Galicia rexistra case 500 denuncias por violencia machista ao mes

Concentración contra a violencia machista ás portas do Parlamento © Parlamento de Galicia

O Parlamento, a Xunta, concellos, deputacións, centros educativos... Unha multitude de institucións galegas pararon este luns a súa actividade cotiá para, a través de concentracións e minutos de silencio, amosaren o rexeitamento á violencia machista tras os asasinatos de dúas mulleres en Vigo e Santiago en apenas dous días. En moitos destes actos, celebrados na véspera das mobilizacións convocadas polos movementos feministas para o martes ás 20:00 nas principais cidades, responsables dos gobernos locais e provinciais e da propia Xunta chamaron á repulsa contra a violencia de xénero e, nalgúns casos, tamén máis medios e "concienciación" para facer fronte a unhas agresións das que unha parte fica reflectida en case medio milleiro de denuncias cada mes.

Este luns, mentres a indignación polos asasinatos de Ana María e Elena, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia facíase eco dos datos difundidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial a respecto da actividade dos xulgados que abordan a violencia de xénero. En tan só tres meses, de xullo a setembro deste ano, estes xulgados recibiron 1.431 denuncias, un incremento interanual do 6%, en procesos que atinxiron a case 1.350 mulleres.

Segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, que procesa estes datos, a maior parte das denuncias por violencia machista recibidas nos xulgados galegos proceden de atestados policiais, máis do 65% do total. Nestes órganos xudiciais foron solicitadas 497 "ordes e medidas de protección" e delas foron aceptadas 348. Segundo os datos difundidos dende o TSXG o 81% dos axuizados en procesos por violencia sobre a muller acaban condenados, cinco puntos máis que no mesmo período do ano anterior..

Segue a busca do asasino de Elena

O agresor da muller asasinada en Santiago está a ser buscado a nivel internacional

Mentres estes datos son publicados e as institucións públicas e as entidades sociais rexeitan os crimes machistas continúa a busca do asasino de Elena, a moza de 30 anos acoitelada en Santiago que faleceu o pasado domingo no complexo hospitalario da capital galega tras non seren quen os servizos sanitarios de salvar a súa vida por mor da gravidade da agresión. Segundo confirmou este luns o alcalde da cidade, Martiño Noriega, as forzas de seguridade estenderon a orde de procura do agresor a nivel internacional.

O detido polo asasinato da moza acoitelada en Vigo pasará á disposición do xulgado o vindeiro mércores

Mentres, en Vigo, o xulgado de garda que inicialmente se ocupou do asasinato de Ana María inhibiuse ao xulgado de violencia sobre a muller, que este luns xa activou o procedemento de lei do xurado. Agárdase que o vindeiro mércores pola mañá pase á disposición deste xulgado o detido como presunto autor do crime, un compañeiro de traballo da moza que mantivera unha relación con ela no pasado e que, segundo confirma o TSXG, polo momento optou por se acoller ao seu dereito a non declarar na comisaría.

Concentración ás portas da casa do Concello de Vigo © Concello de Vigo
Concentración en Santiago, ante o Pazo de Raxoi © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.