Ría, entre outros, foron os protagonistas dun evento ao que tamén se achegaron persoeiros coñecidos do mundo cultural e da televisión como Xosé Antonio Touriñán ou Roberto Vilar.
Máis de 8.000 persoas gozaron en Belvís dun festival que será "anual e itinerante"
Celebrado desta primeira vez en Compostela, o festival será anual e itinerante nos vindeiros anos, pero nesta edición inaugural, ademais de pola "centralidade xeográfica" e pola súa "capitalidade", a localización serviu tamén como un "xeito de recoñecemento e agradecemento aos composteláns polo apoio, solidariedade e comprensión que sempre mostraron cos produtores de leite no actos en defensa do sector".
Máis de 5.000 quilos recollidos para os Bancos de Alimentos
Ademais, o evento tamén tivo unha finalidade solidaria, con máis de 5.000 quilos recollidos entre os asistentes para a Federación Galega de Bancos de Alimentos. Deleite tamén contribuíu coa achega de varios centos de litros de #DeleiteGalego, #LeiteNoso. En canto aos beneficios de barras, tamén serán destinados a ONGs que traballan coas persoas refuxiadas.
A marca Deleite Galego volveu o pasado 17 de maio ós lineais dos supermercados galegos e está dispoñible en briks dun litro de leite enteiro, semidesnatado e desnatado nos establecementos de Vegalsa-Eroski, Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés, Grupo Cuevas (Aquí, Plenus, Spar) e Le Clerc, así como en tendas tradicionais e de proximidade.
O retorno da marca foi impulsado por Leite Noso, unha sociedade constituída por unha trintena de gandeiros galegos, que se xuntaron para adquirir a marca a fin de asumir de xeito directo o reto de comercializar o seu leite, sen intermediación ningunha.