Natasha: o calvario das outras refuxiadas

Natasha, durante a entrevista © Miguelanxo Lar / María Rúa

Non todas as persoas refuxiadas en Grecia foxen da guerra en Siria ou Iraq. Outras simplemente escapan da violencia e da persecución diaria coa que conviven nos seus países de orixe e que en moitas ocasións lles pode custar até a propia vida.

Este é o caso de Natasha, unha muller transexual paquistaní que hai máis dun ano decidiu abandonar Gujranwala, a súa cidade natal, e poñer rumbo a Europa deixando atrás anos de violencia extrema e continuada pola súa condición de transexual.

Natasha, transexual paquistaní, decidiu abandonar o seu país rumbo a Europa deixando atrás anos de violencia extrema e continuada

Hoxe, xa a salvo en Grecia e rodeada de voluntarias do Estado español como Andrea que leva no país heleno dende o pasado maio e é unha das persoas que máis está loitando polo seu caso, relata a súa terrible odisea de meses de agresións sexuais, violacións, explotación laboral e malleiras físicas ás que foi sometida

O seu é un dos 22 casos vulnerables que a plataforma Bienvenidos Refugiados tenta traer ao Estado español a través de visados humanitarios

Natasha é tamén un dos 22 casos vulnerables que a plataforma cidadá Bienvenidos Refugiados tenta traer ao Estado español a través de visados humanitarios, casos todos eles documentados con precisión, e que expoñen a urxencia destas 22 persoas por recibir tratamento médico ou gozar de protección e atención especial para que a súa integridade física e psicolóxica non corra perigo. Na actualidade, o Concello de Madrid está operando de mediador entre a plataforma e o Ministerio de Asuntos Exteriores para resolver os trámites dos visados e actuar como parte facilitadora no proceso de acollida, asegurando ter toda a loxística preparada para recibilas tan pronto a decisión sexa firme.

 

De Paquistán a España

O esmalte vermello cobre as unllas de Natasha á nosa chegada. Tamén ten unha tatuaxe de xena na man esquerda e un sorriso nervioso que se converte en gargallada cando lle pedimos gravala. É unha diva das de antes. Pausada, con estilo clásico, mirada penetrante e pestanexo pícaro. Dános unha aperta e comenta “Estou nerviosa polo futuro”. Natasha vive na actualidade nun piso en Tesalónica que comparte con voluntarias do Estado español. Ofrécenos auga e senta nun sofá. Sabe que somos xornalistas galegas e que esta entrevista pode ser importante para dar a coñecer o seu caso no estado. Teno claro.  “Quero ir a España. Alí non terei medo porque moita xente quere as persoas transexuais coma min. Moitas asociacións estanme apoiando”. En todo momento despréndese da súa alegría contida unha ilusión posta no futuro que a axude esquecer o inferno sufrido ao longo dos anos. “En España non me van matar. Non terei que fuxir nin me pegarán malleiras. Poderei ser eu mesma”.

“Quero ir a España. Alí non me van matar, non terei que fuxir nin me pagará malleiras; poderei ser eu mesma”, di

Cun poder de sedución arrebatador, sorrí buscando unha complicidade que a apoie no seu periplo de atopar un espazo no mundo cheo de dignidade e normalidade para ser feliz. “Quero estudar peiteado e estética pero antes teño que aprender español. De feito, xa o estou estudando aquí coas miñas compañeiras para estar preparada”. As ansias de Natasha por aprender español e inglés contrastan cos limitados recursos e ferramentas cos que conta. De feito, unha das principais limitacións é a súa incapacidade para ler e escribir posto que é analfabeta. Unha das voluntarias recorda as inmensas dificultades que tiveron para se entender cando, tras recibir unha malleira no campamento de Idomeni, Natasha chegou á tenda de Bomberos en Acción para ser tratada. “Só falaba urdu e viña desencaixada” comenta María Vence, xornalista e voluntaria galega no campamento. “Ao principio foi moi difícil coñecer a súa historia porque só sabía palabras soltas en inglés. De feito valémonos da mímica e dos debuxos para nos entender”. Cinco meses despois do desaloxo de Idomeni, Natasha pode desenvolver unha conversa en inglés e comeza a falar un pouco de español. “Foi sorprendente a súa evolución. En moi pouco tempo avanzou moitísimo” afirma Vence.

A súa única posibilidade para chegar a España é cun visado humanitario; ao non ser siria, non entra nos programas de recolocación de persoas refuxiadas da UE

Cunha contorna formado principalmente por voluntarias do Estado que se envorcaron no seu caso, Natasha sabe que a súa única posibilidade para chegar a España é a través dun visado humanitario, posto que ao non ser siria, non entra nos programas de recolocación de persoas refuxiadas da UE. Isto quere dicir que a última decisión está nas mans do Ministerio de Asuntos exteriores que, con carácter discrecional, pode conceder ou non este permiso sempre que haxa causas acreditadas.

“Na actualidade precisamos facer presión para que o Ministerio entenda a situación de vulnerabilidade na que se atopa Natasha”, afirma a activista. “Quedar en Grecia non é unha opción para ela, xa que o Estado está colapsado e non recibiría ningún tipo de axuda habitacional, económica ou educativa que se axuste ás súas necesidades. Natasha precisa aprender a ler e escribir pero tamén precisa de prestacións que asuman a súa condición de vítima de abusos e violencia reiterada. Ademais, a súa condición de transexual fai que Grecia non sexa un país seguro polo alto grado de transfobia. No país heleno acabaría na exclusión e a marxinalidade de novo, e iso é o que queremos evitar”. No suposto de recibir asilo en Grecia, Natasha recibiría un pasaporte de home e non sería recoñecida como muller. Ademais, a súa condición de transxénero non contaría con ningún tipo de protección legal especial.

 

Apoio social en España

No entanto, numerosas asociacións feministas e LGTBIQ+  do Estado español comprometéronse a xestionar a estadía de Natasha polo menos durante os dous próximos anos. De feito, na actualidade toda a axuda económica que recibe provén da iniciativa privada española, entendendo por isto persoas voluntarias e organizacións. Con estes recursos, Natasha pode custear os gastos do piso no que vive, a alimentación, o asesoramento xurídico e a atención médica. A isto súmanse iniciativas puntuais de colectivos sociais que realiza eventos para recadar cartos para a moza.

Toda a axuda económica de Nataxha provén de voluntarios e organizacións españolas

No concreto, as organizacións Fundación Daniela, Acathi e Felgtb manifestaron a súa intención de prestar apoio e acompañamento psicolóxico, integración social e integración laboral para Natasha, mentres que o Observatorio Ético Internacional (Obeti) vén de ofrecerlle a cobertura total dos gastos derivados da súa alimentación e vivenda canto menos, o primeiro ano.

O Concello de Madrid tamén vén de amosar o seu apoio a Natasha despois de que a pasada semana solicitara a Exteriores a concesión de visados humanitarios para os 22 casos vulnerables de persoas refuxiadas que precisan atención urxente, nos que está incluída.

Dende Bienvenidos Refugiados, plataforma coordinadora da solicitude dos visados humanitarios para os 22 casos vulnerables, confían en que Natasha chegue canto antes xa que o permiso especial que lle permite estar en Grecia de maneira legal neste momento expira o vindeiro mes de decembro. Ela confía en que o seu visado chegará porque ademais, case todo o seu círculo afectivo e de seguridade na actualidade está conformado por persoas españolas. “Portáronse moi ben conmigo e son moi feliz con elas. Sei que en España todo vai ser máis doado e vou ter apoio e axuda”.


A odisea de Natasha 

“A miña nai díxome que marchara. Tiña medo que de que me acabaran matando nunha das moitas malleiras que recibín por ser transexual”. Así recorda Natasha, cunha mestura entre tristeza e rabia, o día que decidiu partir de Paquistán cara a Europa.A muller de 21 anos de idade provén dunha familia de catro irmás e catro irmáns extremadamente pobre da provincia de Punjabi. Con sete anos de idade comezou a empregar vestimentas femininas, o que a levou a recibir burlas e ataques constantes dos seus irmáns e do seu pai. “Só miña nai e miña irmá me defendían aínda que tampouco lles gustaba que vestira así. En Paquistán as mulleres non teñen poder, por iso se me axudaban tamén lles pegaban a elas”.

Natasha sempre foi moi consciente das implicacións que tiñan a nivel público e social declararse transxénero en Paquistán e intentar vivir de acorde á súa verdadeira identidade de xénero. Cos anos as agresións pasaron da esfera privada á pública e foi relegada a desenvolver traballos asociados ao rol tradicional da muller. “Primeiro traballei limpando casas. Eu facía o meu traballo pero moitas veces o home da casa tentaba abusar sexualmente de min. Despois comecei a bailar. Iso encantábame, pero o problema foron novamente os homes. Querían abusar de min. Era un obxecto”.  

Neste punto, Natasha xa comezara a súa hormonación e contaba cunha aparencia feminina. Pouco despois iniciou unha relación cun rapaz, feito que foi determinante para que boa parte da súa familia a rexeitara incondicionalmente. Natasha e o seu mozo foron descubertos en dúas ocasións. “A primeira vez os meus irmáns e meu pai pegáronme unha malleira terrible” conta Natasha. “Ademais, dixéronme que non me querían na casa, que marchara porque estaba avergonzando á familia. A miña nai foi a única que me axudou. Deixábame durmir na casa a escondidas”.

A ollos da sociedade paquistaní, e aínda que se burlaban dela por transexual, Natasha non era unha muller

A ollos da sociedade paquistaní, e aínda que se burlaban dela por transexual, Natasha non era unha muller. Por iso, para a familia e para a veciñanza a moza estaba mantendo unha relación homosexual e en Paquistán a homosexualidade está penada con pena de prisión. “A segunda vez que nos descubriron, a familia do meu mozo chamou á policía e leváronme só a min á cadea. Alí pegáronme malleiras, torturáronme e burláronse de min” recorda Natasha. Nesta ocasión a rapaza puido saír da cadea grazas á un suborno co que colaborou a súa irmá. A partir deste momento, o acoso público, as burlas pola súa condición de xénero incrementáronse estrepitosamente até o punto de tentar acabar coa súa vida en dúas ocasións. Este foi o momento no que a súa nai lle pediu por favor que marchara. “Se segues aquí vante matar. Marcha filla. Eu xa non te podo protexer máis” recorda Natasha entre bágoas as últimas palabras da súa nai.

“Se segues aquí vante matar. Marcha filla. Eu xa non te podo protexer máis” recorda Natasha entre bágoas as últimas palabras da súa nai

Para ter recursos económicos e poñer rumbo a Europa, a nai e a irmá de Natasha decidiron pedir un préstamo a un tratante, sen comunicarllo ao resto da familia e deixando a súa única vivenda familiar como aval. “Todas pensabamos que unha vez en Europa, eu faría cartos suficientes para pagar o préstamo pero non foi así. De feito, meses máis tarde o tratante ao ver que os cartos non se estaban devolvendo, comunicoulle o feito a toda a familia e esixiu que lle deran a vivenda. O pai de Natasha tentou negociar con el. Para iso, ofreceulle a filla que sempre axudara a Natasha para que casara con ela a cambio de non lles quitar a vivenda.

A nai e a irmá de Natasha pediron un préstamo a un tratante coa casa familiar como aval; ao non poder pagalo, o pai ofreceu a filla ao tratante

Os meses que viñeron despois foron un auténtico inferno. Aínda que Natasha decidiu parar a súa hormonación e adoptar unha imaxe masculina,  isto non foi suficiente para frear a barbarie. Despois de realizar o traxecto entre Paquistán e Turquía en dous meses, a moza comezou a traballar nunha fábrica téxtil en Istambul durante tres meses. “O meu xefe non me pagaba. Eu non estaba ben e decidín marchar. El non me quería deixar ir e pelexamos. Nese momento rompeu o meu documento de identidade e díxome que se non me ía coas mans baleiras que chamaban á policía” aclara Natasha.

Tras o periplo turco, a moza paquistaní negociou cunha mafia unha pasaxe nunha barca para a illa de Lesbos por 700 euros. Novamente a nai tivo que enviarlle cartos para facelo pensando que desta volta Europa estaba moi preto e a súa situación melloraría de inmediato. Na travesía de nove quilómetros ate a illa de Lesbos morreron varias persoas, entre elas, dous amigos de Natasha.

Na travesía de nove quilómetros ate a illa de Lesbos morreron varias persoas, entre elas, dous amigos de Natasha

Unha vez en Atenas, traballou durante meses para un home paquistaní na recollida da laranxa. “Foi terrible. O dono pegábame e abusaba sexualmente de min. Durmiamos moitas persoas na mesma habitación. Cando se deron conta de que era transexual comezaron a agredirme e a tentar abusar de min. Eu dicíalles que me deixaran pero era imposible”. Neste momento, Natasha decidiu continuar cara ao norte para cruzar a fronteira entre Grecia e Macedonia e poñer rumbo a Centro Europa pero foi imposible. Pasou 2 meses en Idomeni tentando cruzar. Alí rodeouse de persoas da súa comunidade. Roubáronlle os cartos que tiña gardados para pagarlle á mafia e conseguir cruzar, pero tamén foi vítima de agresións físicas constantes e intentos de violación. “Neste punto eu xa non sabía que facer. Xa non tiña forzas. Non aguantaban máis. Tras recibir unha brutal malleira que a deixou destrozada, un amigo seu levouna á carpa de Bomberos en Acción, sempre referíndose a ela como se fora un home. Neste intre foi cando o persoal sanitario se decatou de que era unha muller transexual, e debido á súa situación vulnerable, decidiron poñer en coñecemento das voluntarias independentes do campamento a súa situación.

“Tiven moita sorte. Chegaron as voluntarias españolas e dixéronme que me ían protexer. Mandáronme levar a miña tenda xunto ás súas para terme controlada”, comenta Natasha. Certamente grazas moitas voluntarias do estado como María Vence, Natasha pode hoxe contar a súa historia. “Cando a coñecemos démonos conta de que era un dos casos máis vulnerables do campamento. Tiñamos claro que era un caso polo que había que apostar porque as circunstancias éranlle cada vez máis adversas” comenta Vence.

Natasha, rebelde e subversiva, espera en Tesalónica a chamada que lle confirme que pode vir ao Estado español, pero sobre todo agarda a oportunidade de comezar unha nova vida

Durante o desaloxo de Idomeni foron as propias voluntarias as que decidiron evacuar a Natasha sen demora, xa que temían que unha vez en mans das autoridades gregas, fora levada a unha cárcere masculina e seguidamente deportada de maneira automática por ser paquistaní.

Afortunadamente Natasha é hoxe unha supervivente das súas circunstancias pero sobre todo, dunha sociedade heteropatriarcal, xenófoba e transfóbica que esmaga a toda aquela que non cumpra os seus estándars. Natasha, rebelde e subversiva, espera en Tesalónica a chamada que lle confirme que pode vir ao Estado español, pero sobre todo agarda con extrema inquedanza a oportunidade de comezar unha nova vida: a vida dunha muller transxénero, pobre, analfabeta e paquistaní chea de ilusións e esperanzas postas no futuro.

Natasha, en Grecia © Miguelanxo Lar / María Rúa

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.