2.000 establecementos e entidades de 17 concellos, 'en negro' contra a violencia de xénero

Representantes dos concellos que participan na iniciativa © Concello de Santiago

Representantes dos 17 concellos que participarán na campaña En negro contra a violencia asinaron este xoves en Compostela o protocolo de colaboración que rexerá as accións que conforman a iniciativa. Trátase de Ames, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ribadeo, Sarria, Vilaba, Zas, Cangas, Carballo, Poio, Sada, Teo, Tui e Pontevedra, ademais de Santiago de Compostela, concellos polo tanto gobernados por todas as cores políticas. O obxectivo é a realización de accións de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no eido municipal, contando ademais coa implicación de establecementos comerciais e entidades sociais, que suman uns dous mil en toda Galicia. Quérese tamén fomentar a participación de toda a cidadanía, incidindo nos comportamentos e expresións verbais que están detrás da violencia de xénero.

A campaña comeza este venres 18 e rematará o 25 de novembro -Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller-, levándose a cabo de forma simultánea en todos os concellos adheridos. Este é o segundo ano que se realiza a campaña, que o pasado ano acadou un enorme éxito e visibilidade pública na cidade de Santiago. Desta volta, os establecementos comerciais e de hostalaría de 17 concellos de todo o país vestirán de negro durante unha semana, amosando igualmente cartaces con algúns dos lemas que conforman a campaña: "Sempre libre e viva", "1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo", “Respecta as miñas decisións”, “Non son o teu dono”, “Si é si, non é non”, “Son libre de decidir a miña vida” ou "espazo libre de violencia machista".

Martiño Noriega esixiu "un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal"

No acto de sinatura do protocolo da campaña, o alcalde compostelán Martiño Noriega reclamou que "a lacra das violencias machistas é unha cuestión que afecta a toda a sociedade, con dúas mulleres asasinadas en Galicia no que va de ano e 47 no conxunto do Estado", esixindo "un pacto de Estado e a unión de todos os partidos políticos ante isto, como estamos a facer estes 17 concellos dende o ámbito municipal".

 

Unha semana de accións en toda Galicia

  • Santiago: En Compostela, o festival Cineuropa organizará o día 25 de novembro unha sesión específica de películas sobre a violencia machista. Ademais, entre o 18 e o 28 de novembro proxectarase ao comezo de todos os filmes a imaxe da campaña.
  • A Coruña: O Goberno local impulsará unha rolda de conversas con todas as entidades da cidade arredor da loita contra a violencia de xénero co obxectivo de conformar un Pacto Social por unha Cidade Libre de Violencias Machistas. Ademais, levaranse a cabo accións de visibilización contras as violencias machistas no ámbito dos deportes, unha iniciativa na que participan 21 entidades, asociacións deportivas e equipos da cidade, ademais do Real Club Deportivo da Coruña.
  • Ames: O Concello repartirá 700 camisetas. A intención é que os escaparates, as mesas dos restaurantes, as instalacións deportivas, o alumnado dos colexios e dos institutos, en definitiva toda a cidadanía amose a través destes distintivos a repulsa que provocan os actos de violencia contra as mulleres
  • Zas: Máis de cen comercios e bares do municipio de Zas participan na campaña. Entre os participantes atópanse comercios de todos os sectores; téxtil, calzado, alimentación, farmacia e parafarmacia, hostelaría... Na campaña participan tamén tres centros educativos do municipio.
  • Ferrol: Entre as varias iniciativas previstas, celebrarase un pleno municipal cos rapaces e rapazas de centros de ensino da cidade cos que se está traballando en distintos proxectos contra a violencia dirixidos a adolescentes.
  • Teo: Teo en negro buscará a implicación de establecementos comerciais, bares, supermercados, etc. para que durante a semana do 25 de novembro poñan os seus escaparates en negro e dese xeito amosen o seu rexeitamento á violencia machista. Ademais, o mesmo día 25 haberá un acto institucional no que se lerá un manifesto, haberá unha pequena actuación musical e proxectarase un vídeo institucional.
  • Lugo: Na campaña que se levará a cabo na cidade lucense participarán representantes do colectivo de taxistas, de asociacións dos ámbitos da diversidade funcional, da emigración e inmigración, de autónomos e autónomas, de hostalería, e o Secretariado Xitano, xunto á comunidade educativa.
  • Pontevedra: En Pontevedra o Concello leva semanas mantendo contactos con todo o tecido social da cidade para conseguir a súa implicación  na campaña, á que se adheriron un número moi importante de entidades e establecementos comerciais de todo tipo.
  • Ribadeo: Ribadeo tinguirase de negro durante toda a semana do 18 ao 25. A idea é que se vistan desta cor os manequíns dos establecementos comerciais, que cambien os manteis dos restaurantes por uns de cor negra ou mesmo que cada persoa vista loito.
  • Vilalba: Os comercios vilalbeses están convidados a vestir de loito os seus escaparates, empregar distintivos da campaña ou empregar camisetas con lemas contra a violencia de xénero
Momento da sinatura do protocolo © Concello de Santiago
Un dos establecementos participantes na campaña 'Compostela en negro', en 2015 © Sara Torreiro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.