A falta de persoal no Centro de Saúde de Navia, "indicador do que está a suceder na Atención Primaria de Vigo"

Centro de Saúde de Navia © Roberto Regatos

Vigo volverá manifestarse este mércores en defensa da sanidade pública e en denuncia das deficiencias dos servizos ofrecidos na cidade. Desta volta, a falta de persoal no Centro de Saúde de Navia centrará as protestas, unhas carencias que, en palabras de Manuel González Moreira (SOS Sanidade Pública), "un indicador do que está a suceder na Atención Primaria da Área de Vigo". A marcha arrincará dende a rúa Teixugueiras 18-20 ás 19.00 horas e rematará diante do centro de saúde co obxectivo de reclamar a dotación de máis persoal para rematar cos problemas asistenciais.

"A falta de persoal na Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo é ben coñecida por todas e todos, pois sufrímolas cando pedimos cita para acudir a unha consulta de medicina de familia, de enfermaría ou necesitamos fisioterapia. Esta situación agrávase aínda máis cando necesitamos acudir ás consultas de pediatría", denuncia SOS Sanidade Pública, que convoca a marcha.

Os sindicatos sinalan só hai dous pediatras para atender "un dos barrios con máis nenos e nenas de Galicia" e cunha importante porcentaxe de menores de entre 0 e 3 anos

En Vigo cada un dos 42 pediatras atenden de media ao redor de 1.200 tarxetas sanitarias, cando o ideal é que sexan como moito 900. "Deste xeito, sería necesario contar con 56, polo que habería que contratar 14 máis”, demandan, solicitando que se saquen a concurso as prazas necesarias e que se cobran as baixas existentes. A saturación acada niveis importantes en Navia, de xeito que un milleiro de nenos e nenas acoden ao pediatra en ambulatorios fóra do barrio, segundo denuncia a asociación veciñal Novo Vigo, que sinala que se desprazan a outras zonas para poder ir pola tarde ou porque a "saturación" do centro de saúde impide admitir máis pacientes, situándose a lista de agarda nas mil persoas. Os sindicatos sinalan só hai dous pediatras para atender "un dos barrios con máis nenos e nenas de Galicia" e cunha importante porcentaxe de menores de entre 0 e 3 anos 

De igual, xeito -segundo SOS Sanidade Pública- os médicos de familia na área de Vigo teñen una media de 1.600 pacientes designados, chegando nalgúns casos ata os 1.800, cando o Plan de Mellora de Atención Primaria recomendaba establecer o cupo en 1.200 pacientes e no superar nunca os 1.500. "As causas desta situación son os recortes de prazas, o incumprimento da promesa electoral de construír novos centros de saúde en Vigo e a mala planificación nas necesidades dos profesionais, no caso da pediatría, xunto cunha política de contratación so centrada no aforro económico", explica a plataforma.

SOS Sanidade Pública esixe utilizar "todos os recursos dispoñibles na actualidade no Centro de Saúde de Navia" e crear un Centro de Atención Primaria no Anexo II do Hospital Xeral

SOS Sanidade Pública esixe utilizar "todos os recursos dispoñibles na actualidade no Centro de Saúde de Navia", para o que é preciso "dotalo de máis persoal de medicina de familia, pediatría, de enfermería, matronas, fisioterapeutas, auxiliares, persoal de servizos xerais, etc.". "Este Centro ten unha importante lista de espera para cambiar de médico de familia e polas características da súa poboación precisa reforzar de xeito importante a Pediatría", engaden. Pide, así mesmo, crear un Centro de Atención Primaria no Anexo II do Hospital Xeral que permita, ademais do traslado xa feito da rúa Bolivia, redistribuír tarxetas sanitarias dos Servizos de Atención Primaria da Dobrada e rúa Cuba e adscribir as do barrio de San Roque na contorna do Hospital Xeral. Finalmente, demanda dedicar os Centros de Especialidades, tralo seu peche, á Atención Primaria "para mellorar o espazo dispoñible no CS da Dobrada e para desconxestionar López Mora (que está en malas condicións) e Coia".

"As causas desta situación son os recortes de prazas, o incumprimento da promesa electoral de construír novos centros de saúde en Vigo e a mala planificación nas necesidades dos profesionais"

A mobilización social dos últimos días e a propia convocatoria da manifestación conseguiu xa forzar a Consellaría de Sanidade a incrementar o cadro de persoal do Centro de Saúde de Navia cunha nova médica de familia e unha nova enfermeira. A medida, con todo, foi critica polas centrais sindicais, que lle lembran ao SERGAS que -no caso da médica- se trata dunha praza trasladada dende o Casco Vello (onde non se cubriu unha xubilación) e que xa leva seis meses en Navia. O Centro de Saúde de Navia inaugurouse en 2012, cun investimento de 5 millóns de euros e capacidade para 24 médicos/as e outros tantos e tantas enfermeiros/as. Porén, na actualidade -denuncia CC.OO.- só traballan nel unha ducia de profesionais.

 

Cartaz da manifestación © SOS Sanidade Pública
Rolda de prensa na que se explicaron os motivos da convocatoria © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.