Movementos municipalistas de toda Europa cítanse esta fin de semana en Pamplona

Imaxe do I Encontro, celebrado en Málaga © Fundación de los Comunes

Pamplona acolle esta fin de semana as Xornadas de Municipalismo, Autogoberno e Contrapoder, nas que participan 400 representantes de movementos cidadáns de 25 concellos de toda España e do resto de Europa. A cita, que comezou este venres e rematará o domingo, supón a continuación do encontro celebrado en Málaga o pasado mes de xullo.

As xornadas, organizadas pola Fundación de los Comunes, o Instituto DM e Pamplona Orain, teñen como obxectivo debuxar as liñas de traballo dos gobernos do cambio e a axenda política do municipalismo, analizando cuestións coma a demanda de derrogación da Lei Montoro, o problema da débeda ou os procesos de remunicipalización de servizos. Nos eixos de traballo aparecen tamén cuestións de mobilidade, a organización do movemento municipalista, a actividade dos centros sociais, o xornalismo cidadán ou o sindicalismo social.

Ademais de integrantes dun gran número de candidaturas municipalistas de todo o Estado, participan representantes de movementos coma a PAH, o Sindicato de manteiros de Barcelona, a Asociación de traballadoras domésticas, a Rede Solidaria de Acollida e de entidades de distintos países de Europa: Take back the city (Londres), Nuitdebout (Francia), Right4water (Irlanda), Common Weal (Escocia), Razem (Polonia), Interventionistische Linke (Alemaña) ou Ne Davimo Belgrad (Serbia).

En xullo do pasado ano a primeira edición do encontro, celebrada en Málaga pechouse cunha declaración que sinalaba que "o municipalismo e a federación de cidades a escala europea ten que ser un espazo privilexiado para a construción dunha Europa contra a austeridade, pero tamén contra os racismos e fascismos en auxe en distintos países do continente, tal e como se evidencia coa traxedia humana dos refuxiados", concluíndo que "unha rede de cidades rebeldes pode facer materialmente outra Europa, ao mesmo tempo que combate e destrúe a Europa da austeridade, o autoritarismo financeiro, a xenofobia e a oportunidade para o fascismo e a guerra".

Imaxe do I Encontro, celebrado en Málaga © Fundación de los Comunes

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.