O "pico da gripe", o período con maior incidencia do andazo gripal, chegou este ano a Galicia un chisco antes que o ano pasado, pero cunha diferenza. A súa intensidade é maior. Mentres que na temporada 2015-2015 non se pasou da "intensidade baixa" en toda a campaña, desta volta na primeira semana de xaneiro a vaga xa acada "intensidade media", segundo a gradación da actividade gripal que realiza o Servizo Galego de Saúde a partir do número de chamadas que recibe o 061 ligadas á propia gripe e máis á infección respiratoria aguda. No inicio de 2017 este servizo roldou as 400 chamadas semanais por afeccións gripais e o Sergas prevé que a intensidade continúe a aumentar mentres dende organizacións sindicais e oposición parlamentaria se alerta, un ano máis, do "colapso" nos principais hospitais.
O 061 rexistra unhas 400 chamadas semanais ligadas á gripe e prevé un incremento da intensidade do virus na vindeira semana
Nos últimos días diversos hospitais galegos e doutros puntos do Estado reproduciron imaxes que adoitan estar vinculadas a estes picos da gripe: pacientes amoreados en padiolas e cadeiras polos corredores dos servizos de urxencias mentres, en soidade ou coa compaña de persoas achegadas, agardan pola resolución do seu caso ou, de ser necesario, polo ingreso en planta. Ao ser algo periódico, din profesionais e formacións políticas, a Consellería debera poder prevelo e reforzar os servizos sanitarios. No entanto, dende o Goberno galego asegúrase, por boca do presidente, que "todos os recursos están dispoñibles" e aínda que "non se poida negar que hai dificultades", o "funcionamento" do sistema é para estar "orgullosos", sinala Alberto Núñez Feijóo.
Este é o escenario no que o Sergas debuxa un panorama de incremento da intensidade da gripe "en todas as provincias", con taxas máis elevadas na Coruña e Ourense, e subas "en todos" os grupos de idade. Isto sucede nun contexto no que, segundo o Sistema de Vixilancia da Gripe de España que realiza un seguimento da incidencia do virus en todo o Estado, a actividade gripal en Galicia xa pode ser considerada como "epidémica". Dende o inicio da temporada gripal o Sergas rexistrou 302 ingresos por este motivo e deles "o 98% foron virus da gripe A", detalla o informe máis recente da sanidade pública galega.
Evolución da actividade gripal en Galicia / SERGAS
O incremento de casos cara á vindeira semana é admitido tamén por Feijóo, que augura "problemas" e "pide" a "todos os pacientes que teñan unha síndrome gripal" que "chamen ao 061, acudan ao médico de atención primaria" e aos PAC "antes de acudir aos hospitais". No entanto, o presidente da Xunta "lamenta" tamén que "só o cincuenta e pico da poboación diana" se vacinase contra o virus. "A cepa que está castigando máis podíamola solucionar coa vacina" e iso é "importante facer o que temos que facer: utilizar os servizos públicos antes da gripe para non ter que usalos durante a gripe".
Petición de explicacións de En Marea, PSdeG e BNG
Feijóo retruca así ás peticións de explicacións da oposición, que nos últimos días vén reclamando medidas para paliar os "colapsos", ademais de advertir da "desaparición" do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, da actividade pública nestes primeiros días do ano. Nesta liña, durante esta semana dende En Marea o seu voceiro, Luís Villares, e mais a deputada Eva Solla esixiron a reaprtura "das unidades hospitalarias" que o Sergas "mantén pechadas polos recortes". "A Xunta -di Solla- tiña coñecemento desta previsión e non tomou ningunha medida para evitar que pacientes maiores e enfermos estean ata oito horas nos corredores".
A oposición censura que a Xunta non dispoña de máis medios para un pico "previsible" e Feijóo insta a poboación a "utilizar os servizos públicos antes da gripe para non ter que usalos durante a gripe"
En Marea anuncia iniciativas parlamentarias para recabar explicacións de Sanidade e tamén o fai o PSdeG a través do seu voceiro nesta área, Julio Torrado, que ve nos "colapsos" unha mostra da "situación límite da sanidade pública" e da "falta de previsión do Goberno". Hai poucos meses, lembra Torrado, o conselleiro "consideraba as camas importantes para os hoteis, non para os hospitais" e provoca a "inconcibible" situación de colapso por "non tomar medidas ante un pico que se repite cada ano e do que os médicos viñan alertando". Na mesma liña, o BNG resalta por medio de Montse Prado que "estes repuntes de actividade son perfectamente previsibles", polo que o Sergas debera elaborar un "protocolo de actuación" ante estes escenarios que evite a repetición de escenas de "persoas amoreadas" nos corredores hospitalarios.
A situación descrita pola oposición non se corresponde, segundo Feijóo, coa realidade, a comezar por que "o conselleiro non está desaparecido", senón "traballando con normalidade". "A situación é moi complexa, só temos que ver o que está ocorrendo no resto de servizos de urxencias de España, de Francia ou do Reino Unido", pero o Sergas ten "todas as capacidades dispoñibles para a presión asistencial que estamos padecendo e aínda non rematou".