As prospeccións arqueolóxicas que está a realizar o Ministerio de Defensa -a través da empresa Archeoatlántica- en tres parcelas do Campo da Estrada (A Maestranza) na Coruña confirmaron a existencia no terreo de restos do antigo sistema defensivo da cidade. Este achado podería poñer punto e final ao obxectivo de Defensa de que este espazo acolla unha promoción inmobiliaria e abrir o camiño para que o lugar manteña a súa titularidade pública e teña un aproveitamento cidadán.
As sondaxes consisten en catas verticais, e veñen confirmar a aparición “dun tramo moi importante” do chamado ‘Baluarte Novo de San Vicente’, que se comezou a construír no último cuarto do século XVIII, e do que se conserva o trazado en planta pese a que nunca chegou a rematarse nun dos soares. Do mesmo xeito, as prospeccións xa realizadas nesta contorna descubriron vestixios do muro de unión entre o baluarte de Pelamios e o de San Vicente, adxacentes á fortificación anterior.
Defensa fracasou o pasado mes de abril no seu intento de vender os terreos, declarándose deserta unha poxa que partía cun prezo de case 25 millóns de euros. Os terreo están na zona de respecto da declaración de Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico Artistico, declarado pola Xunta en 1984 no decreto 29/1984. Agora, este achado arqueolóxico obrigará a que o terreo se xestione de acordo co Pepri –o Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella e Peixería.
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda, Xiao Varela, valorou este venres como “un aval á posición do Goberno local” o resultado das prospeccións arqueolóxicas. “Á vista dos achados que se están a confirmar, é unha boa noticia que as parcelas non se vendesen a promotores privados porque a súa titularidade pública facilita e garante que os restos, un patrimonio que ten un valor incuestionable para a cidade, serán conservados como é preceptivo pola administración responsable”, sinalou. O Goberno local mantén a súa intención de intentar chegar a acordos co Ministerio de Defensa para a cesión ou a adquisición dos terreos, "co obxecto de poder devolvelos ao uso público e social da cidadanía, tal e como acordou o Pleno municipal".
“Estamos falando de restos de gran relevancia, con muros de ata seis metros de ancho, o que significa que as dimensións son moi considerables”, afirma, para recordar que estas aparicións só constatan os datos que xa se documentaron no ano 2002 durante as escavacións realizadas para a execución do aparcadoiro, e que quedan confirmados nun amplo catálogo documental, de planimetría histórica de enxeñería militar. “Lamentablemente, nese momento os responsables políticos permitiron un espolio do patrimonio público que a este Goberno local lle resulta inaceptable”, criticou Varela.