O sacerdote José Ramón Pérez atende dende hai máis dunha década unha ducia de parroquias no Concello de Friol e outras dúas en Guitiriz, na diocese de Lugo. A mediados do pasado xaneiro o bispado lucense, que encabeza o vilalbés Alfonso Carrasco Rouco, fixo pública unha decena de nomeamentos que incluían o traslado deste crego para administrar catorce parroquias da contorna de Quiroga, cuxo párroco, Manuel Areán, é tamén trasladado tras dez anos, no seu caso a Chantada. O asunto, lonxe de limitarse á intendencia da administración eclesiástica, foi gañando relevancia social e política. A idea de quedar sen o seu párroco indigna os fregueses de Friol, que contan co apoio do alcalde, do PP, e mais da oposición, o PSdeG, para defender a permanencia do cura e manifestárense ante un bispado que para o rexedor friolense, José Ángel Santos, mantén unha actitude "ditatorial".
Apenas unha semana despois dos nomeamentos, o pasado 18 de xaneiro, o malestar veciñal xa fervía. Porque o cura ía marchar e porque ademais, aseguraban os veciños, tiña que facelo "contra a súa vontade". A suba de ton da polémica obrigou o bispado a saír á palestra cun comunicado público, no que interpretou as protestas da veciñanza e do alcalde como "expresións de afecto manifestadas por persoas e institucións" cara ao sacerdote, "mostra de agradecemento e agarimo polo bo traballo realizado durante o tempo que estivo nestas parroquias".
O alcalde de Friol ve "ditatorial e arbitrario" o traslado do cura decidido polas autoridades diocesanas
Aínda que sen mencionalos, as autoridades da diocese viñan tentar desmentir as acusacións veciñais. Os novos destinos decidíronse "tras un longo proceso de discernimento e diálogo coas persoas implicadas nos respectivos nomeamentos" e "tomáronse as decisións oportunas pensando sempre no ben das comunidades parroquiais e dos propios sacerdotes". "A todos os implicados -afirma a diocese- fíxoselles unha proposta dos seus destinos que aceptaron voluntariamente". É por iso, advertía a nota oficial, que resulta "erróneo pensar nalgún tipo de imposición ou coacción".
Asemade, engadía, "os fieis de Friol" deberan ter en conta que "non quedan desatendidos", xa que "ás parroquias que rexentaba José Ramón Pérz envíase a José Luis González Regueiro", outro sacerdote "moi respectado, preparado e capacitado para atendelos". "É necesario" que a freguesía teña en conta que o bispado debe "pensar, cada vez máis, nunha distribución racional do clero", xa que a cantidade de curas é cada vez menor e a diocese lucense segue a ser a que conta con máis parroquias en todo o Estado.
O bispado acusa de mentir ao Concello friolense, que facilitará buses para a manifestación convocada pola veciñanza para o vindeiro sábado en Lugo
A posición pública do bispado non conseguiu, nin de lonxe, acalmar os ánimos. Máis ben ao contrario. A veciñanza puxo data á súa manifestación ante o bispado, o vindeiro sábado pola mañá, e o alcalde asegurou que contactara co bispo Carrasco Rouco, quen referendou que o traslado fora "unha orde directa, sen contar coa opinión co cura", segundo declarou ao xornal El Progreso, acusando o bispado de "crear un problema onde non o había". Coa batalla aberta, o bispado volveu fixar postura pública. "Lamentamos ter que comunicar" que o que di o alcalde "non se corresponde coa verdade". As "descualificacións" de José Ángel Santos, afirman, non teñen base "real" e buscan "mediatizar o comportamento dos fieis".
O crego afirma que non tivo opción nin de "opinar" sobre o traslado
A versión bispal non cadra coa do propio crego. Nun comunicado feito público este xoves José Ramón Pérez mantén que o traslado foi "imposto" e contra a súa "votade", xa que "aínda me queda importante traballo" en Friol, onde "botei importantes raíces xunto aos meus veciños". "Dende o bispado non me deron opción de opinar", resalta.
Así as cousas, as posturas semellan lonxe de atopar punto de conciliación. A freguesía friolense ultima a súa manifestación e o Concello amósase disposto a facilitar autobuses para o traslado da veciñanza a Lugo, para o que conta co apoio da oposición. Á concentración uniranse fregueses da parroquia do Sagrado Corazón, na capital da provincia, mobilizados tamén contra o traslado do seu párroco.
Mentres, a Federación Provincial de Asociacións de Veciños vén de sumarse ás protestas rexistrando un escrito dirixido a Carrasco Rouco no que se unen á cualificación de "ditatorial e arbitrario", e unha petición en Change.org suma sinaturas contra o traslado. Na igrexa parroquial guitiricense de Pedrafita, outra das afectadas polo traslado, loce unha pancarta coa lenda Non ao traslado do párroco don José Ramón, e en ambos concellos faise popular un lema: "Sen don José Ramón, misa non".