0 Gardados para despois

"É inxenuo pensar que a crise económica freou a especulación urbanística"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"A preeminencia das lóxicas neoliberais esixe que calquera intervención urbana sexa produtiva economicamente, erixíndose os sectores empresarial e financeiro como auténticos protagonistas na ordenación e xestión do territorio e, en ocasións, tamén da orde política e normativa". O libro colectivo Cartografía de la Ciudad Capitalista (Grupo de Estudios Antropológicos La Corrala), publicado hai uns meses tras unha exitosa campaña de crowdfunding, analiza os procesos de transformación urbana recentes de nove cidades do Estado español: Barcelona, Tarragona, Mallorca, Valencia, Murcia, Madrid, Sevilla, Cádiz e Granada (en vindeiras edicións barállase a incorporación de análises sobre urbes galegas). Procesos nos que "a cidade deixa de planificarse como espazo para habitar e oriéntase máis á conformación dun produto, á creación dun obxecto de consumo non produtivo a través do desenvolvemento e a renovación urbana". A cidade como elemento de mercantilización e tamén como espazo dunha loita de clases.

Constitúe o cuarto libro monográfico publicado por La Corrala sobre esta temática, tras Aprendiendo a decir No. Conflictos y resistencias en torno a la actual forma de concebir y proyectar la ciudad de Granada, Transformación urbana y conflictividad social. La construcción de la marca Granada 2013-2015 e ¿Por qué no nos dejan hacer en la calle? Prácticas de control social y privatización de los espacios en la ciudad capitalista. O vigués Juan Rodríguez Medela, afincado en Granada dende hai doce anos, é un dos coordinadores da obra, que esta semana presentou en Vigo e A Coruña con grande éxito de público, confirmando a importancia central e crecente que os conflitos urbanísticos, a loita polo espazo público ou as reflexións sobre as políticas de vivenda, mobilidade ou comercio teñen para os movementos sociais.

"O centro neurálxico do capitalismo xa non é o estado-nación, é a cidade, e a súa forma de transformarse é absorber os procesos de acumulación de riqueza que alí ocorren. A cidade xa non é un medio de produción, senón un produto en si mesma"

"Importancia crecente para a política dos movementos e para a política, en xeral", destaca. "O centro neurálxico do capitalismo xa non é o estado-nación, é a cidade, e a súa forma de transformarse é absorber os procesos de acumulación de riqueza que alí ocorren. A cidade xa non é un medio de produción, senón un produto en si mesma. Todos os procesos que conforman o capitalismo concéntranse alí, e por iso mesmo tamén é un elemento central para os movementos sociais: a cidade non é o urbanismo, senón que é ese marco no que se concentran todas as loitas, non só polos recursos, senón tamén pola capacidade de decidir o que ocorre nos nosos barrios", di.

A cidade ordenouse sempre, desde as primeiras planificacións urbanas, de acordo aos intereses do poder económico e político. De igual xeito, Lefebvre concibía o urbanismo como unha ideoloxía ao servizo do poder e unha ferramenta de control da poboación. Pero, á vez, a cidade é o escenario primordial de loita política e de xeración de modelos alternativos. "Identificar as posibles alianzas de forzas que poden formarse no seo dos movementos sociais urbanos ou entre os movementos populares máis en xeral e que poderían sentar unha base para avanzar sutilmente nun proceso de planificación que puidese facilitar o desenvolvemento das forzas favorables ao cambio", lemos no libro.

Unha idea que reitera Juan Rodríguez: "A experiencia recente amosa que os movementos se veñen concentrando en responder a eses procesos agresivos de transformación urbana, en resistir. Pero agora necesítase ir máis alá, proxectar esas loitas, non só resistir, senón tamén crear alternativas. Estamos nese proceso de transición, e penso que unha boa parte dos movementos sociais e colectivos se decataron desta necesidade de construír esa alternativa. Confluír, vertebrar, converxer, son conceptos que veñen soando dende mesmo antes do 15M, aínda que o 15M lle deu unha maior apertura e amplitude a este discurso. E aí están agora todas as experiencias municipalistas, que foron e son unha aposta electoral, pero tamén unha aposta de organización social".

"Os movementos véñense concentrando en responder a eses procesos agresivos de transformación urbana, en resistir. Pero agora necesítase ir máis alá, proxectar esas loitas, non só resistir, senón tamén crear alternativas"

Nestes procesos xoga un papel fundamental a participación. "Pero unha participación real. Ata agora o que moita xente experimentou con respecto á participación é que a ti a institución che pregunta a túa opinión e despois a institución fai o que lle dá a gana. Hai que transformar iso, hai que dar oportunidades reais, encher de sentido esa participación, crear corresponsabilidade e permitirlle á xente que, informada, poida decidir", sinala.

 

Os procesos de transformación urbana, hoxe

"Segundo o principio xeral do crecemento do sistema capitalista en virtude do cal este 'é un sistema que non pode existir sen crecer', a cidade capitalista necesita continuar crecendo e renovándose", dise na introdución da obra. En que fase estamos, nun contexto post-crise no que aínda están presentes os efectos do estoupido da burbulla inmobiliaria? Juan Rodríguez alerta de que os grandes sectores económicos en ningún momento deixaron de moverse e de tomar posicións, "actuando en relación co solo como se actúa cun mercado de futuro", díxose na presentación coruñesa.

"Cando o mercado está estancado lévanse a cabo todos os procedementos necesarios: a compra de terreos e as modificacións normativas. E cando volva a bonanza, o único que hai que facer é construír e vender"

"Houbo sectores aos que a crise non lles afectou e que polo tanto nunca deixaron de ter unha gran dispoñibilidade económica. É inxenuo pensar que a crise económica freou a especulación urbanística ou que non se producen movementos estratéxicos", di. "Ou recualificacións do solo, pois isto non se trata só dun tema empresarial, senón que afecta tamén a todos os niveis da administración", engade. "Iso segue ocorrendo e é perigoso, porque moita xente pode estar desprevida e pode pensar que nun tempo así ese tipo de accións son menores. Cando o mercado está estancado lévanse a cabo todos os procedementos necesarios: a compra de terreos e as modificacións normativas. E cando volva a bonanza, o único que hai que facer é construír e vender", advirte.

 

A batalla entre o público e o privado

"O predominio da función de consumo sobre a de espazo de socialización fai que as rúas e prazas deixen de ser entendidas como espazos para o desenvolvemento da comunidade e véxanse unicamente como obxecto de explotación económica"

O libro analiza unha dinámica, que se reproduce en todos os lugares, de avance do privado fronte ao público: "podemos observar un proceso de privatización, tanto de edificios públicos reconvertidos en hoteis como de prazas (...) así como servizos de transporte, de recollida de lixos ou de abastecemento de augas, por pór algúns exemplos. Na cidade capitalista todo espazo é obxecto de ser rendibilizado". "O predominio da función de consumo sobre a de espazo de socialización fai que as rúas e prazas deixen progresivamente de ser entendidas como espazos fundamentais para o desenvolvemento da comunidade e véxanse unicamente como obxecto de explotación económica", engádese.

"Estas regulacións o que fan é tentar xerar un perfil de cidadán moi concreto, que se autocensura. O maior perigo é ese: naturalizar eses límites e eses comportamentos"

"O público deslexitímase, preséntase como algo non rendible, e baixo esa lóxica promóvese que empresas privadas vaian asumindo máis e máis funcións e servizos. E iso afecta tamén ao espazo público, comenzado pola ocupación que levan a cabo as terrazas dos bares e restaurantes", explica Juan Rodríguez. "A iso temos que sumar as novas leis de regulación do espazo público e as ordenanzas cívicas sobre convivencia cidadá, precedidas pola coñecida como lei antibotellón, que tamén contribúen a delimitar quen pode ocupar o espazo público e de que forma", engade. "A Lei Mordaza é un paso máis nese senso. Agora a xente xa non ten medo a que chegue a policía e malle nela, senón que ten medo a que a grave e lle chegue unha multa. Isto o que fai é que a próxima vez esa persoa opte por non manifestarse ou por axeitar o seu comportamento ao establecido pola norma. No fondo estas regulacións o que fan é tentar xerar un perfil de cidadán moi concreto, que se autocensura. O maior perigo é ese: naturalizar eses límites e eses comportamentos", conclúe.

 

A cidade dos megacentros comerciais

Outro dos aspectos nos que afondan algúns capítulos do libro é no efecto que tivo a proliferación dun novo modelo baseado na instalación de megacentros comerciais nas aforas das cidades

Outro dos aspectos nos que afondan algúns capítulos do libro é no efecto que tivo a proliferación dun novo modelo baseado na instalación de megacentros comerciais nas aforas das cidades. Efectos que non só atinxen ao tecido comercial dos barrios, senón tamén aos hábitos de mobilidade e mesmo á construción de novas infraestruturas de conexión. O efecto é que se pasa "de concentrar nos barrios todo o comercio e servizos necesarios para facer habitable un determinado territorio (cidade compacta), a unha cidade na que case para calquera cousa que queiramos facer temos que desprazarnos, xeralmente en vehículo a motor, principalmente privado (cidade dispersa)". "A cidade dos centros comerciais presenta un modelo urbano rexido polo dominio do capital, onde se exacerban as tendencias globais cara á formación dun precariado urbano, a desregulación, a oligarquización dos usos do espazo e o tempo e a privatización da vida", sublíñase.

 

Xentrificación non é un nome de señora

Finalmente, no libro detállanse varios procesos de xentrificación que tiveron lugar ou están tendo lugar en cidades españolas, con ciclos de transformación urbana -sobre todo nos centros históricos- nos que os seus habitantes previos son progresivamente desprazados pola chegada de novos poboadores, dun nivel adquisitivo elevado, nun proceso no que se van encarecendo as propiedades e substituíndo o tecido comercial previo. Estas situacións, ademais, parten dun abandono e deterioro previo que leva a que os veciños e veciñas sofran condicións habitacionais deficientes. Neste senso, a obra denuncia que "o urbanismo postmoderno, máis preocupado pola rehabilitación e polos pequenos proxectos, despraza a poboación dos centros urbanos, desencadeando procesos de xentrificación e de museización. A mercantilización da propia esencia da cidade, que implica o recurso do turismo, esténdese e en moitos casos convértese no único sentido da urbanización".

O libro complétase cunha serie de contidos que se poden consultar nunha web creada especificamente, na que se ofrecen vídeos con intervencións realizadas polo colectivo Left Hand Rotation para denunciar procesos de xentrificación en Bilbao, Xixón, São Paulo, Valencia e Rotterdam.

"As cidades non só son edificios, non só son decorados, as cidades créanas as súas xentes e as formas de relacionarse entre elas. Iso é o que crea esa singularidade"

Na obra sinálase a este respecto que a xentrificación afecta "á memoria colectiva barrial, imposibilitando a reconstrución do pasado e provocando a perda da identidade local. "Que é o que lle dá sentido e valor a unha cidade? As diferentes formas de vivir que nela existen, a poboación que alí vive, a que conserva a memoria do barrio", salienta Juan Rodríguez, que engade que "as cidades non só son edificios, non só son decorados, as cidades créanas as súas xentes e as formas de relacionarse entre elas. Iso é o que crea esa singularidade". "Con outro tipo de estratexias para crear singularidade ao final acaban parecéndose todos os lugares. Porque estas estratexias pasan por ter unha ponte de Calatrava, ter un Guggenheim ou un MACBA ou calquera elemento que hoxe está de moda pero que se cadra mañá xa non o estará. E a orixinalidade de cada cidade se terá perdido", conclúe.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.