0 Gardados para despois

Co-Lab: Un laboratorio para construír cidade dende o colectivo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Un cento de persoas participarán este xoves e venres na Coruña nun Obradoiro Aberto que porá a bases do Co-Lab, un Laboratorio Cidadán estable que servirá de espazo de encontro de movementos, institucións, saber académico e activistas que servirá como xerador de coñecemento e transformación social. O Co-Lab busca seguir o ronsel abertos por outras iniciativas (Medialab Prado en Madrid, Citilab en Barcelona, MIT Medialab nos Estados Unidos, MindLab en Dinamarca e un bo número de exemplos recentes en Iberoamérica), pero os seus obxectivos e dimensións serán definidos nestes dous días polas persoas e colectivos participantes. O programa inclúe a intervención de varios profesionais destacados neste campo ou responsables de iniciativas destacadas de innovación social, que nestes dous días pasarán polo Centro Ágora.

O obxectivo é crear un espazo de produción de coñecemento a través de diferentes grupos de traballo e de investigación, contribuíndo á xeración de pensamento crítico e ao desenvolvemento cultural, social e económico da cidade

Aínda que o Co-Lab nace como unha iniciativa da Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña, o seu obxectivo non é establecer un espazo institucional, senón entregarlle ferramentas á cidadanía organizada, expertos, colectivos profesionais e movementos sociais, crear un espazo de produción de coñecemento a través de diferentes grupos de traballo e de investigación, que impulsen procesos de innovación cidadá para a transformación social, contribuíndo á xeración de pensamento crítico e ao desenvolvemento cultural, social e económico da cidade. Trátase de abrir un espazo de comunicación horizontal entre a academia e o activismo, aproveitando ao máximo ademais as posibilidades das novas tecnoloxías e fancendo fincapé nos valores da colaboración, da transferencia de coñecementos, da horizontalidade dos saberes, da produción en código aberto.

"O xérmolo deste proxecto é a comprensión do público dende unha perspectiva do desborde institucional, que rache coa simplificación binaria público-privado e introduza novas institucionalidades"

"O xérmolo deste proxecto é a comprensión do público dende unha perspectiva do desborde institucional, que rache coa simplificación binaria público-privado e introduza novas institucionalidades", destácase dende o Co-Lab, que subliña que "as empresas, os grupos de interese e os partidos teñen os seus think tanks, laboratorios de ideas cuxo obxectivo é a produción intelectual para un mercado, sexa este electoral, mediático ou de produtos" e que "fronte a esa concepción mercantilista dos saberes, que ten á cidadanía-electorado coma destinatario pasivo da enxeñería intelectual dunha vangarda de pensadores a soldo, xorden os laboratorios cidadáns. E fano en base á idea de que o coñecemento non é patrimonio dos expertos, e que a riqueza baséase nos saberes en plural, e polo tanto é necesaria unha horizontalización e deselitización dos mesmos".

Poderemos escoitar a Antonio Lafuente (CSIC), Pedro Jiménez (Zemos98), Enrique Saavedra (Galicia Maker Fair), Marcos García (Medialab Prado), Nagore de los Ríos (canle Irekia, Goberno Vasco) e Juan Freire (XtribeU).

Ademais dos debates que se dean entre os e as participantes da Coruña e chegados do resto de Galicia, nas dúas xornadas do Obradoiro aberto, poderemos escoitar a Antonio Lafuente (CSIC), Pedro Jiménez (Zemos98), Enrique Saavedra (Galicia Maker Fair), Marcos García (Medialab Prado), Nagore de los Ríos (canle Irekia, Goberno Vasco) e Juan Freire (XtribeU). Na web de Co-Lab xa se poden consultar as intervencións dalgúns dos e das participantes e unha biblioteca de recursos. De igual xeito, resulta de gran interese a entrevista que esta mesma semana o coruñés Juan Freire lle realizou a Antonio Lafuente sobre os laboratorios cidadáns. Falamos coa concelleira Claudia Delso.

Comezamos polo principio: Que é o Co-Lab?

Ante a pregunta de que é o Co-Lab, sempre dicimos que é un espazo de produción de coñecemento. Queremos evitar o que normalmente se fai, que é definir o contedor antes de que se defina o contido. Digamos que o Co-Lab se vai construíndo a si mesmo. En esencia, o Co-Lab é un espazo no que distintas persoas que veñen de distintas disciplinas poden achegar o seu coñecemento e experiencia, poñéndoo en relación co dos demais, e poñéndoo ademais a disposición da comunidade e, deste xeito, producindo novo coñecemento. E isto pode derivar en novos proxectos e novas investigacións. Hai retos de cidade, problemáticas grandes ou pequenas, que é imposible abordar dende un só punto de vista, que deben ser tratados dun xeito máis complexo e, en definitiva, máis rico.

"Non se trata de que dende a administración digamos como debe ser, senón que deben os propios colectivos e axentes que traballan na cidade quen o decidan"

Trátase de crear un espazo de encontro, no que facer comunidade e a partir de aí xerar proxectos?

A riqueza destes espazos é precisamente esa: xente que nin se coñece entre ela, pero que poden achegar moitísimo a proxectos e ideas concretas. O xoves e venres vaise realizar un proceso de deseño colectivo, para definir como queremos que sexa o laboratorio para a cidade da Coruña. Non se trata de que dende a administración digamos como debe ser, senón que deben os propios colectivos e axentes que traballan na cidade quen o decidan. Dende o Concello temos vontade política de impulsar un espazo con estas características porque entendemos que se dan as condicións para iso, porque hai colectivos na Coruña e en toda Galicia que levan moito tempo levando a cabo procesos de innovación social. Dende o Concello estamos dispostas a abordar debates sobre a personalidade xurídica do laboratorio, sobre se é necesario un espazo físico, sobre se queremos aproveitar algunha infraestrutura que xa existe na cidade... Tentamos abrir o código do proxecto ao máximo. Estes espazos son espazos de aprendizaxe para todas as partes e especialmente para a administración pública. E tamén para a academia, para a universidade, porque tanto a administración coma a universidade están moi anquilosadas en prácticas vellas.

"Estes espazos son espazos de aprendizaxe para todas as partes e especialmente para a administración pública. E tamén para a academia, para a universidade, porque tanto a administración coma a universidade están moi anquilosadas en prácticas vellas"

Chama a atención como aínda que vivimos nun mundo hiperconectado podemos non saber que á nosa beira hai persoas que comparten imaxinario con nós, preocupacións afíns e coas que podemos desenvolver proxectos colaborativos, non?

Estamos hiperconectados, pero ás veces nunha soa dirección. Aínda nos pesa moito esa concepción sectorial do mundo. Pero hai moitísimos exemplos e prácticas, sobre todo en Iberoamérica, que están demostrando a necesidade de introducir unha multiplicidade de miradas, para descubrir que as cousas se poden facer de moitas maneiras. Si que parece que agora todos nos coñecemos, pero a verdade é que só coñecemos unha parte, e ao noso lado pode haber unha persoa, se cadra doutro ámbito sectorial, que tamén está reflexionando sobre o mesmo que facemos nós. Por iso é importante que se dean eses encontros improbables. E o laboratorio pode ser ese espazo de encontro, de diversidade, no que persoas de distintos perfís profesionais se poidan atopar e traballar xuntas.

O Co-Lab non é unha iniciativa illada, senón que se enmarca nunha tendencia que está a dar resultados interesantes noutros lugares...

O laboratorio cidadán non é nada que esteamos inventando nós, senón que laboratorios deste tipo funcionan dende hai tempo en moitas cidades de todo o mundo. O Cumio Iberoamericano aprobou en 2013 unha carta de impulso da innovación cidadá, nun acordo que tamén está ratificado por España, e dentro deste impulso prevese a posta en marcha de laboratorios nas distintas cidades.

"Hai moita expectativa, acompañada dunha frustración con respecto á institución, que por desgraza non soubo acompañar dun xeito respectuoso prácticas que se estaban dando na sociedade civil"

Cal está a sendo a resposta ata agora?

A resposta está sendo moi boa. As prazas esgotáronse e creo que hai moita expectativa en colectivos que levan tempo facendo prácticas deste tipo e cunha perspectiva crítica. No noso contexto a expectativa tamén vai acompañada dunha frustración con respecto á institución, que por desgraza no pasado non soubo acompañar dun xeito respectuoso prácticas que se estaban dando na sociedade civil. Nesta primeira fase estamos facendo unha fase de investigación, de entrevistas con colectivos e axentes para chequear con eles a posta en marcha desta iniciativa, colaborando man a man. O laboratorio no remata esta semana, isto é só o comezo. É un proxecto de lexislatura

 

Entrevista de Juan Freire a Antonio Lafuente

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.