0 Gardados para despois

"Os netos e netas merecen saber que os seus avós morreron por uns valores que son importantes na sociedade actual"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Telmo Rodríguez Alonso (concelleiro), Amadeo Álvarez Fernández (torneiro), Juan Alonso Pérez (mestre), José Gómez Sampayo (médico), Alfonso Alonso Portugués (empresario agrario) e Joaquín Antonio Álvarez Álvarez (mestre). Son seis veciños de Arbo, asasinados en 1936 que o vindeiro 18 de decembro recibirán unha homenaxe no seu concello, nun acto organizado polo Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo, coa colaboración da Universidade de Vigo, a Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) e a Iniciativa Galega de Memoria (IGM).

Catro deles foron paseados o 8 de novembro de 1936 na Volta do Couto, en Cotobade. Estiveran recluídos no campo de concentración da Illa de San Simón, ata que -xunto con outros sete presos, principalmente de Lalín- foron trasladados nun camión, co pretexto de ingresar no cárcere de Ponte Caldelas. Porén, ao chegar a Cotobade, os nacionales mandaron deter o vehículo, fixeron descender os prisioneiros e aplicáronlles a lei de fugas, asasinándoos nese lugar. Os restos dos once foron levados ao cemiterio do mosteiro de San Pedro de Tenorio. En 2009 a ARMH, despois de investigar estes feitos, quixo levar a cabo a exhumación dos cadáveres. Non obstante, a asociación atopou que o lugar no que foran soterrados fora removida corenta anos atrás, durante as obras de construción de novos nichos, depositándose os restos dos once asasinados no osario común do cemiterio, e facendo imposible a súa recuperación.

"A maior parte dos asasinatos foron dirixidos contra líderes sociais, persoas que estaban cambiando a sociedade. A revolución xa estaba feita, estaba facéndose, unha revolución no ámbito educativo, no mundo agrario, nas iniciativas empresariais"

Entre estes catro veciños de Arbo había un concelleiro de Izquierda Republicana, pero tamén un médico, un mestre e un empresario agrario. Catro persoas de gran importancia social no seu momento. "O franquismo xerou un discurso sobre que as represalias foron debidas en moitos casos a enfrontamentos persoais e envexas ou a que só se dirixiu contra as persoas moi significadas politicamente, militantes e dirixentes de partidos. É un discurso falso: a maior parte dos asasinatos foron dirixidos contra líderes sociais, persoas que estaban cambiando a sociedade. A revolución xa estaba feita, estaba facéndose, unha revolución no ámbito educativo, no mundo agrario, nas iniciativas empresariais", destaca Xavier Simón, do Grupo pola Recuperación da Memoria Histórica de Arbo.

Pode ser un bo exemplo disto Alonso Portugués. "Era un líder social porque era un importante empresario agrario, un innovador, un home que con 33 anos tiña un viveiro que abastecía de cepas e de árbores froiteiras a moitos lugares de toda Galicia e de Portugal. Seguramente simpatizaba coa República, pero non era militante. E tiña poder social, capacidade de influencia", sinala Simón. Ou Juan Alonso Pérez, mestre de Izquierda Republicana, sen faltas administrativas coñecidas, que foi expedientado e depurado varios meses despois do seu asasinato. Ou Gómez Sampayo, o médico, que "vivía nun pazo, tiña propiedades, estaba mesmo emparentado coa nobreza, era unha persoa con poder. Estaba próximo a Izquierda Republicana e chamábanlle 'o médico dos pobres' porque un día á semana atendía de balde aos máis desfavorecidos. A súa propia existencia era mobilizadora, e polo tanto era perigoso para os golpistas", di. 

Outro dos asasinados foi Joaquín Antonio Álvarez (O Roque), un importante cargo na acción política da Fronte Popular en Arbo, líder intelectual e mestre de prestixio, moi respectado no lugar e preocupado pola escolarización dos nenos e nenas. Foi o único que fusilaron, no Castro, en Vigo. "Temos a documentación do Consello de Guerra, e coñecemos os detalles do paripé. Acúsano de estar na cabeceira dunha manifestación en Arbo, o 21 de xullo de 1936, de apoio á República, 'llevando banderas rojas y dando vivas a Rusia, a Moscú y con el puño en alto'", explica Xavier Simón, que destaca que "Habitualmente, os que foron fusilados tras un Consello de Guerra, correspondíanse con cargos públicos importantes (alcaldes, por exemplo) e sobre todo das cidades. Non hai tantos nas vilas, e Roque si figura nesa categoría".

"Sen as familias esta homenaxe non tería sentido, as familias deben ser protagonistas"

A homenaxe do día 18 consistirá na colocación dunha placa conmemorativa colectiva e de dúas placas máis, nas casas de dous dos asasinados. Haberá un xantar, no que intervirá o historiador dezán Manuel Igrexas, a investigadora Carmen García Rodeja (da ARMH), e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG. 

"Houbo máis asasinados en Arbo, pero aínda non puidemos contactar coas familias e queríamos centrarnos na homenaxe ás persoas cuxas familias podían estar presentes", explica Xabier Simón, que fai fincapé na homenaxe que tamén recibirán as esposas dos falecidos, na súa condición de represaliadas en vida. "Os netos e netas destas persoas merecen saber que os seus avós morreron loitando por uns valores que son importantes na sociedade actual. Sen as familias esta homenaxe non tería sentido, as familias deben ser protagonistas", destaca.

"Vai sendo hora de que poidamos imaxinar entre todos e todas como sería esta vila, como sería este país e como sería esta sociedade de non terse producido aquela barbarie e o xenocidio iniciado en xullo de 1936"

"Falando con eles e elas, sobre todo cos fillos e fillas, percibimos un profundo desexo de que se coloque o nome de seus pais á altura que merecen. Os fillos e fillas que están vivas, que daquela eran moi pequenos e pequenas, apenas lembran a seus pais, pero si lembran o mal vivir que tiveron que soportar nas décadas seguintes. Son conscientes de que seus pais foron asasinados sen teren cometido delito ningún, e isto aínda non llo dixeran publicamente", subliña.

E conclúe que estas "son historias que levan 80 anos vivindo na intimidade destas familias e vai sendo xa hora de que compartamos entre todos e todas os seus nomes, os seus proxectos vitais, as súas voces, e que poidamos imaxinar entre todos e todas como sería esta vila, como sería este país e como sería esta sociedade de non terse producido aquela barbarie e o xenocidio iniciado en xullo de 1936". 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.