A violencia machista volve ter resultado de morte en Galicia. Este domingo faleceu no Hospital Clínico de Santiago a muller de 30 anos acoitelada o pasado venres pola súa ex-parella nunha rúa do Ensanche da capital galega. A Policía, segundo informa a Delegación do Goberno central en Galicia, segue á procura do presunto asasino mentres que o asasinato de Vigo xa foi declarado como caso tamén de violencia machista e o detido pasará este martes a disposición xudicial. Será o xulgado de violencia sobre a muller na cidade quen asuma a investigación logo de se constatar a relación previa do arrestado coa vítima.
O asasinato perpetrado en Compostela foi coñecido polas forzas de seguridade por unha chamada da veciñanza da moza, que segundo un comunicado oficial "alertaron do acontecido" na tarde do pasado venres. A muller foi atopada "con graves feridas por arma branca" e foi trasladada ao CHUS, onde se tentou salvar a súa vida ata este domingo, que faleceu. O agresor "está a ser buscado polas forzas e corpos de seguridade", indica o mesmo comunicado.
A ex-parella da moza asasinada en Santiago está a ser buscada pola Policía
Mentres, continúa a investigación sobre o acontecido á segunda vítima da violencia machista no país en menos de dous días. A investigación, segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tenta determinar se o asasinato dunha moza de 25 anos orixinaria de Boqueixón no portal da vivenda na que residía, en Vigo, foi legalmente un caso de violencia de xénero. O corpo da muller foi atopado por un veciño e os servizos sanitarios identificaron "diversas feridas de arma branca".
Este domingo foi detido un home como presunto autor do asasinato doutra muller en Vigo
O agresor, segundo fontes da investigación, "pertence ao entorno da vítima", por iso a Policía centrou as pesquisas na súa parella, a súa ex-parella e na contorna laboral. Atendendo ao publicado pola axencia Europa Press, o detido foi parella da muller e todo apunta a un evidente caso de violencia machista. No entanto, advírtese dende o TSXG, polo momento o caso está a ser instruído polo xulgado número 5 de Vigo, que se atopaba en funcións de garda. Se a investigación determina que se trata dun crime encadrable na lei contra a violencia de xénero pasaría a abordalo o xulgado específico.
O movemento feminista chama a manifestarse contra a violencia machista este martes
Ambos asasinatos suscitaron xa múltiplas mostras de condena por parte de institucións públicas e entidades políticas e sociais. En Boqueixón, concello de orixe da moza asasinada en Vigo, foi decretado loito oficial e en Santiago decidiuse o mesmo. Nas sete principais cidades do país están xa convocadas concentracións contra a violencia machista para este martes ás oito da tarde. De confirmarse que o asasinato de Vigo foi unha agresión machista sería a terceira morte por violencia de xénero do 2016 en Galicia.
- 016 Teléfono para a asistencia e denuncia da violencia machista. A chamada é de balde e non deixa rastro na factura telefónica.