O pasado ano o Concello de Santiago lanzou, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, a campaña Compostela en Negro. A cor negra e mensaxes contra as violencias machistas como "son libre de decidir a miña vida", "respecta as miñas decisións" ou "unha de catro mulleres que sofre violencia machista non o denuncia por medo" poboaron espazos nos que é pouco habitual atopalos, como escaparates, estantes de establecementos comerciais ou manequíns de tendas de roupa. Tratábase, explicaban, de "promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía" cara a violencia machista, un obxectivo que neste 2016 procurará conxuntamente unha quincena de concellos.
Un total de catorce gobernos locais de diversos signos políticos -con gobernos de 'mareas' municipais, do BNG, do PSdeG e un do PP- adheríronse desta volta á campaña de Santiago, cuxos trazos básicos da súa segunda edición veñen de ser presentados. "O ano pasado conseguimos que máis de 200 establecementos se sumasen á iniciativa, e debido ao bo retorno que tivemos pensamos que era necesario compartila con outros concellos", explicou a edil compostelá de Igualdade, Marta Lois, nunha comparecencia ante a prensa na que participaron este xoves representantes de sete dos 15 concellos que desenvolverán a campaña.
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas preparán conxuntamente con Santiago unha campaña que se concretará, o vindeiro 17 de novembro, na sinatura dun protocolo de colaboración con accións "conxuntas e coordenadas". Entre elas figurará, como en 2015 en Compostela, a promoción da "implicación dos axentes sociais e económicso para tinguir de negro vilas e cidades", como mostra simbólica do rexeitamento á violencia machista. Estes gobernos locais desñaran conxuntamente a campaña, un sitio web específico e materiais baixo o lema En negro contra a violencia.
Os 15 municipios asinarán un convenio de colaboración para compartiren a campaña, centrada en espallar a mensaxe contra as agresións de xénero no tecido socioeconómico
Nesta ocasión, sinalaron os representantes municipais este xoves, o "traslado da marca" creada o pasado ano adaptarase aos contextos de cada concello, especialmente nos de menor dimensión. É o caso, por exemplo, de Zas, explica o seu alcalde, Manuel Muíño, quen "agradece" a "oportunidade de participar, sobre todo tendo en conta que somos un concello de apenas 4.000 habitantes. "A lacra da violencia machista tamén existe nos pequenos concellos, aínda que dun xeito máis oculto, por iso é importante lanzar campañas para visibilizala", di.
"Igual que se reivindica un pacto de Estado contra a violencia e os feminicidios", agrega Marta Lois, "cremos importante que dende o local os municipios nos involucremos e nos posicionemos contra as violencias machistas". "Ten que ser unha prioridade política que ocupe a centralidade nas axendas dos partidos políticos", subliña.