0 Gardados para despois

A fin do contrato de mantemento de equipos no Sergas, unha oportunidade para o sistema público

Redacción | @prazapublica

En xuño de 2013 a Xunta adxudicoulle á empresa Ibermansa (Ibérica de Mantenimiento) un contrato para o mantemento dos equipos electromédicos do SERGAS por un importe total de case 34 millóns de euros e unha duración de tres anos e catro meses. O contrato está, pois a piques de expirar (farao o 30 de novembro) e CIG-Saúde vén de demandarlle ao Goberno galego que o sistema público de saúde se faga cargo dese servizo con persoal propio.

A razón está nas eivas detectadas no traballo de Ibermansa no mantemento dos equipos e que foi denunciado por sindicatos e profesionais case dende o inicio desta concesión. En novembro de 2013 CIG-Saúde denunciaba que a empresa estaba a incumprir "todos e cada un dos apartados do prego de prescricións técnicas e da oferta", tanto no referido a persoal como a tempos de resposta, o que provocaba a anulación de "centos de citas" de radioloxía ou diálise por problemas cos equipos. Os problemas continuaron nos meses e anos seguintes na maior parte das áreas sanitarias, afectando dende as incubadoras para neonatos e prematuros en Lugo ata un dializador en Compostela, un electrobisturí na Coruña, os equipos de radioloxía en Burela ou os respiradores en Pontevedra.

O Goberno galego aínda en funcións semella recoñecer a medias o seu erro, renunciando a externalizar o mantemento a través dunha empresa e dándolles liberdade ás distintas EOXI para que contraten pola súa conta este servizo

A Xunta argumentara que a externalización deste servizo supuña un grande aforro económico, que cifraba en 2,8 millóns de euros, destacando ademais que tamén se incrementaría a calidade. Porén, a práctica demostrou dende o inicio o erro cometido pola administración galega. O que se fixo foi "desmantelar un servizo público que funcionaba perfectamente, con custes reducidos, profesionais moi cualificados, con experiencia e unha calidade na asistencia inmellorábel", segundo a CIG. “Uns profesionais que coñecían á perfección o estado dos equipos e das instalacións e que agora se están a deteriorar, porque a empresa adxudicataria non fai as reparacións perceptivas argumentando obsolescencia de xeito que se aforra o custe destas reparacións. Isto implica que o SERGAS se verá abocado a repor equipos cuxa vida útil non rematou", engadía o sindicato.

Agora, o Goberno galego aínda en funcións semella recoñecer a medias o seu erro, renunciando a externalizar o mantemento a través dunha empresa e dándolles liberdade ás distintas EOXI (Estruturas Organizativas de Xestión Integrada) para que contraten pola súa conta este servizo. CIG-Saúde entende que con este cambio de posición "queda en papel mollado" todo o argumentario empregado en 2013 polo Goberno galego para xustificar a externalización: reducir custes e mellorar a calidade no mantemento, algo que parece que non se cumpriu. O sindicato considera que "se a situación anterior foi un grande erro que supuxo un verdadeiro caos no mantemento de equipos electromédicos, o que pretende agora a dirección do Sergas é sacar de enriba un problema creado no seu día e trasladarllo ás EOXI para que estas fagan o que lles pete sen ningún tipo de control". "Se antes a situación foi un caos agora antóllasenos que non vai ser mellor", conclúe a central, que lle pide ao Sergas que lles dea "as instrucións necesarias ás EOXI para que asuman o mantemento electromédico con persoal propio para evitar situacións anteriores".

 

Outras privatizacións que provocaron problemas

CIG-Saúde denunciou en varias ocasións que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do PP por privatizar a sanidade pública"

O SERGAS veu dedicando nos últimos anos unha parte moi importante do seu orzamento a pagar os servizos que se foron privatizando e externalizando. De feito, ao redor da metade dos cartos cos que conta o servizo público de saúde van directamente a empresas privadas. Neste trasvase de fondos públicos a mans privadas non só entran os coñecidos casos do novo hospital de Vigo, os concertos con Povisa e outros centros, senón que cada vez máis foi gañando peso a externalización de servizos, coma a privatización do servizo de hemodiálise ou a xestión privada do Centro Oncolóxico de Galicia e tamén foi moi sinalada a privatización dos servizos de alta tecnoloxía por 88 millóns de euros anuais, tanto polo seu elevado custe económico, coma polo que implicaba.

CIG-Saúde denunciou en varias ocasións que “as privatizacións non teñen como obxectivo a mellora dos servizos nin o aforro económico, senón o afán do goberno do Partido Popular por privatizar a sanidade pública entregándoa a empresas privadas para facer negocio coa saúde dos cidadáns”.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.