0 Gardados para despois

O crego condenado por apropiación indebida Benigno Moure, homenaxeado pola Fundación San Rosendo

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


En 2008 o crego Benigno Moure foi condenado a cinco anos de prisión por apropiación indebida continuada. O tribunal considerou probado que entre 1998 e 2001, mentres Moure presidía a ourensá Fundación San Rosendo, enganou unha muller con alzheimer ingresada nun dos xeriátricos que xestionaba (en Pereiro de Aguiar), arrebatándolle todos os seus cartos -un total de 573.673 euros-, ingresándoos na conta bancaria da entidade, e que tamén traspasou á Fundación a titularidade de 60 propiedades. Moure si foi absolto dos delitos de estafa e falsificación de documento público.

O tribunal considerou probado que entre 1998 e 2001 Moure enganou unha muller con alzheimer ingresada nun dos xeriátricos que xestionaba, arrebatándolle todos os seus cartos -un total de 573.673 euros-

A pesar da sentenza xudicial firme, a Diocese de Ourense e o Partido Popular presionaron para que Moure non ingresase en prisión, chegando a convocar unha manifestación en 2011. Finalmente, o cura si pasou pola cadea de Pereiro de Aguiar, pero só durante dous meses. Un castigo simbólico que rapidamente foi substituído pola colocación dunha pulseira magnética do nocello do condenado, para garantir que pernoctaba na súa vivenda. Un ano máis tarde a Xunta de Prisións retiroulle o terceiro grao e a pulseira, deixándoo en liberdade. De nada serviron as protestas do sobriño da muller estafada, que denunciou o trato de favor a Moure e pediu -sen éxito- que lle foran retiradas distincións como a Medalla Castelao, concedida durante os gobernos de Manuel Fraga.

O cura si pasou pola cadea de Pereiro de Aguiar, pero só durante dous meses

Benigno Moure seguiu presidindo a Fundación San Rosendo durante a investigación e o xuízo, e fíxoo mesmo ata o ano 2011, cando a sentenza firme o inhabilitou legalmente para ocupar este posto. Porén, Moure deixou de ser presidente para ser presidente de honor mantendo unha posición de recoñecemento social malia a súa probada apropiación indebida. Este martes o crego foi obxecto dunha homenaxe por parte da Fundación, durante a presentación das actividades que a entidade desenvolverá ao longo deste 2017.

A Fundación anunciou a convocatoria da primeira edición das Bolsas Benigno Moure, "en recoñecemento ao labor que o seu fundador impulsou durante os últimos 25 anos a favor dos colectivos máis desfavorecidos de Galicia"

A Fundación, que celebra o seu 25 aniversario, anunciou a convocatoria da primeira edición das Bolsas Benigno Moure, "en recoñecemento ao labor que o seu fundador impulsou durante os últimos 25 anos a favor dos colectivos máis desfavorecidos de Galicia". No acto, Moure salientou o método de traballo desenvolvido nos centros xeriátricos da entidade, baseado no "coidado personalizado" e en que os usuarios e usuarias "sempre teñan algo que facer".

 

Cando a defensa do reo virou unha cuestión política para o PP

A través da Fundación construíu un verdadeiro imperio económico a través dos servizos asistenciais xeriátricos. Hoxe a entidade conta con 70 centros e ao redor de 1.600 traballadores e traballadoras

Benigno Moure non era un crego calquera cando cometeu o delito continuado de apropiación indebida. Moure presidiu Cáritas-Ourense ata que en 1992 fundou a Fundación San Rosendo, case como unha escisión da organización relixiosa. A través da Fundación construíu un verdadeiro imperio económico a través dos servizos asistenciais xeriátricos e para discapacitados físicos e psíquicos. Hoxe a entidade conta con 70 centros e ao redor de 1.600 traballadores e traballadoras. Moure, ademais, era administrador único dos balnearios de Laias, Arnoia e Lobios. A través da Fundación e dos seus numerosos concertos e subvencións, Moure mantiña un estreito contacto coa administración, ademais de ser moi próximo a Manuel Fraga, que o galardoou coa Medalla Castelao e coa Medalla de Prata de Galicia. 

A sentenza do tribunal considerou probado que Moure "aproveitou o deterioro progresivo e irreversible da capacidade intelectiva da anciá"

A anciá á que Benigno Moure lle quitou todo o seu patrimonio ingresou en 1998 na residencia Os Gozos, en Pereiro de Aguiar, xunto co seu marido, procedentes ambos os dous do Carballiño. Dous anos máis tarde o home faleceu e Benigno Moure presentou unha petición ante a Fiscalía para que a muller fose declarada incapacitada, algo que tamén fixo o único sobriño da muller, que denunciou a través de Interviu que “a miña tía non tiña descendentes, así que cando o cura soubo que había un herdeiro, deuse présa para quedar cos bens”. A incapacidade foi aceptada en 2001 en favor do sobriño, pero nese momento os máis de 500 mil euros da muller xa estaban nas contas bancarias da Fundación, o mesmo que un bo número de propiedades, algunhas das cales (varias leiras e unha vivenda) foron vendidas. A sentenza do tribunal considerou probado que Moure "aproveitou o deterioro progresivo e irreversible da capacidade intelectiva da anciá". Ademais, o ditame condenou tamén un notario, que colaborara con Moure no proceso.

A Fiscalía solicitaba 14 anos de cadea para o cura, e a acusación particular elevaba a petición a 40 anos de prisión, polo que a sentenza (5 anos de cadea, 3 de inhabilitación e o reingreso dos cartos) foi considerada insuficiente polo único herdeiro da vítima, que nos anos seguintes traballou en varias direccións, para asegurar por unha banda o ingreso de Moure na prisión e para que lle foran retiradas todas as distincións honoríficas que posuía, un asunto que tamén chegou ao Parlamento galego a través do BNG. Porén, a resposta a esta demanda foi negativa. 

Se o sobriño facía presión polo seu lado, polo outro a cúpula provincial do Partido Popular, a Diocese de Ourense (encabezada polo bispo Luis Quinteiro Fiuza) e a propia Fundación San Rosendo facían o mesmo. O 15 de xullo de 2011 chegaron a convocar unha manifestación para pedir que Moure non ingresase en prisión. Asistiron dende o presidente da Deputación, José Luis Baltar, o daquela portavoz do partido en Galicia Antonio Rodríguez Miranda, o deputado no Congreso Celso Delgado, ata o voceiro popular na cidade de Ourense, Rosendo Fernández. Ademais de alcaldes, concelleiros, ou os presidentes da Confederación de Empresarios, da Cámara de Comercio, ou dos construtores ourensáns.

En 2011 José Luis Baltar pediu o perdón para o cura condenado: "É certo que puido cometer algún erro, pero debe pesar máis a súa longa traxectoria boa que a mala"

No acto, como relataba Cristina Huete na crónica publicada en El País, no que Baltar foi aclamado polos case dous mil asistentes, o presidente da Deputación pediu o perdón para o cura condenado: "É certo que puido cometer algún erro, pero debe pesar máis a súa longa traxectoria boa que a mala". Moure acabaría entrando na cadea como castigo ao seu delito, pero só de forma testemuñal, quedando libre aos dous meses. E, como parece á vista dos recoñecementos que segue a recibir, foi rehabilitado socialmente polo sector que sempre mirou para outro lado ante o seu malfeito.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.