0 Gardados para despois

O 'derradeiro bafo' que levará a memoria das pequenas aldeas

Redacción | @prazapublica

Santa Cristina do Viso (O Incio), Os Anguieiros (Quiroga), A Servaínza (Viana do Bolo). Pacios e A Cela (Chouzan, Carballedo), A Grixoá (Chantada) e A Edrada (Vilariño de Conso). Son sete aldeas que, como moitas outras en Galicia están case totalmente deshabitadas. Estes sete lugares conforman o cerne do proxecto O Derradeiro Bafo, unha iniciativa de cinco estudantes de distintas disciplinas (Publicidade, Comunicación, Traballo Social...) que durante 15 días percorreron estes núcleos co obxectivo de conformar un libro. Fotografías e textos (procedentes das súas impresións e observacións, pero sobre todo das conversas que mantiveron cos últimos e últimas habitantes destes núcleos) que verán a luz moi pronto nunha pequena publicación dunhas 100 páxinas. A experiencia foi posible grazas a unha axuda de 5000 euros recibida da Xunta, no marco do programa Iniciativa Xove. 

O proxecto "pretende capturar no tempo ese derradeiro bafo que levará consigo a memoria das pequenas aldeas, como tantas outras que xa se perderon", destaca o equipo responsable (Manuel Chapela, Cristina Ferreiro, Manuel Illán, María Losada e Miguel Ángel Acosta), que quería "coñecer quen son e como viven" os (pode que) derradeiros habitantes de aldeas ao borde da desaparición. "Quixemos empaparnos dos seus recordos, vivir coma eles e elas, coñecer as súas historias, as súas vidas, e de paso, deixar algún que outro amigo e amiga para unha posible próxima vez", sinalan.

O libro estará cheo de imaxes, de sensacións, de reflexións sobre o esmorecemento da Galicia rural, dalgúns datos e, sobre todo, de personaxes, de persoas que contan en primeira persoa un proceso de desaparición dun mundo. Como relata Gervasio Rodríguez (Os Anguieiros), "recordo moitas de estas casas cheas de familias, fogares que agora loitan por manterse en pé. Agora só somos oito veciños, oito de ao redor de cincuenta que convivíamos entre estas rúas, hortas, lares e figueiras. O tempo pasa".

Os rapaces e rapazas responsables do proxecto escolleron estas sete aldeas para trazar un relato que pode abranguer a moitas outras. Cada ano que pasa son máis os núcleos de poboación que en Galicia quedan despoboados. Os datos do Nomenclátor publicado polo IGE o pasado ano elevaban a cifra ata as 1.837, 56 máis que o ano anterior, 132 máis que no 2013 e cincocentas máis das que se rexistraban hai tan só unha década. Se a estas abandonadas lles sumamos aqueles núcleos que contan con apenas un ou dous habitantes (case dous mil), o número total de aldeas desaparecidas (ou case) achégase ás catro mil. Máis do 10% dos núcleos existentes en Galicia. Hai un par de anos Carlos Neira levou a cabo un completo estudo e mapeado destes lugares.

  1999 2005 2010 2013 2014 2015
Deshabitado 1.314 1.322 1.561 1.705 1.781 1.837
1 habitante 458 707 805 863 869 878
2 habitantes 790 809 943 1.123 1.145 1.144
Total núcleos 30.621 30.662 30.769 30.871 30.888 30.918

Naquela investigación, Neira salientaba que "o feito de que o tipo de hábitat dominante no surleste de Galicia sexa nucleado e non disperso, con tamaños medios de poboación maiores, reduce susbtancialmente o número de lugares e aldeas con risco de abandono nesa zona". "Por iso, en troques dun mapa de despoboación (perda de habitantes) sería máis atinado falar dun mapa de despoboamento (abandono de asentamentos), pois é nas provincias de Lugo e Ourense onde se concentra o declive demográfico de Galicia", engadía

Núcleos de poboación deshabitados (ou case)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.