A pesar da mellora dos datos de Povisa, a espera cirúrxica media segue por riba dos 60 días

Un quirófano do Sergas © Sergas

A lista de espera cirúrxica media en Galicia situouse o 31 de decembro do 2016 en 68,3 días, o que supón unha notable mellora con respecto a decembro do ano anterior (78,3). E, iso si, un ascenso con respecto aos últimos datos publicados en xuño (61,6 días), o momento do ano no que este indicador adoita ser máis baixo. A espera media, con todo, mantense por riba do límite de 60 días fixada pola Lei de Garantías Sanitarias aprobada polo Goberno do PP na anterior lexislatura e que permite o traspaso de pacientes (e financiamento) do Sergas aos centros privados cando se supera esa cifra.

A espera media en Povisa pasou de 139,4 días en decembro de 2015 a 87,7 en xuño de 2016 a 75,9 en decembro de 2016. No conxunto dos hospitais públicos as cifras case non variaron: de 70,8 días hai un ano, a 58,9 en xuño e a 67,5 agora

O descenso na espera media con respecto a hai 12 meses responde, segundo salientou o xerente do SERGAS Antonio Fernández-Campa, ao investimento de 5 millóns de euros realizado pola Xunta ao longo do último ano "para promover a actividade extraordinaria do persoal dos centros públicos", é dicir pagar máis tempo de traballo aos e ás profesionais para rebaixar as listas. Analizando os datos polo miúdo, a explicación ao descenso hai que atopala na evolución dos datos do centro privado Povisa -co que o Sergas mantén un convenio-, habitual lastre das estatísticas da sanidade pública galega. A espera media neste hospital vigués pasou de 139,4 días en decembro de 2015 a 87,7 en xuño de 2016 a 75,9 en decembro de 2016. No conxunto dos hospitais públicos as cifras case non variaron: de 70,8 días hai un ano, a 58,9 en xuño e a 67,5 agora. 

Nunha nota de prensa a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) denuncia que "continúa a política de ocultamento" das listas de espera "xa que só se publican as listas estruturais sen proporcionar ningunha información das non estruturais, que poderían supoñer o dobre das coñecidas". A entidade subliña ademais que "seguiu aumentado o número de pacientes que esperan máis de seis meses para ser operados, pasando de 1.491 en 2014, a 1.580 en 2015 e 1.827 en 2016". "Isto supón que o esforzo económico realizado durante as eleccións para reducir as listas utilizouse en derivar pacientes á sanidade privada, que se centra en intervir as patoloxías menos importantes", conclúe a asociación.

Por áreas sanitarias, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra presentan os mellores datos (entre 38 e 47 días de espera media), mentres que A Coruña e Santiago atópanse na media galega (74 e 71 días) e Vigo segue a ser quen se atopa en peor situación (95 días). Para a AGDSP, a ausencia de redución das listas de espera na cidade olívica débese "aos recortes aplicados sobre o proxecto inicial do novo hospital, ao reducirse 9 quirófanos", ao que habería que engadir "o peche de quirófanos provistos no Hospital Meixoeiro e a redución de persoal, que en moitos momento impiden o funcionamento do 100% das instalacións".

Melloraron os tempos de espera nas operacións de prioridade 1 (de 19 a 16,9 días), pero empeoraron nos de prioridade 2 (pasaron de 56 a 64,2)

Debullando os datos, vemos como no último ano melloraron os tempos de espera nas operacións de prioridade 1 (de 19 a 16,9 días), pero empeoraron nos de prioridade 2 (pasaron de 56 a 64,2). Tamén creceu o número de pacientes que se atopan a agardar por cirurxías de prioridade 1 (de 1.225 a 1.326) e 2 (de 7.082 a 8.752). Pero descendeu lixeiramente o número total de usuarios e usuarias en espera (de 37.442 a 35.919).

 

Probas diagnósticas

En canto ás probas diagnósticas, increméntanse os períodos de espera para radioloxía (56,6 días en 2014, 61,7 días en 2015 e 66,5 días en 2016) crecendo tamén notablemente o número de pacientes agardando (47.529 en 2014, 53.968 en 2015 e 64.449 en 2016).

Empeora a espera para probas de radioloxía, endoscopias e medicina nuclear, pero mellora a de electrofisioloxía e estudos

Aumenta a espera para probas de medicina nuclear (de 15,7 días en 2014 a 39,8 en 2015 a 41,6 en 2016). O mesmo sucede coas endoscopias (de 123,2 días en 2014 a 140,8 en 2015 a 163 en 2016). 

Pola contra, melloraron os datos de electrofisioloxía (de 117,8 días en 2014 a 127 en 2015 a 61,3 en 2016) e estudos (de 162,2 días en 2014 a 131,2 en 2015 a 134 en 2016).

 

Consultas externas

Nos dous últimos anos disparouse o número de pacientes a agardar por unha consulta, pasando de 133.302 en 2014, a 163.272 en 2015 e a 170.461 en 2016

Finalmente, no que respecta ás primeiras consultas con especialidades hospitalarias, nos últimos anos descendeu o tempo de espera medio (de 50,3 días en 2014, a 51,4 en 2015 e a 47,6 en 2016). Porén, neste mesmo período disparouse o número de pacientes a agardar por unha consulta, pasando de 133.302 en 2014, a 163.272 en 2015 e a 170.461 en 2016.

Evolución da espera media cirúrxica no Sergas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.