"Diego sempre foi unha das caras máis visibles da loita da rotonda de Coia, polo que creemos que o seu procesamento non é casual. Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes". A Asemblea Aberta de Coia comezou hai uns días a recoller sinaturas en apoio do activista Diego Lores, que será xulgado o vindeiro 17 de xaneiro, acusado de agredir un policía municipal durante unha carga de antidistubios contra unha das protestas veciñais que nos últimos meses de 2014 buscaban evitar a instalación do barco de Alfageme na rotonda do barrio.
Pídense para el 3 anos e medio de cárcere, xunto a unha responsabilidade civil de 30.355,84 euros. A entidade veciñal denuncia que as protestas foron pacíficas en todo momento e que non existen probas para acusar a Lores. De igual xeito, sinala que o proceso xudicial busca servir de exemplo ao resto dos e das integrantes da Asemblea Aberta e de amedrentar o resto de movementos sociais ("A denuncia das inxustizas deste sistema, a contestación social, a protesta, son perseguidas e criminalizadas, pese a que o noso ordenamento xurídico diga o contrario"). Subliña que "na instrución do procedemento foi tal o cúmulo de contradicións e incongruencias por parte da acusación particular, que a propia fiscalía, en dúas ocasións, rexeita formar parte do proceso". Así, o día 17 de xaneiro non haberá acusación pública, pois "o ministerio fiscal non aprecia indicios de delito, pese a todo o manifestado dende o goberno municipal", sinala a Asemblea Aberta de Coia, só acusación particular, a da Policía Local de Vigo.
O manifesto, que pide a súa absolución, recibiu o apoio de políticos como Luís Villares, Xosé Manuel Beiras, Alexandra Fernández, Lidia Senra, Antón Gómez Reino ou Olalla Rodil. E tamén doutros profesionais, académicos e intelectuais como Manuel Rivas, María Reimóndez, Xosé Luís Méndez Ferrín, Belén Gopegui ou Jorge Riechman. Os apoios non só chegaron dende Galicia, senón que entre os e as asinantes atopamos a Teresa Forcades, Anna Gabriel ou David Fernández dende Catalunya.
A Asemblea Aberta de Coia destaca que "esta actuación non só é paradigma do pailanismo urbanístico que se está a estender pola xeografía viguesa, senón que é -e así foi percibida pola veciñanza- un insulto, unha provocación en toda regra. Non hai cartos para pagar as axudas de emerxencia, alugueiros ou recibos da luz da cidadanía empobrecida, pero si para instalar un barco nunha rotonda". E sinala que "tendo sempre por bandeira a nonviolencia, a resistencia pasiva e a desobediencia pacífica, paralizáronse as obras. As forzas de orde público interviñeron, e comezaron a chegar as multas e as detencións: tras Xurxo, foi a quenda a Diego".
Outro activista de Coia, Xurxo Romero, foi sentenciado a unha pena de seis meses de cárcere e unha indemnización de máis de 1.000 euros por outro suposto delito de atentado contra a autoridade noutra mobilización e cuxa acusación tamén negaban varias testemuñas.