O TSXG confirma a ilegalidade das obras no proxecto hoteleiro do Castelo de Monterrei

Castelo de Monterrei Dominio Público patrimoniogalego.net

En decembro do pasado ano o Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense anulou a licenza de obra concedida polo Concello de Monterrei á Axencia de Turismo de Galicia para converter o Castelo de Monterrei nun hotel-parador. Agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de confirmar esa sentenza, anulando definitivamente a licenza e desestimando o recurso interposto pola Axencia e o Concello.

O PXOM de Monterrei permite unicamente unha superficie máxima edificable de 300 m2 e un máximo de 10 habitacións, cando a licenza autorizaba máis de 2000 m2 edificables e 12 habitacións.

A Axencia de Turismo de Galicia, que pode agora presentar un recurso de casación, afirma que este novo revés xudicial non supón un impedimento para o seu proxecto hoteleiro, xa en funcionamento, pois sinala que para axustalo á legalidade só tería que se desfacer dunha das suites. Con todo, debería tamén axustar toda a actuación a eses 300 metros cadrados previstos pola legalidade.

A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei cualificou a sentenza como "unha grandísima nova", sinalando que "a tenacidade, o traballo, a insistencia e a resistencia dan os seus froitos". A Plataforma está ademais á espera de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre a legalidade do cambio de usos do monumento, cedido á Xunta polo Goberno central.

A Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei cualificou a sentenza como "unha grandísima nova", sinalando que "a tenacidade, o traballo, a insistencia e a resistencia dan os seus froitos"

Tanto o Consello da Cultura coma o Valedor do Pobo pronunciáronse de forma clara contra esta actuación, o mesmo que outros expertos, que tamén criticaron o cambio de usos e o propio contido da reforma que, por exemplo, cubriu de cemento a súa entrada e o seu patio de armas.

 

O cemento cobre o patio do Castelo e a súa entrada © Plataforma pola Defensa do Castelo de Monterrei
Castelo de Monterrei Dominio Público patrimoniogalego.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.