"Santa Margarida/ de Monte Porreiro/ que ten o carballo/ maiore do reino". O Padre Sarmiento recolleu esta copla popular en 1746 na súa obra Coloquio de 24 Gallegos Rústicos, concibido como un catálogo de termos galegos no que Sarmiento "defendía a dignidade do galego, a súa identidade propia respecto do castelán e do portugués, a necesidade do seu cultivo literario e do seu uso nas escolas e nas igrexas galegas", segundo destaca a Real Academia Galega. A referencia dá conta da antigüidade e da importancia histórica e social deste carballo, duns 400 anos de idade, situado na parroquia de Mourente (Pontevedra) e que segundo denuncia o colectivo AnovaTerra se atopa nun "estado de abandono" e ameazado por diversas actuacións, das que culpa á Xunta e ao Concello.
O carballo, catalogado no inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, ten 15 metros de alto e case 8 metros de perímetro troncal, segundo consta na ficha publicada en Patrimonio Galego, que destaca que podería ser a derradeira árbores dun bosque ancestral ao que as referencias denominan Carballeira dos Gafos ou Carballeira de Lázaro. Coñecido coma “o Matusalén de Pontevedra” ou a “árbore das liberdades”, foi debuxado por Castelao en Cousas da Vida e baixo as súas pólas celebráronse algunhas das xuntanzas preparatorias do alzamento liberal de 1846, que sentou as bases do movemento galeguista. No 2002 a árbore foi a imaxe do Ano Sarmiento organizado polo Concello de Pontevedra e no 2007 Carlos Rodríguez Dacal dedicoulle un libro titulado O Carballo de Santa Margarida.
No pasado sufriu o ataque dos fungos e de insectos xilófagos e na actualidade, denuncia AnovaTerra, a árbore atópase sometida a outras ameazas e non está suficientemente protexida polas administracións. A entidade, que remitiu senllas denuncias á Xunta, Concello, Valedora do Pobo, Axencia Europea de Cultura e aos ministerios de Cultura e Medio Ambiente, conclúe que "o estado actual do carballo e o seu entorno constitúe a expresión do desprezo e a incompetencia fronte a un dos exemplares mais singulares do patrimonio vexetal que aglutina historia, cultura, memoria colectiva, paisaxe, vida e identidade dun pobo e unha cidade".
"O estado actual do carballo e o seu entorno constitúe a expresión do desprezo e a incompetencia fronte a un dos exemplares mais singulares do patrimonio vexetal que aglutina historia, cultura, memoria colectiva, paisaxe, vida e identidade dun pobo e unha cidade"
En concreto, alerta de que "o asfaltado de gran parte do recinto no que se atopa o carballo dificulta ou impide a transpiración necesaria" para a súa saúde. Tamén sinala o prexuízo causado pola construción de pedra e cemento que "asfixia" o pé da árbore, así coma pola iluminación colocada ao seu carón. E denuncia a utilización habitual do recinto "como espazo de aparcadoiro consentido" de vehículos.
AnovaTerra lembra que o decreto que regula as árbores catalogadas coma "senlleiras" establece "unha serie de medidas de xestión e coidado que se incumpren de xeito sistemático no caso do carballo de Santa Margarida". Entre estas medidas prevese a realización de "plans de xestión encamiñados á súa conservación, restauración e mellora", plans que deben ser elaborados pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza ou polas persoas propietarias dos terreos onde se asentan, debendo ser aprobados, neste último caso, pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Tamén se prevé a posibilidade de "establecer unha área de protección, que abranguerá a contorna inmediata das árbores". A entidade reclama "ante a gravidade do abandono" unha serie de "medidas urxentes de coidado do carballo, como levantamento do encementado e asfaltado, tratamentos forestais e supresión do aparcadoiro". Demanda, ademais, "a constitución de algún sistema de tutela do que formen parte profesionais e institucións para evitar a repetición de desfeitas".