Fregueses de Friol e Guitiriz maniféstanse contra o bispado de Lugo polo traslado dun crego

Veciñanza de Friol e Guitiriz, manifestándose ante o bispado de Lugo Dominio Público Yeyes López

A pequena revolución dunha freguesía lucense incrementa a súa intensidade. Este sábado medio milleiro de persoas procedentes de doce parroquias de Friol (concello duns 3.800 habitantes) e dúas de Guitiriz (uns 5.500) fixeron fronte ao temporal para subiren en autobuses e vehículos privados e trasladárense ata a praza de Santa María, en pleno centro de Lugo, fronte á sede do bispado. Encabezando a comitiva, unha pancarta deixaba clara a reivindicación dirixida ao titular da diocese, Alfonso Carrasco Rouco: "Escoite o pobo". Fanno para esixir que non se execute o traslado do seu párroco, José Ramón Pérez, e aseguran estar en disposición de volver "cada semana" ata que o prelado rectifique.

A manifestación deste sábado é un chanzo máis dunhas protestas que hai semanas que transcenderon do puramente eclesiástico para tornar en conflito social coas súas correspondentes repercusións políticas. As autoridades diocesanas retrucaron inicialmente asegurando interpretar as mobilizacións como unha mostra de "afecto" ao sacerdote trasladado, pero tras recibiren os primeiros cualificativos de "ditatoriais" pola banda dos fregueses e tamén do alcalde friolense, José Ángel Santos (PP) subiron o ton. Ata o punto de entrar nunha guerra de comunicados cruzados que continuou este sábado, cando a veciñanza se botou á rúa acompañada polo rexedor de Friol e mais a súa homóloga socialista de Guitiriz, Regina Polín.

O alcalde de Friol (PP) e a alcaldesa de Guitiriz (PSOE) acompañaron a manifestación polas rúas de Lugo

Os ánimos das parroquias prenderon de vez cando, a dous días da manifestación, o propio crego rachou o silencio cun inédito comunicado. "Desminto rotundamente" a nota oficial do bispado "no que comunican que o meu traslado foi consensuado". "Todo o contrario, a min impuxéronme mediante unha orde ese traslado, totalmente en contra da miña vontade". "Quero aclarar que vou para o meu novo destino obrigado polo señor vigairo xeral e o señor bispo", conscientes, sinalaba, de que o seu desexo é "seguir oficiando misa na miña vila". "O pobo -agregaba- ten dereito a saber a verdade", se ben "estou disposto a acatar a orde" se Carrasco Rouco non muda a súa decisión.

O crego asegurou nun comunicado que era trasladado contra a súa vontade, durante a protesta o bispado difundiu outro texto atribuído ao cura no que se retracta 

Neste contexto, mentres a protesta se desenvolvía polas rúas da capital lucense o bispado difundía a través do seu perfil de Facebook un novo comunicado, presentado como "nota aclaratoria" e atribuída ao sacerdote que se atopa no centro da polémica. O texto, encabezado polo número do DNI do crego, está redactado en primeira persoa e di ter a intención de "matizar algunhas das manifestacións" do anterior comunicado. Aquelas primeiras liñas, asegura, foran impulsadas por "emocións e sentimentos, debido a que este cambio afecta de forma importante á miña vida e ao meu futuro".

"Manifestei as miñas inquietudes e empecei a recibir mostras de apoio para que continuase" e "todo isto fixo que me implicase emocionalmente e expresase os meus sentimentos". "Loxicamente -engade-cústame marchar", pero "tamén me dou conta de que un sacerdote forma parte dun presbiterio" e está "ao servizo da Igrexa". "Pido desclpas polas declaracións realizadas que deixaron en evidencia" o bispo e o vigairo cando "afirmei que non dicían a verdade". "Certamente, reitero que marcho porque mo propuxo o señor bispo e aceptando con ilusión o novo destino", di agora. "Aclaro que a miña aceptación non foi contra a miña vontade e que a miña vida está ao servizo da Igrexa alí onde me necesite".

O novo movemento da entidade eclesiástica suscitou reaccións a pé de rúa e de redes entre os fregueses. "Manipulación", "dea marcha atrás" son algunhas das reclamacións que proliferan. Xunto a eles agroman os comentarios sobre o carácter "autoritario" de Carrasco Rouco e mencións á súa ligazón familiar co antigo cardeal arcebispo de Madrid, Antonio María Rouco Varela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.