Diego Lores, absolto trala retirada da única acusación contra el

Diego Lores, no centro © Asemblea Aberta de Coia

Victoria. Diego Lores finalmente non será xulgado pola acusación de "atentado á autoridade" que mantiña contra el un axente da Policía Local de Vigo por unha suposta agresión producida durante as protestas veciñais contra a instalación do Bernardo Alfageme en Coia. Este policía municipal, que esta tarde decidiu retirar os cargos, era a única parte persoada no xuízo que se ía celebrar este martes, toda vez que a Fiscalía determinara en dúas ocasións que non existían indicios de delito.

O policía municipal, que esta tarde decidiu retirar os cargos, era a única parte persoada no xuízo que se ía celebrar este martes

A Asemblea Aberta de Coia celebrou este luns pola tarde a noticia como un triunfo, despois de varias semanas de mobilizacións para explicar a situación de Lores e do peche na Parroquia do Cristo da Victoria iniciado este domingo. E o propio Diego Lores, en conversa con Praza, salientaba a importancia que no desenlace deste proceso tivera a presión social: "O primeiro que nos sae dicir é que gañamos e que a forza que a xente fixo nos últimos meses tivo resultados, xerando unha gran presión -sobre todo a partir de onte do inicio do peche- que fixo que o axente se botase atrás e entrase en razón".

Precisamente na rolda de prensa celebrada este domingo no interior da igrexa, na que Lores estivo acompañado polo párroco do barrio -o padre Juan Torrón- e por un cento de persoas, apelouse á "conciencia" do axente municipal para que, como "ser humano", puxese fin ao proceso. Sobre o activista da Asemblea Aberta de Coia pesaba unha posible condena de tres anos e medio e o pagamento de máis de 30 mil euros. "Esta comunidade cristiá e esta comunidade humana non van calar ante a inxustiza, ante as políticas deshumanizadas e ante o atropelo que hoxe vive Diego e que mañá pode vivir calquera de nós", advertía o crego.

Diego Lores: "O primeiro que nos sae dicir é que gañamos e que a forza que a xente fixo nos últimos meses tivo resultados"

"Estamos moi satisfeitas, porque esta é a forma de responder á represión", destaca Lores. "Estamos, ademais, moi agradecidas polos agarimos e a solidariedade que recibimos dende todos os puntos do Estado. Esa resposta de tanta xente pendente de nós, coidando de nós, permitiu tumbar toda esta historia", engade. Lores subliñaba igualmente a importancia deste triunfo para as loitas dos movementos sociais: "As vitorias son importantes. A xente que nos últimos anos nos vimos organizando na parroquia sempre destacamos a importancia de ter vitorias concretas, coma a que conseguiramos no Parque da Bouza". "Ese lema de 'quérennos soas e terannos en común' que sempre empregamos cristalizou na xornada de onte, nesa rolda de prensa que para min é a imaxe que mellor define todo este proceso", engade.

"Ese lema de 'quérennos soas e terannos en común' que sempre empregamos cristalizou na xornada de onte, nesa rolda de prensa que para min é a imaxe que mellor define todo este proceso"

Non haberá polo tanto xuízo, que estaba previsto que se celebrase este martes pola mañá no Xulgado do Penal Número 2 de Vigo. Un proceso que para a Asemblea de Coia sempre estivera inzado "de contradicións e incongruencias", o que levara o Ministerio Fiscal a advertir que non quedara “acreditado debidamente que por parte do acusado se cometese a infracción criminal da que se lle acusa”. Para o colectivo cidadán, estábase a utilizar a Lores como chibo expiatorio e advertencia para o resto de activistas: "Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes”.

Nas últimas semanas Lores recibira o apoio de centos de persoas de toda Galicia e de todo o Estado, que asinaran un manifesto pedindo a súa absolución. A estes apoios sumárase este luns o do Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, que manifestara a súa solidariedade con Lores "como apoiamos a toda persoa que loite pola xustiza social e polos dereitos das persoas en situacións desfavorecidas".

A absolución de Diego Lores supón un alivio persoal para el e, dende logo, unha vitoria colectiva para Asemblea Aberta de Coia e para o conxunto de movementos sociais da cidade que nos últimos anos manteñen numerosos enfrontamentos abertos do Goberno de Abel Caballero. O rexeitamento veciñal á instalación do Bernardo Alfageme nunha rotonda de Coia foi un símbolo de unión de moitas loitas, nas que se mesturaba a reivindicación do poder de decisión da veciñanza ("pensan que un goberno democrático é o que permite escoller o nome dun Dinoseto pequeno, pero a democracia é decidir que queremos facer cos cartos públicos", dicía Diego Lores este domingo en rolda de prensa) ou a demanda de que as políticas sociais e non as actuacións de embelecemento urbano sexan a prioridade en Vigo ("Estabamos fartas de escoitar nas oficinas do Concello que non había cartos para axudas sociais ou para pagar auga e luz ás persoas que o necesitaban. E resulta que un día abrimos o xornal e o Concello di que vai gastar 300.000 euros en meter un barco nunha rotonda", subliñaba en entrevista con Praza).

Si se mantén ata este martes pola mañá o peche que se estaba a realizar na Parroquia do Cristo da Victoria. Será un peche xa non de protesta, senón de celebración

A pesar de que xa non se celebrará o xuízo, si se mantén ata este martes pola mañá o peche que se estaba a realizar na Parroquia do Cristo da Victoria. Será un peche xa non de protesta, senón de celebración, e que rematará coa convocatoria dunha rolda de prensa na que os e as integrantes da Asemblea Aberta de Coia realizarán unha valoración global de todo este proceso e do seu significado presente e futuro.

 

Inicio do peche na parroquia, queestaba previsto que durase ata este martes © Asemblea Aberta de Coia
Rolda de prensa celebrada este domingo na Parroquia do Cristo da Victoria © Asemblea Aberta de Coia
Comunicación da retirada dos cargos e so sobresemento da causa © Asemblea Aberta de Coia
Unha das actividades que se realizaron este luns durante o peche na igrexa © Asemblea Aberta de Coia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.