Sete estacións do tren. Catro delas, na provincia de Ourense. Unha na contorna de Vigo, outra no Baixo Miño e outra máis no sur de Lugo. Por elas pasan cada ano case 200.000 persoas que soben e baixan dos trens de Renfe. E case 60.000 mercan alí mesmo os seus billetes para vindeiras viaxes. Son as cifras que, segundo alerta persoal ferroviario de Renfe e ADIF -a compañía pública responsable das estacións- perigan dentro do plan dos dous entes para reestruturar o seu servizo de vendas en 2017, "deixando importantes núcleos de poboación sen o servizo presencial de información e venda de billetes" e implicando, nalgúns dos casos "o peche e estacións que queden sen persoal".
O que noutrora era unha única empresa pública está a ultimar entre as dúas compañías en que se dividiu o traspaso da venda de billetes e información ao público. Trátase, sinala o sindicato CGT nun comunicado, de que este servizo que agora presta ADIF sexa xestionado por Renfe-Viajeros. O proceso de trasvase do persoal, explica, avanza nas estacións das sete cidades e mais na de Vilagarcía, onde 82 persoas desenvolven estas funcións. No entanto, "nesta primeira estimación, nin Renfe nin ADIF están a incluír a venda de billetes" nin a atención ao público nas estacións nas que estes labores non é realizado por persoal do departamento comercial, senón no de circulación. Renfe, ao cabo, non prevé asumir este persoal e Adif non o manterá se non ocupa tempo dabondo en labores alén das comerciais.
Adif ultima o traspaso a Renfe do persoal de venda de billetes e atención ao público
Esta é a situación na que se atopan as estacións ourensás do Carballiño, A Rúa, O Barco de Valdeorras e Ribadavia, así como as de Guillarei (Tui) e Redondela. Alí o persoal que "fai labores de xestión do tráfico ferroviario" tamén vende billetes de longa e media distancia e atende o público. De media, a venda de billetes nestas estacións supón uns 60.000 euros ao mes. Ademais, advirten, cómpre ter en conta a importancia destas estacións nas súas comarcas e, no caso de Sarria, o seu carácter central no treito galego do Camiño de Santiago. "A importante cantidade de viaxeiros" e a "considerable reacadción" xustifica, para a CGT, "se que manteñan abertas cara ao público".
As arredor de 200.000 persoas que pasan cada ano por estas estacións, sinala o sindicato, "non terían persoal de información e venda ao que dirixirse" se "os plans de Renfe-Viajeros se levan a efecto, algo que semella que vai ocorrer". É por iso, anuncian, que a central sindical se dispón a iniciar " unha campaña de defensa dos postos de traballo, contra os recortes nos servizos ferroviarios" e "na defensa dun ferrocarril público, social e de calidade".
O sindicato CGT anuncia o inicio dunha campaña na defensa dos postos de traballo e da permanencia das estacións en risco
O persoal, anuncia, dirixirase á Xunta, ás deputacións e aos concellos afectados, así como a asociacións veciñais destas áreas e a os grupos políticos do Parlamento. Esta alerta prodúcese en pleno debate a respecto dos novos prazos de remate da liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid, unha vez admitida a imposibilidade de finalización en 2018, e despois de anos e que diversas entidades sociais e políticas veñen denunciando a perda de servizos ferroviarios de proximidade ou o abandono por parte de Renfe e Adif das localidades que fican fóra das principais cidades ou dos centros de chegada do futuro AVE.