0 Gardados para despois

O vertedoiro proxectado en Lousame prevé acumular 700 mil toneladas de residuos en 10 anos

Redacción | @prazapublica

Lousame pode acoller un centro de tratamento de residuos industriais, impulsado pola empresa Gestora de Residuos del Noroeste, que acumularía nun vertedoiro máis de 77 mil toneladas de lixo cada ano. Das aproximadamente 100.000 toneladas de residuos que recibiría anualmente, o 77% non sería recuperado, e simplemente se acumularía nun espazo de 1.100.000 m3, con capacidade para recibir 700.000 toneladas de lixo ao longo de 10 anos. O proxecto atópase en exposición pública e vén de crearse a Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame. De igual xeito, Terras de Lousame e o BNG xa se posicionaron en contra da iniciativa, o mesmo que ADEGA.

Das aproximadamente 100.000 toneladas de residuos que recibiría anualmente, o 77% non sería recuperado, e simplemente se acumularía nun espazo con capacidade para recibir 700.000 toneladas de lixo

A entidade ecoloxista enmarca este proxecto na necesidade que SOGAMA ten de crear novos vertedoiros para os residuos que non trata, dada a limitada capacidade das instalacións da Areosa, que xa suma 5 millóns de toneladas de lixo, calcula a entidade. Nos últimos meses coñecéronse outros intentos en Trazo ou Ordes

ADEGA sinala que "o mantra fraguiano de que SOGAMA ía acabar cos vertedoiros, concentrando todo o tratamento nunha única ubicación, fica outra volta desmentido. A capacidade incineratoria de SOGAMA non é suficiente para desfacerse das máis de 800.000 toneladas de lixo que chegan anualmente, e case a metade ten que ir a vertedoiro, con escaso ou nulo tratamento". E explica que "xa hai varias destas franquicias funcionando dende hai anos, como os grandes vertedorios de Sobrado e Silleda, e unha manchea de pequenas instalacións máis ou menos camufladas como depósitos de RCD (residuos da construción e demolición), proxectos de valorización ou de rexeneración de canteiras".

Neste caso, preséntase a futura planta de Lousame como un intento de "valorización dos refugallos", segundo o proxecto "maioritariamente de orixe industrial" e a fabricación de CDR (combustible derivado de residuos) con destino ás cementeiras. Porén, no propio documento que se pode consultar na web da Consellaría de Medio Ambiente prevese que das 100.000 toneladas de residuos que recibiría, só se recuperaría para outros usos o 22,5%, ficando o resto para o seu almacenamento no lugar. 

Plataforma contra o novo vertedoiro de residuos industriais en Lousame anima a toda a cidadanía da localidade a presentar alegacións ao proxecto, que permanecerá en exposición pública ata o 15 de outubro. Pola súa banda, Terra de Lousame critica que o Goberno municipal da vila fixese o posible por "ocultar" á cidadanía este plan. Ademais, alerta de que o vertedoiro, que ocuparía 20 hectares de solo rústico de especial protección forestal en zonas de recuperación da diversidade biolóxica e produtiva, situaríase ademais nun punto de onde nacen varios regatos e vías de auga, incrementando o risco de contaminación a outras zonas. 

Para ADEGA, "colocar este macro-vertedoiro precisamente alí" busca "facer ver que todos os tratamentos de residuos son iguais"

Finalmente, ADEGA chama a atención sobre o feito de que se escollese para esta instalación unha parcela anexa á planta de compostaxe do Barbanza, que "acada as millores cifras de reciclaxe entre os diferentes sistemas de tratamento de RSUs de Galiza, e mesmo encabeza a calidade da recollida de envases en todo o Estado". Para a entidade, "colocar este macro-vertedoiro precisamente alí" busca "facer ver que todos os tratamentos de residuos son iguais".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.