Saturación nas urxencias: "Non é a gripe, son os recortes"

Pacientes aloxados/as nos corredores do Meixoeiro, o pasado ano © CIG

Nas últimas semanas vimos asistindo en Galicia a situacións de saturación dos servizos de urxencia dos hospitais, por mor do incremento de pacientes e ingresos motivado principalmente pola habitual incidencia da gripe nos meses invernais. A situación chegou ao colapso en moitos lugares, especialmente en Vigo, OurensePontevedra e o Salnés, onde os problemas aínda se manteñen. Dende a Xunta o conselleiro Almuíña minimizou a gravidade da situación, negou a situación de colapso e cualificou de "axeitada" a resposta dada, argumentando que a xestión dos picos da gripe "non é planificable". Mentres, o presidente Núñez Feijoo chegou a culpabilizar os pacientes, aos que instou a acudir a aos servizos de Atención Primaria (centro de saúde ou Punto de Atención Continuada) antes de ir aos hospitais, porque "moitas cousas pódense resolver".

Manuel Martín: "Para nós o problema non é a gripe, senón que son os recortes, que xeraron unha diminución de recursos que impide atender este incremento de demanda que se produce todos os anos"

Pola súa banda, tanto dende os sindicatos coma dende entidades profesionais denunciouse nas últimas semanas que a base do problema estaba nunha mala planificación, nas eivas estruturais do sistema -tanto nas urxencias coma na atención primaria-, na falta de recursos e nos recortes de persoal. “Isto é algo que se produce sistematicamente todos os invernos como consecuencia do repunte de casos de gripe. O problema é que a administración recortou de forma brutal os recursos dos centros sanitarios. Non hai camas para hospitalizar as persoas con gripe que teñen enfermidades crónicas -problemas respiratorios, cardiálxicos...- e que necesitan ese ingreso, polo que ao final esas persoas teñen que acumularse nos corredores dos hospitais, o que constitúe un atentado á súa dignidade e supón incrementar o sufrimento da xente", sinala Manuel Martín (Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública). "Para nós o problema non é a gripe, senón que son os recortes, que xeraron unha diminución de recursos que impide atender este incremento de demanda, que se produce todos os anos. Temos que ter a cantidade de camas necesarias. En Galicia a media de camas por habitante non chega ás 3, cando na UE supera as 5", engade.

Para Ángel Cameselle, as solucións que se tomen "non poden atender unicamente á conxuntura, senón ir máis aló, porque as necesidades asistenciais en Galicia están cambiando por mor do envellecemento da poboación".

Ángel Cameselle (CC.OO.) ve no "caos e saturación" que se veu producindo nas últimas semanas as consecuencias dunha "pésima planificación". E lembra que nos últimos anos se destruíu máis dun milleiro de postos de traballo de profesionais sanitarios no sistema público galego, cunha redución dun 18% no orzamento. Cameselle sinala que a situación nos servizos de urxencias "debe corrixirse decontado", xa que "a imaxe a día de hoxe, con doentes amoreados polos corredores ou en salas de espera, constitúe un atentado á súa propia dignidade". Con todo, subliña que as solucións que se tomen "non poden atender unicamente á conxuntura, senón ir máis aló, porque as necesidades asistenciais en Galicia están cambiando por mor do envellecemento da poboación".

 

A clave, a Atención Primaria

María Xosé Abuín: "Hai unha falta de servizos e recortes moi importantes na Atención Primaria, o que acaba provocando situacións de colapso nas urxencias"

"Di Feijoo que o que ten que facer a xente é ir aos centros de Primaria e aos PACs e non aos hospitais. Evidentemente, pero hai centros de saúde nos que hai listas de espera de varios días", apunta Cameselle. "Hai, ademais, eivas concretas en certas áreas, por exemplo en Pediatría, onde sería necesario un reforzo dun 30% de máis prazas, o que está provocando que moitos nenos e nenas sexan derivados directamente aos hospitais", di.

María Xosé Abuín (CIG) tamén fai fincapé na necesidade de reforzar a Atención Primaria: “Falta planificación. O tema das urxencia pon de manifesto como funciona a sanidade pública. A gripe é algo que se produce todos os anos, o repunte é algo normal, o que pasa é que os seus efectos nótanse máis agora por mor dos recortes e da desidia. Hai unha falta de servizos e recortes moi importantes na Atención Primaria, o que acaba provocando situacións de colapso nas urxencias".

Abuín reivindica o Plan Mellora de Atención Primaria, aprobado en 2007, que prevía crear 66 novos centros de saúde e mellorar a súa capacidade resolutiva con novos recursos e equipamento

Abuín reivindica o Plan Mellora de Atención Primaria, aprobado en 2007 polo Goberno Bipartito e que prevía, por exemplo, crear 66 novos centros de saúde e mellorar a súa capacidade resolutiva con novos recursos e equipamento. "Aquel plan tiña moitos elementos positivos, comenzando porque adecuaba os recursos ás necesidades, facía un bo diagnóstico da situación e poñía solucións. Contemplaba tamén a carteira de servizos de enfermaría. Foi o primeiro que se cargaron, non volvemos saber nada", di. "A Atención Primaria é o primeiro especialista que te atende, é a sanidade máis próxima. Pero o problema na actualidade é que non hai un cupo máximo de tarxetas por profesional. O Plan Mellora dicía que como máximo podíanse ter 1.250 tarxetas. Para ofrecer toda a carteira de servizos que se pretendía ofrecer e mais a atención en domicilio non podías ter 80 pacientes diarios ou un cupo de 1.800 tarxetas", explica.

"Hai que sentar a falar dos temas, hai que planificar, hai que poñer recursos e hai que recuperar todos aqueles plans (de atención integral á muller, de drogodependencias, de saúde mental...) que poñían o doente no centro"

Manuel Martín concorda na receita: "É certo que moitas persoas acoden a urxencias porque a capacidade resolutiva na Atención Primaria é baixa, e é baixa debido á paralización do Plan Mellora, que limitou os recursos cos que contan os centros de saúde. E o mesmo pasa cos Puntos de Atención Continuada, que carecen dos recursos suficientes. Hai que incrementar o número de camas, repoñer as máis de mil prazas que se eliminaron nos últimos anos e dotar a Atención Primaria dos recursos necesarios, para que xente resolva alí a gripe, e non teña que ir ao hospital". "Hai que sentar a falar dos temas, hai que planificar, hai que poñer recursos e hai que recuperar todos aqueles plans (de atención integral á muller, de drogodependencias, de saúde mental...) que lle daban sentido á prestación sanitaria e que poñían o doente no centro", conclúe Abuín. 

 

As eivas dos hospitais galegos

Abuín, Martín e Cameselle apuntan tamén ás eivas estruturais que presentan moitos hospitais galegos -recortes de persoal, falta de camas ou o peche de moitas delas-, o que motivou o agravamento das situacións de colapso, con pacientes nos corredores ou salas saturadas. En Vigo, este martes a Comisión de Centro da Área Sanitaria anunciou a convocatoria de mobilizacións (o vindeiro luns 23 ás seis da tarde diante do Servizo de Urxencias) en demanda dun cadro de persoal "adecuado e suficiente, con cobertura de todas as ausencias por enfermidade ou calquera outro motivo". "Os traballadores/as de urxencias levan demasiados días aturando unha situación insostible e queren solucións sen dilación. Onte con 70 ingresos e preto de 30 só de mañá, indica claramente que a situación non mellora e necesita actuacións urxentes pola dirección", sinalan.

En Vigo a Comisión de Centro da Área Sanitaria anunciou a convocatoria de mobilizacións (o vindeiro luns 23 ás seis da tarde) en demanda dun cadro de persoal "adecuado e suficiente"

 A este respecto Ángel Cameselle, salienta que "non se pode permitir que a xente estea amoreada nunha sala, o que teña que estar nunha cama nun corredos, que non teñan un trato digno". "No Álvaro Cunqueiro as camas reducíronse nun 50%, se a iso engadimos que hai camas pechadas, pasa o que pasa. En novembro, o Meixoeiro tiña a metade das camas pechadas, e aínda hoxe hai moitas que seguen así", explica.

Tamén María Xosé Abuín incide na falta de camas: “Hai doentes cada vez máis maiores e pluripatolóxicos que necesitan ingreso hospitalario en maior medida. E o problema é que aquí se están facendo hospitais sen ingreso, sen camas, que parece que é a moda". "É verdade que hai procesos cirúrxicos que agora son menos agresivos, polo que o seu tempo de hospitalización é menor. Pero entón por que hai as listas de espera que hai?", pregúntase.

"Levamos anos dicindo que hai que convocar un foro con todos os servizos e cos profesionais para analizar a incidencia puntual da gripe e como se pode atallar cun plan de continxencia"

A representante da CIG responde igualmente ao conselleiro Almuíña, que manifestou que a resposta aos picos da gripe "non é planificable". “É certo que Urxencias depende da demanda e que non se pode programar por completo, pero tamén é certo que ten unha relación moi importante do resto de servizos, dende a Atención Primaria ata os servizos de especialidades”, di. “Nós levamos anos dicindo que hai que convocar un foro con todos os servizos e cos profesionais para analizar a incidencia puntual da gripe e como se pode atallar cun plan de continxencia, sen que chegue a suceder isto. Pero non se fai. Aquí do que se trata é de dar a imaxe de que vivimos no país das marabillas", subliña.

 

Pacientes aloxados/as nos corredores do Meixoeiro, o pasado ano © CIG
Pacientes aloxados/as nos corredores do Meixoeiro, o pasado ano © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.