"O axente deu un paso atrás e gustaríanos que Caballero e as súas políticas antisociais tamén o desen"

Concentración ante a rotonda, en Coia CC-BY-SA Galiza Contrainfo

O día despois da absolución de Diego Lores era o momento de facer balance do proceso que, finalmente, rematou coa retirada dos cargos que pesaban sobre el. Un proceso marcado por unha onda crecente de solidariedade -en Vigo, en toda Galicia e mesmo en diferentes puntos do Estado- e por unha gran presión social que ao cabo conseguiu forzar o axente da policía local que o acusara a retirar a súa denuncia.

Esa solidariedade foi un dos temas que máis se destacou na rolda de prensa que puxo fin ao peche de 48 horas na Parroquia do Cristo da Victoria que este luns deixou de ser de protesta para ser de celebración: "Isto é unha vitoria de todas", díxose.  Porén, na rolda de prensa foise máis aló da absolución de Diego Lores, e enmarcouse esta "vitoria" nun proceso máis amplo de loitas: A batalla veciñal contra a instalación do Bernardo Alfageme nunha das rotondas de Coia e as outras batallas desenvolvidas dende a Oficina de Dereitos Sociais e outras entidade. "O axente deu un paso atrás e gustaríanos que Caballero e as súas políticas antisociais tamén o desen, que reflexionen cara a onde nos levan", destacouse.

"Queríamos darlle un peche festivo a esta loita. Pero malia á alegría, non nos queríamos esquecer dos responsables que meteron nesta lea, que aínda seguen facendo trapalladas. Na rolda sinalei especialmente a Abel Caballero, porque aquí en Vigo é quen lle pon cara a toda esta serie de políticas afastadas da xente", destaca Lores en conversa con Praza.

"Este axente da policía municipal foi utilizado para tentar acalar a nosa protesta, pero despois de usalo deixárono completamente só e ante a presión social destes días non tivo máis remedio que dar un paso atrás", engadiu, reiterando as críticas contra o Goberno local de Vigo. A mesma reflexión facíase dende Baladre: "Agora, hoxe, o medo cambiou de bando. O avogado do policía, o mesmo uniformado e a súa contorna, séntense soas. Asústalles a solidariedade, a rede de afectos e de apoios construída ao redor da loita de Coia". "É moito o medo que lles xera ver por centos de persoas na rolda de prensa", engade o colectivo.

Para Lores, "as razóns que nos levaron a meternos na rotonda seguen moi vixentes. Hai moita xente que aínda agarda meses para cobrar os 400 euros escasos da Risga, hai xente á quen lle din que non hai cartos ou que a súa situación de pobreza é responsabilidade súa, estes días soubemos que a Xunta gastou en parvadas a maior parte dos escasos cartos do ticket eléctrico". "Hoxe queremos lembrar que hai moitísima xente que sofre violencia todos os días, a violencia de vivir sen recursos suficientes", conclúe.

A rotonda

Na rolda de prensa e na marcha que posteriormente rematou coa toma simbólica da rotonda, "onde todo comezou", escoitáronse mensaxes coma "ningunha persoa sen unha vida digna" e berros a prol da renda básica e da solidariedade activa. E tamén o canto que tan popular se fixera durante a mobilización contra a instalación do barco: "Non pode ser/ Os cartos na rotonda e as familias sen comer". O espazo volveu encherse de veciños e veciñas do barrio e tamén de barcos de papel. Alí falou o propio Diego Lores, a súa familia e Manolo Pipas, que leu algúns versos.

"Atopámonos moitas na rotonda. Dotámonos dunha práctica que é un potencial moi grande para, a partir dese fío, seguir xerando dinámicas alternativas ás do poder. Serviu para crear multitude de vínculos e relacións tanto en Vigo coma fóra da cidade. Agora temos construír a partir desas redes, buscando iso que sempre reivindicamos: vivir dignamente como dereito para todas". Así resumía Diego Lores a importancia que tivera a mobilización social contra a instalación do barco, unha mobilización que en boa medida fixo posible a presión social que nas últimas semanas pugnou pola súa absolución. 

"Pechamos esta páxina que foi a rotonda, que tantas ledicias, relacións e agarimos nos deu. Temos que descansar uns días, pensar e avaliar o que isto significou. E despois volveremos ás nosas tarefas: a ODS, a PAH..., cada un ao seu e xuntas, coa experiencia que acumulamos nestes meses e coas relacións que tecemos", destaca Lores. "Continuaremos navegando", díxose na rotonda, entre sorrisos e barcos de papel.

O peche rematou cunha marcha ata a rotonda na que foi instalado o barco CC-BY-SA Galiza Contrainfo
A rotonda volveu encherse de barcos de papel CC-BY-SA Galiza Contrainfo
A rotonda volveu encherse de barcos de papel CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Saída da igrexa, poñendo fin ao peche de 48 horas CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Marcha ata a rotonda CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.