As rúas e escaparates de 17 concellos galegos visten de negro estes días. Tamén o fan páxinas web e redes sociais, amosando a imaxe e lemas da campaña En negro contra a violencia iniciada o pasado ano en Compostela con grande éxito e que neste 2016 se estendeu a un bo número de localidades de todo o país.
Máis de 2.500 comercios e entidades sociais de Ames, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ribadeo, Sarria, Vilalba, Zas, Cangas, Carballo, Poio, Sada, Teo, Tui e Pontevedra, ademais de Santiago de Compostela participan nesta iniciativa que leva ao espazo público a denuncia da violencia machista, das violencias de todo tipo que sofren as mulleres (non só físicas), dándolle visibilidade a unha lacra que non debe quedar agochada no ámbito privado.
A campaña desenvolverase ata o 28 de novembro, acompañada de varias actividades en cada localidade. Falamos con Marta Lois, edil de Igualdade do Concello de Santiago, sobre o éxito dunha iniciativa que conseguiu que o tecido comercial e asociativo fixese seus os obxectivos e mensaxes da campaña.
Mensaxes como "Espazo libre de violencia machista", "Son libre de decidir a miña vida", "Máis do 25% das mulleres sofre violencia machista dentro da parella", "Non son o teu dono", "Respecta as miñas decisións", "Máis xogos, menos berros", "Ciumes = control = violencia", "Sempre libre e viva", "Si é si. Non é non" ou "1 de cada 4 mulleres que sofre violencia machista non denuncia por medo".
Que valoración facedes da segunda edición da campaña?
Facemos unha valoración moi positiva, polo orgullo de ser concello impulsor e de tecer redes con outros concellos. E sobre todo polo impacto e o éxito da campaña na cidade. O ano pasado chegamos a 300 establecementos comerciais, este ano debemos estar polos 550. Houbo unha incorporación moi grande do pequeno comercio, xunto con institucións e entidades culturais, sociais e económicas que tamén se sumaron, tanto nas súas webs e perfís en redes sociais coma nos propios espazos materiais. A Praza de Abastos tamén loce o lema e a imaxe da campaña en todas as súas naves. E como broche, este mércores despregouse na fachada da Catedral unha enorme faixa de seis por dez metros. Tamén foi importante a implicación de empresarios no patrocinio da campaña, algo fundamental para acadar o noso obxectivo de que a campaña crecese e conseguise outra dimensión: refírome sobre todo a Gadisa, a R, á Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, a Terneira Galega, a Clesa...
Unha campaña que, ademais, se estendeu dende Compostela a outras localidades...
Nós entendemos que as novas formas de municipalismo teñen un papel fundamental en canto ao impulso de políticas públicas transformadoras porque os concellos somos as institucións máis próximas, e polo tanto somos quen podemos acceder á comunidade, aos veciños e veciñas. Ser quen de que 17 concellos se sumen para denunciar a pé de rúa as violencias machistas parécenos un grande éxito. O éxito é a resposta social. A base do éxito dunha campaña está en que vaia de abaixo a arriba, en que as institucións nos poñamos ao servizo da comunidade e que a propia comunidade emita as súas mensaxes de repulsa. Por iso esta campaña funcionou tan ben o ano pasado e está a funcionar tan ben neste: porque os propios e propias comerciantes a fixeron propia.
Unha das conquistas da campaña é que este tema ocupe o espazo público, sacándoo dos ámbitos privados nos que ás veces queda agochado?
Unha das claves é que a campaña vai á liña de flotación das mensaxes normalizadas e patriarcais que dominan as nosas sociedades, e danlles a volta e denúncianas. Se reivindicamos que queremos as mulleres sempre libres e vivas, dicimos que as mulleres teñen todo o dereito do mundo para poder camiñas soas pola rúa e vestir como queiran. Moitas veces algunhas das medidas de protección contra as violencias machistas parece que están orientadas a que sexan as mulleres as que deixen de ocupar o espazo público.
Os lemas da campaña fan referencia a moitos comportamentos machistas que van máis aló da agresión física. Hai que atacar o machismo como cultura para rematar con todas as violencias?
A violencia machista non remite en exclusiva a esa expresión tan dramática que é a violencia física. A violencia machista correspóndese co espazo do control, co espazo da violencia psicolóxica, coa conceptualización dun amor posesivo, onde os ciumes enténdense como expresión do amor. Outro elemento importante é que a violencia de xénero non debe referirse unicamente á violencia que exerce unha parella ou ex-parella. Violencia de xénero tamén é o acoso psicolóxico ou o acoso sexual que pode sufrir unha muller calquera pola rúa. Está na sociedade. Os asasinatos son a expresión máis brutal e extrema desa violencia, pero debaixo, coma nun iceberg, hai unha serie de valores patriarcais que debemos mudar.
Non remataremos coa violencia de xénero ata que todas as administracións se impliquen con decisión e recursos e consideren este un tema prioritario?
É importante recoñecer o status de feminicidio, darnos conta de cantas mulleres son asasinadas cada ano polo feito de ser mulleres, unhas 800 nos últimos 15 anos. Debe ser un asunto prioritario, un asunto de Estado. As cifras, que son terribles, deben obrigarnos a pararnos en seco e actuar, e a colocar este tema en primeira liña.