O temporal provoca dous falecementos e centos de incidencias en toda Galicia

Retirada de pólas caídas na Alameda de Santiago © Concello de Santiago

A primeira vaga de borrascas intensas do ano en Galicia deixou dende este venres o país inzado de incidencias encabezadas pola morte de dúas persoas por causas ligadas directamente ao temporal. Unha das persoas falecidas foi unha muller de idade avanzada en Codeseda (A Estada). A ausencia de subministro eléctrico na súa vivenda obrigouna a baixar unha escaleira xunto ao seu marido ás escuras e ambos caeron. Contra as 10 da mañá un panadeiro escoitou berros de auxilio dende o interior da vivenda e avisou os servizos de emerxencia, segundo confirma o 112. A caída provocou o pasamento da muller e deixou o home en estado crítico.

O segundo falecemento da xornada ligado ao temporal produciuse este sábado, na localidade lucense de Muras. O falecido foi un home de 80 anos que procuraba retirar árbores que caeran por mor do forte vento na estrada que une Viveiro con Xilán. Unha das pólas caídas provocou que o ancián esvarase e o traumatismo causoulle a morte, segundo apunta a Garda Civil.

Unha muller faleceu na súa casa ao caer polas escaleiras, que tivera que baixar ás escuras por mor do corte de luz

Estes dous falecementos producíronse nunha nova xornada marcada polos cortes de luz. A mediodía deste sábado case 50.000 clientes de Gas Natural Fenosa, atendendo a cifras da compañía, seguían sen subministro eléctrico tras "elevarse durante a noite o número de usuarios" sen luz. As vivendas afectadas polos cortes xa roldarían, daquela, as 200.000 en apenas dous días. "A maioría das incidencias están ocasionadas polas caídas de árbores, pólas e cortizas sobre as liñas por mor do forte vento", indica nun comunicado Unión Fenosa Distribución, que asegura estar a "priorizar as zonas máis afectadas" e estar a empregar "máis de 50 grupos electróxenos para repoñer o subministro" mentres duran as reparacións. Contra o serán deste sábado as persoas afectadas eran unhas 25.000, indica a empresa.

Danos materiais, rede viaria e Balaídos

Xunto aos cortes de enerxía eléctrica os problemas para a circulación terrestre sucedéronse tamén neste sábado de temporal. Así, tras xestionar durante a tarde e a noite do venres máis de 800 incidencias, o 112 contabilizaba xa unhas 300 a mediodía. Entre os máis destacados figuraban desprendementos de tellados na provincia de Ourense, a caída dunha torreta eléctrica na contorna de seguridade do aeroporto vigués de Peinador ou o accidente dun camión en Salvaterra pola caída dunha póla na estrada. As caídas de pólas e árbores causaron tamén incidentes en zonas urbanas. Foi o caso da que caeu ás portas do IES A Xunqueira, na rúa Alexandre Bóveda de Pontevedra. 

No caso dos ferrocarrís os efectos do vento e a chuvia seguíronse traducindo en cancelacións e atrasos de traxe. Así, por exemplo, o Tren Hotel Vigo-Barcelona chegou a acumular a pasada madrugada dúas horas e media de demora "por meteoroloxía adversa" e entre Ourense e Vigo Renfe optou por "un plan alternativo de transportes" por estrada. Tamén botou man dos autobuses, tanto durante a mañá como pola tarde na liña de Ferrol a Ribadeo.

O 112 rexistrou máis de mil incidencias dende a tarde do venres

Alén das incidencias xerais, uns desperfectos concretos tornaron este sábado en especialmente mediáticos. Menos de vinte e catro horas despois de que os estragos nas cubertas de Riazor obrigasen a suspender o encontro entre o Deportivo e o Betis a situación reproducíase en Vigo, onde os danos causados en Balaídos polo temporal derivaron na suspensión do encontro previsto entre o Celta e o Real Madrid para este domingo, xornada na que todo o litoral galego continuará en alerta laranxa, que será amarela en terra. Mentres que o club vigués di priorizar a seguridade e apoia a suspensión do encontro por esta razón diversos medios aseguran que o club madrileño teima en que o partido se celebre.

O uso de Balaídos con seguridade é "imposible", din os técnicos do Concello de Vigo

Nesta liña, o informe elaborado por técnicos municipais e asinado polo enxeñeiro Antonio Vivero, xefe de Mobilidade e Seguridade do Concello de Vigo, sinala que "o estado actual da cuberta da grada de Río, con desprendemento de aproximadamente 20 metros cadrados de chapa (...), desprazamentos e falta de seguridade na ancoraxe das outras chapas, fan imposible o uso das instalacións con garantías de seguridade". As reparacións, engade, non poden realizarse con ventos de máis de 40 quilómetros por hora e estenderanse "durante varios días".

Mapa de incidencias na rede eléctrica de Fenosa a primeiras horas do sábado © Unión Fenosa Distribución

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.