"6 anos. Un veciño q estudaba no seminario volvía as fins de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas #PrimAcoso". Con este chío na rede social Twitter, a concelleira de Benestar Social de Pontevedra, Carme Fouces, deu comezo a unha campaña coa que o Concello quere dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia contra a muller. Co gallo do Día Internacional contra a Violencia Machista do vindeiro 25 de novembro, a iniciativa chama a atención sobre esas pequenas agresións ou humillacións, micromachismos e comportamentos que moitas veces se ignoran e "van normalizando comportamentos máis violentos".
O Concello de Pontevedra lanza a campaña para dar visibilidade á "base da pirámide" da violencia contra a muller
A edil e o Concello pretenden así que as mulleres compartan nas redes sociais a súa primeira lembranza de terse sentido acosadas, inferiores ou ameazadas só polo feito de ser muller. "Denuncia o teu primeiro acoso, cando te sentiches ameazada, violentada ou inferior polo simple feito de ser muller", explica a concellería de Igualdade, que explica que estes primeiros acosos "séguense a asumir nunha espiral de adormecemento que pode derivar nunha situación de non retorno".
"Tamén se pretende trasladar que todas as mulleres están no mesmo barco, que todas senten e sofren nalgún momento", explican desde o Concello, que busca tamén que as mulleres máis mozas "se acheguen" a esta problemática social e que tamén os homes se sensibilicen e decaten que estes episodios non son esporádicos nin froito de catro trastornados.
O primeiro chío, da propia concelleira, foi escrito na mañá deste pasado martes e a resposta está sendo masiva.
6 anos. Un veciño q estudaba no seminario volvía as fines de semana. Sentábame no colo e acariciábame as pernas #PrimAcoso
— carme fouces (@carme_fouces) 15 novembro 2016
Concelleiras, deputadas, escritoras, persoas anónimas... Foron moitas as mulleres que relataron ese primeiro acoso. Unha das primeiras, a voceira do BNG no Parlamento, Ana Pontón: "13anos, no recreo do colexio. Nenos fan corro para tocar os meus xenitais e os peitos #25N". Seguiron a iniciativa as súas compañeiras de grupo na Cámara, Olalla Rodil e Noa Presas, a concelleira de Igualdade do Concello da Coruña, Rocío Fraga, María Reimóndez, Mercedes Queixas, a ex-eurodeputada Ana Miranda ou a ex-seleccionadora galega de fútbol Pili Neira.
#PrimAcoso 13anos, no recreo do colexio. Nenos fan corro para tocar os meus xenitais e os peitos #25N
— Ana Pontón (@anaponton) 15 novembro 2016
Todas co cancelo #PrimAcoso, ao que mesmo se uniron homes que recoñeceron tamén algúns deses "primeiros acosos" nos que ou non repararan ou aos que non lles deran a importancia debida.
A iniciativa do Concello de Pontevedra é unha exitosa aplicación máis da campaña "en negro" que o ano pasado desenvolvera o Concello de Compostela e á que neste ano se uniron catorce gobernos locais de diversos signos políticos -de 'mareas' municipais, do BNG, do PSdeG e un do PP- para "promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía" cara a violencia machista.
A Coruña, Ames, Cangas, Carballo, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas preparán conxuntamente con Santiago unha campaña que se concretará, este 17 de novembro, na sinatura dun protocolo de colaboración con accións "conxuntas e coordenadas".