A veciñanza pechada na igrexa de Coia apela á "conciencia" do axente que acusa a Diego Lores

Veciñanza de Coia apoiando a Diego Lores, este domingo na parroquia do Cristo da Vitoria CC-BY-NC-SA Gz Contrainfo

O domingo é data sinalada para calquera parroquia e tamén o era este na do Cristo da Vitoria, no barrio vigués de Coia, pero non pola celebración eucarística. O espazo do altar volver encherse de veciñanza do barrio para apoiar a Diego Lores, o veciño e activista que o vindeiro martes terá que responder nun xuízo pola acusación de "atentado á autoridade" que mantén contra el un axente da Policía Local da cidade que en decembro de 2014 custodiaba as obras de instalación do barco Bernardo Alfageme nunha rotonda do barrio.

A Asemblea Aberta de Coia e o conxunto da comunidade parroquial sosteñen que a acusación que sostén o policía contra o criterio da Fiscalía simplemente non existiu e por iso apela, por boca do párroco, o padre Juan Torrón, á "conciencia" do axente para que, como "ser humano", poña fin ao proceso. Para que deixe de solicitar 3 anos e medio de cárcere e unha compensación de responsabilidade civil de 30.355 euros antes do propio xuízo.

Juan Torrón, párroco de Coia: "Fago unha chamada á conciencia do axente, do ser humano, para que retire a acusación que pesa sobre Diego"

Ao carón de Diego e arrodeado por en torno a un cento de persoas o padre Juan lembrou, no inicio do peche solidario de 48 horas na igrexa parroquial, que esta non é a primeira "chamada á conciencia do axentes de policía" que el mesmo realiza. "Hoxe vouna facer á conciencia do ser humano" para que "retire a acusación particular que pesa sobre Diego, que medite en conciencia sobre a gravidade dos actos e acusacións que nos levaron onde estamos". Simplemente, di, ten que conseguir "estar por riba do orgullo persoal ou profesional mal entendido" que o leva a "non asumir unha mala caída" no "mal momento" en que esvarou mentres fuxía un dos participantes nas protestas, ao que estaba reter por un brazo. 

Se o policía non retira a acusación e Diego Lores ten que sentar finalmente o martes no banco dos acusados "esta comunidade cristiá e esta comunidade humana non van calar ante a inxustiza, ante as políticas deshumanizadas e ante o atropelo que hoxe vive Diego e que mañá pode vivir calquera de nós". Aquela, lamenta, foi unha "situación de violencia" provocada, ao seu xuízo, polo Concello. E se chegase outra "esta comunidade non vai deixar dicir o que pensa, sexan cales sexan as consecuencias", mantén.

Diego Lores: "O modo de responder á represión é xuntarnos e mostrarnos vivas e alegres"

Como xa manifestara en conversa con Praza.gal Diego Lores celebra que "o modo de responder á represión e á violencia" sexa "xuntarnos e demostrar" que a comunidade de Coia está composta por persoas "vivas e alegres". "Pensan que un goberno democrático é o que permite escoller o nome dun Dinoseto pequeno", pero "a democracia é decidir que queremos facer cos cartos" públicos como os gastados na instalación do barco. Eis o motivo, di, polo que "aproveitamos este circo que, agardamos, rematará o martes, para falar do que nos levou ata aquí". "Estamos cansas da miseria, do control e da criminalización e imos responder en comunidade".

O peche na parroquia do Cristo da Vitoria prolongarase ata o inicio do xuízo

Como o padre Juan tamén o propio Diego se pregunta "como estará vivindo isto oa xente que me acusa e me leva ao xulgado". "Supoñemos -reflexiona- que seguramente non terá este apoio nin estes agarimos que durante tantos meses estamos a recibir". Oxalá o acusador "reflexione sobre a mala vida que propoñen", porque "a nosa idea é seguir", afirma.

A reivindicación pola absolución de Diego Lores manterase na propia igrexa parroquial ata media hora antes do inicio do xuízo, previsto para o martes 17 ás 10 da mañá. O programa do peche comezou coa propia rolda de prensa e continuou este domingo cun xantar en comunidade, sesións de contacontos, obradoiros ou un concerto de Mini e Mero. Na xornada do luns a comunidade de Coia organiza un faladoiro, un obradoiro de elaboración de barcos de papel e a proxección de #MoitoPeixeRompeARede, a curtametraxe sobre o conflito do barco de Coia. O martes, día do xuízo, chaman a participar nunha marcha de apoio a Diego Lores ata os propios xulgados.

Diego Lores, intervindo na rolda de prensa deste domingo en Coia CC-BY-NC-SA GZ Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.