0 Gardados para despois

Sogama só recupera o 3,3% dos residuos que xestiona

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A conselleira de Medio Ambiente de Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez, presentaron este mércores en rolda de prensa as conclusións incluídas na Memoria de sustentabilidade 2015 da sociedade de xestión de residuos. Mato e Domínguez destacaron que Sogama incrementou entre 2009 e 2015 a cantidade de materiais recuperados nun 50 por cento, pasando de 17.600 toneladas que se reciclaban hai 6 anos ás 26.700.

Sogama só recupera o 3,3% do total de residuos que xestiona (802.365 toneladas)

Porén, cómpre salientar que estes datos amosan que Sogama só recupera o 3,3% do total de residuos que xestiona (802.365 toneladas). Ademais, a taxa de recuperación en 2015 foi inferior á do 2014 (6,3%, unhas 51.248 toneladas) e mesmo á de 2013 (3,4%, unhas 27.276). Os malos datos de 2015 en comparación co ano anterior débense á case nula capacidade de recuperación de vidro (2.693 toneladas fronte ás 25.421 de 2014). Sogama explica este forte descenso na "baixada na produtividade do proceso" e prevén "volver en 2016 aos resultados de 2014 mediante novos investimentos na planta".

A cantidade almacenada nos vertedoiros caeu dende as 372.513 toneladas de hai seis anos ata as 200.248 actuais

O optimismo amosado por Mato e Domínguez non se sustenta á vista dos datos, aínda que é certo que algunhas magnitudes melloran de xeito paseniño dende o ano 2009. A taxa de recuperación pasou do 2% (2009), ao 2,4% (2012) ata o 3,3% actual. De igual xeito, a cantidade total de residuos tratados foi diminuíndo, dende as 890.098 toneladas de 2009 ata as 805.355. E, ademais, a almacenada nos vertedoiros caeu dende as 372.513 toneladas de hai seis anos ata as 200.248 actuais. Tamén creceu lixeiramente a cantidade recollida de forma separada, que pasou en seis anos das 17.464 toneladas ata as 21.344. Melloras, aínda que moi lentas e cativas.

Dado que son moi poucos os materiais que se reciclan e recuperan e que, ao mesmo tempo, vai diminuíndo a parte que se deposita permanentemente en vertedoiros, a maior parte dos residuos son queimados, co obxectivo de facelos desaparecer e, ao tempo, xerar enerxía eléctrica. A produción eléctrica total de Sogama sitúase no 517.000 megavatios/hora, en ascenso dende os 431.000 de 2009.

Tamén creceu moito a emisión de gases contaminantes por parte de Sogama

Porén, a consecuencia desa maior actividade de produción eléctrica nestes anos tamén creceu moito a emisión de gases contaminantes por parte de Sogama. Por exemplo, a produción de CO2 pasou de 103 millóns de kilos a máis de 133 millóns. Ou, de igual maneira, as emisións de óxido de xofre creceron case un 50% (dos 12.300 kilos aos 18.600). En calquera caso, todas as emisións contaminantes producidas por Sogama sitúanse dentro dos límites autorizados pola lei.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.