A Coruña e Compostela botaron a andar nas últimas semanas as súas respectivas rendas sociais municipais. O 5 de outubro comezou o prazo para solicitala en Santiago e o 30 de setembro fixérao na cidade herculina. Os dous instrumentos buscan dar cobertura a persoas en situación de vulnerabilidade que na actualidade non perciben a Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) -á que só poden acceder aquelas que carecen de calquera ingreso-, dando resposta así a novos perfís de pobreza, persoas que en moitos casos teñen traballos intermitentes ou con salarios insuficientes para ter unha vida digna.
Tanto na Coruña coma en Compostela ao redor de un de cada cinco fogares ingresa menos de mil euros mensuais. Máis de 15 mil familias coruñesas e máis de 4 mil compostelás din chegar a final de mes con "moitas dificultades"
Tanto na Coruña coma en Compostela ao redor de un de cada cinco fogares ingresa menos de mil euros mensuais. E unha proporción semellante de persoas se atopa en risco de pobreza ou exclusión social. Máis de 15 mil familias coruñesas e máis de 4 mil compostelás din chegar a final de mes con "moitas dificultades". E entre as dúas urbes suman máis de 26 mil parados e paradas. Aínda así, o número de solicitudes anuais da RISGA (a pesar de incrementarse nos últimos anos) non supera as 783 na Coruña e as 129 en Santiago de Compostela.
As contías das rendas van nos dous casos dende os 532,51 euros mensuais (o 100% do IPREM) ata os 798,58 en Compostela e os 1.064 na Coruña, en función do número de persoas ao cargo da solicitante. A ordenanza compostelá da Renda Básica Cidadá incorpora ademais unha serie de cinco prestacións de rescate social para cubrir necesidades básicas (alimentación, vestido, aloxamento...), para paliar a pobreza enerxética e colaborar co equipamento básico de vivenda, para o fomento do dereito á educación para estudos postobrigatorios e unha prestación para saúde bucodental. Ademais, as achegas -en forma de prestación e non de subvención, reducindo así os trámites- acompáñanse de itinerarios de inclusión social, grazas á acción de profesionais especializadas nas dúas cidades.
A renda social era unha das grandes apostas nos programas que levaron a Marea Atlántica e Compostela Aberta ao goberno das súas cidades. E son, nesta primeira metade da lexislatura, un dos elementos que lles poden permitir levar a iniciativa política e dar solucións aos problemas máis urxentes dunha parte dos seus e das súas habitantes. Falamos coas dúas concelleiras responsables da posta en marcha das rendas municipais, Silvia Cameán (edil de Xustiza Social e Coidados na Coruña) e Concha Fernández (edil de Políticas Sociais en Compostela).
Cameán: "A renda social nace para atender estas necesidades básicas, que non se estaban atendendo, e para poñer no centro da política o verdadeiramente importante: as persoas"
Podemos considerar a renda municipal o principal proxecto dos gobernos municipais da Coruña e Compostela, atendendo á situación de emerxencia social e ao cambio de enfoque político destas apostas?
Silvia Cameán: Sempre dixemos que vivindo en tempos de emerxencia social, nos que as políticas do PP provocaron un gran sufrimento en moitas persoas, esta tiña que ser a prioridade. A taxa de risco de pobreza e exclusión social na Coruña incrementouse nun 51% co anterior goberno municipal. E mentres iso acontecía, ese goberno non levou a cabo ningunha acción que atendese a estas necesidades. Nós sempre dixemos que o máis importante é a xente, que viñemos aquí para gobernar para o 99%. A renda social nace para atender estas necesidades básicas, que non se estaban atendendo, e para poñer no centro da política o verdadeiramente importante: as persoas. A renda social é especialmente importante para dar solución ao problema das mulleres que viven en situación de pobreza, as mulleres somos dobremente castigadas. Tamén para as persoas migrantes, que saen dos seus países fuxindo da pobreza e aquí teñen que soportar que se lles diga que son persoas ilegais, cando simplemente teñen que superar uns trámites administrativos.
Fernández: "Buscamos ademais romper os círculos da pobreza, investindo en educación e en saúde alí onde non chega o sistema universal"
Concha Fernández: É un piar fundamental. Cando iniciamos o proxecto de Compostela Aberta partiamos co obxectivo de defender todos os dereitos para todas as persoas. A nosa ordenanza de garantía básica cidadá intenta garantir e regular o acceso ao conxunto de dereitos e recursos municipais para a cidadanía de Compostela. Entendiamos que tiñamos que amparar todas as situacións que xerasen necesidades de dereitos e recursos, incorporando as prestacións de rescate social. Ademais, buscamos romper os círculos da pobreza, investindo en educación e en saúde alí onde non chega o sistema universal.
Cameán: "Sempre se nos dixo que proporcionar esta renda social non era a nosa competencia, pero si era a nosa incumbencia, dende os concellos non podemos mirar cara a outro lado"
A renda social chega alí onde a Risga non estaba chegando? Dá resposta aos problemas dos novos perfís de pobreza que, por exemplo, si teñen traballo, pero cuxos ingresos son insuficientes para ter unhas condicións dignas de vida?
SC: A renda social nace en parte porque o sistema da Risga non estaba funcionando. Na Coruña a metade das solicitudes eran denegadas, e mesmo nos casos que eran concedidas os importes eran moi insuficientes. Unha das nosas preocupacións era chegar a esas persoas que a Risga estaba excluíndo, e tamén achegar unha cantidade que permitise vivir a unha persoa, fixando finalmente un mínimo de 532 euros e un máximo de 1.064, cantidades que, dende logo, consideramos que se poden mellorar. Efectivamente, hai persoas que traballan e que reciben un salario de 200 ou 300 euros. Sempre consideramos a renda social como un complemento para esas persoas que traballan pero que non poden chegar a fin de mes.
CF: Os concellos non pretendemos substituír as competencias e as responsabilidades que ten a comunidade autónoma. Por que temos que poñer en marcha esta renda? Porque a Risga non cobre unha parte importante da poboación. Por exemplo, non cobre as persoas que non teñen unha residencia legal, pero esas persoas son tamén os nosos veciños e veciñas, e son persoas que se perden o seu traballo perdían todos os seus dereitos. Tamén deixa fóra as persoas que teñen pequenos ingresos, por exemplo empregadas do fogar que gañan 200 euros ao mes, ou persoas que cobran pequenas pensións, por exemplo por unha pequena incapacidade. A Risga hoxe en día non é suficiente, non chega aos traballadores pobres, aos precarios, aos que encadean contratos descontinuos e que non chegan a uns ingresos mínimos para vivir con dignidade. Os 429 euros da Risga, ademais, son insuficientes, debemos fixar o mínimo do 100% do IPREM.
Fernández: "A Risga hoxe en día non é suficiente, non chega aos traballadores pobres, aos precarios, aos que encadean contratos descontinuos e que non chegan a uns ingresos mínimos para vivir con dignidade"
O ideal sería que este tipo de rendas sociais chegasen a toda Galicia, ben a través da Xunta, ben a través doutras administracións?
CF: Non deberiamos ser os concellos os que nos ocupásemos disto, debería ser quen ten competencia, por exemplo como sucede en Euskadi. Dende os concellos queremos chamarlle a atención á Xunta e dicirlle: 'miren, vostedes teñen aquí competencia e non chegan, fáganse cargo de todos os colectivos aos que deixan fóra, e eleven a contía'.
SC: Sempre se nos dixo que proporcionar esta renda social non era a nosa competencia, pero si era a nosa incumbencia, dende os concellos non podemos mirar cara a outro lado. Hai recursos que a comunidade autónoma debería estar articulando e non o fai, polo tanto dende aquí debemos tomar a iniciativa para dar solucións aos nosos veciños e veciñas. O ideal sería reformular a Risga, que a Risga fose xusta, que non deixase fóra a tantísima xente e que ademais achegase unha cantidades suficientes para poder vivir. Dende logo, todas as persoas en Galicia deberían poder ter acceso a mecanismos coma o que puxemos en marcha na Coruña.
O prazo para solicitar a renda comezou hai só uns días, pero tedes xa datos ou algún indicador sobre o xeito en que está funcionando, o perfil dos solicitantes, posibles atrancos ou dificultades...?
SC: Temos xa os primeiros datos, pero aínda non podemos ofrecer cifras exactas. Está funcionando ben, moitas persoas están a achegarse polos centros cívicos para obter información, non está habendo situacións de colapso, que era unha das nosas preocupacións. E isto é así porque reforzamos os servizos sociais municipais, coa contratación de 11 novas profesionais.
Cameán: "Entendemos a renda social como un dereito consistente nunha axuda económica pero tamén nun soporte humano"
Que papel xogan os e as profesionais na aplicación da renda social e no proceso de inclusión?
CF: O primeiro que fixemos cando se aprobou a ordenanza foi reforzar os servizos sociais, con persoal de traballo e educación social e tamén persoal de administración e xestión, incidindo moito no asesoramento laboral, porque en moitos casos se trata de persoas que veñen de quedar sen traballo, que foron expulsadas do mercado laboral e que poden reincorporarse.
SC: Para nós, estes e estas profesionais xogan un papel moi relevante: son a encargadas de realizar unha intervención e un acompañamento social. Cando chegamos ao Goberno vimos que esa intervención non se estaba a producir. Aquí viñan persoas a pedir unha axuda, pagábanselles esas facturas, pero despois non se trataba o seu problema, non se lles facía un seguimento, non se lles facía un itinerario de inclusión. Nós entendemos a renda social como un dereito consistente nunha axuda económica pero tamén nun soporte humano, un apoio emprestado por unhas profesionais que permite que pouco a pouco estas persoas poidan ir mellorando a súa situación e acadando autonomía.
Da Risga e doutras prestacións adoita criticarse o exceso de burocracia, de atrancos administrativos e a falta de coordinación entre administracións. Que medidas se tomaron para evitar este tipo de problemas?
SC: Cando estabamos traballando na redacción desta ordenanza tivemos un debate xurídico moi importante, centrado precisamente nisto: imos crear unha nova norma, pero non queremos que sexa excesivamente burocrática, de xeito que ao final non chegue á xente que ten que chegar. Decidimos reducir as esixencias de documentación e optar por unha prestación social e non por unha subvención, porque no caso das subvencións as persoas terían que xustificar absolutamente todos os seus gastos. O noso obxectivo inicial foi buscar a axilidade e reducir a burocracia ao máximo, pero somos conscientes de que pode haber aínda atrancos deste tipo. Por iso queremos facer un seguimento de todos os procesos, para corrixir o que haxa que corrixir e mellorar o funcionamento.
Fernández: "Temos o reto de poñer en marcha un mecanismo de xestión e xustificación das axudas moderno e áxil, á altura da importancia que a renda ten"
CF: Un dos nosos obxectivos é achegar estes mínimos vitais e recursos para a unha vida digna e autónoma simplificando ademais os trámites para a súa obtención e xustificación. Se reproducísemos o modelo da Risga colapsaríamos a xestión. En Santiago xa tiñamos unha renda, chamada 'de solidariedade', que compensaba certas cuestións nalgúns casos determinados, pero que non tiña unha concepción de dereito: por exemplo, quedaban excluídas todas as persoas que tiñan débedas coa administración, e é frecuente que as persoas que teñen dificultades económicas severas teñan débedas, por exemplo do IBI ou do imposto sobre vehículos. Isto excluíaas do acceso a calquera prestación. Nós tentamos remover todas estas barreiras, comezando por situar a renda no marco das prestacións sociais e non das subvencións, tamén reducindo e simplificando a documentación esixida. Así mesmo, prevemos facer pagos anticipados mediante declaracións de responsabilidade, para que a tramitación siga adiante mentres a persoa recolle a documentación que necesita ou mentres se deseña o itinerario de inclusión cidadán. Temos o reto de poñer en marcha un mecanismo de xestión e xustificación das axudas moderno e áxil, á altura da importancia que a renda ten. As administracións ás veces funcionan de forma anticuada neste tipo de procedementos e na tecnoloxización destes procesos.
Cameán: "Faremos un seguimento continuo para comprobar que a norma cumpre os seus obxectivos, e realizaremos traballo en rede: hai moitas entidades que levan anos facendo un gran traballo social nesta cidade"
Mirando cara ao futuro, sobre todo pensando nos orzamentos do 2017, introduciranse cambios ou outras actuacións para consolidar esta aposta?
SC: Para os orzamentos de 2017 contemplamos o orzamento que xa programamos no estudo económico inicial, uns 3 millóns de euros. Faremos un seguimento continuo para comprobar que a norma cumpre os seus obxectivos, e realizaremos traballo en rede: hai moitas entidades que levan anos facendo un gran traballo social nesta cidade e que na anterior lexislatura -ante a inacción do goberno municipal do PP- directamente asumiron todo o peso da axuda. Estas asociacións, coas que mantemos un contacto permanente e facemos un traballo conxunto, moitas veces detectan casos que non chegan aos servizos municipais.
CF: Aínda non tivemos tempo, as rendas aprobáronse en setembro, o prazo de solicitude da renda vén de abrirse, aínda non temos una avaliación. Estamos xa elaborando os orzamentos de 2017, e cremos que a actual contía pode ser suficiente, pero temos que analizar os resultados desta convocatoria. Estamos abrindo as portas, e temos que ver as necesidades que hai na cidade.