A Xustiza anula as multas a catro veciños de Sarria por protestar contra as obras no río

Manifestación en Sarria contra as obras na ribeira do río CC-BY-SA Plataforma Sarriana polo Río

A Subdelegación do Goberno de España en Lugo sancionou catro veciños de Sarria sen probas. É a conclusión á que vén de chegar o Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Lugo nunha senteza que, ditada o pasado día 23, anula as multas impostas en marzo de 2014 cando estas catro persoas tentaban, mediante unha sentada, impedir as controvertidas obras de encanamento do río Sarria, e foron desaloxadas pola Garda Civil da desaparecida ponte do Toleiro.

Máis de dous anos e moitos avatares despois a Plataforma Sarriana polo Río ve neste ditame xudicial unha proba do que veñen afirmando dende aquela. As multas a quen participaron destas mobilizacións, manteñen, non son máis ca unha estratexia da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para tentar frear unhas protestas que, no entanto, xa lograron parte dos seus obxectivos.

Esta sentenza, resaltan, acredita que a mobilización foi reprimida con multas sen probas. "A partir das probas gráficas, videos e testemuñas" que "foran ignoradas pola Subdelegación nos previos recursos administrativos", resalta a Plataforma, o xulgado conclúe "que as infraccións imputadas" a estes catro veciños "ou non se atopan debidamente acreditadas ou hai proba dabondo de que non se cometeron, polo que calquera sanción grave ou leve resulta improcedente".

A sentenza considera que a Subdelegación do Goberno central en Lugo tramitou sancións contra os veciños sen probas de que cometeran infracción ningunha durante as protestas

Nesta liña, a sentenza considera que "non é de recibo" que a Subdelegación do Goberno "apele a que existe numeroso material probatorio acreditativo da realidade dos feitos imputados", en referencia a fotografías, pero non o incorpore ao correspondente expediente. A entidade gobernamental, agrega, argumentou a validez das multas con "imprecisións ou afirmacións xenéricas" que non abondan para poder exercer a "potestade sancionadora".

Así as cousas, a Plataforma pregúntase "por que o subdelegado mantivo as sancións malia á evidencia exculpatoria achegada pola Plataforma" e instan o subdelegado, Ramón Carballo, a aclarar "por que se impuxeron sancións en ausencia de probas". "A Plataforma denunciou no seu día e reitera hoxe que as arbitrarias actuacións do subdelegado non eran alleas ás intencións de amedrentar os veciños de Sarria que protestaban contra o proxecto de encanamento" e así "eliminar a oposición na rúa ao proxecto dos seus compañeiros de partido". "O subdelegado -agregan- deberái responder polo uso partidista dos recursos destinados a manter a seguridade pública.

Unha vez coñecida a sentenza, que condena a Subdelegación a asumir as costas do proceso, a Plataforma Sarriana polo Río fai un "chamado urxente a Concello e Xunta" a que "finalicen xa co sainete da Confederación Hidrográfica", cuxas obras foron "sancionadas tres veces" pola Administración autonómica. Existen, lembran, fondos consignados pola Deputación de Lugo para repoñer o taboleiro da Ponte Ribeira, polo que só resta realizar eses traballos antes de que, na primavera, a vila "volva encherse de peregrinos".

Desaloxo de veciños de Sarria durante as protestas Dominio Público Plataforma Sarriana polo Río

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.