A Coruña terá un Consello da Memoria Democrática e unha Oficina de Atención ás Vítimas

A CRMH propuxo que a Oficina de Atención ás Vítimas se instale no recuperado cárcere provincial CC-BY-SA Praza Pública

O pleno municipal da Coruña aprobou este luns a creación dun Consello da Memoria Democrática e dunha Oficina de Atención ás Vítimas da represión franquista. A proposta, impulsada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH), foi aprobada cos votos de Marea, PSOE e BNG e a única abstención do PP, que rachou a unanimidade neste asunto, incluíndo na súa argumentación sobre os motivos polos que non apoiaba a iniciativa mencións a Cuba ou a Venezuela.  

A proposta foi aprobada cos votos de Marea, PSOE e BNG e a única abstención do PP, que rachou a unanimidade neste asunto

O Consello da Memoria Democrática estará presidido polo alcalde ou a persoa na que delegue e estará aberto á participación de todos os grupos municipais, asociacións que traballen pola recuperación da memoria histórica, entidades, investigadores e historiadores. O obxectivo desta entidade pasa por amosar nas súas accións un “compromiso decidido coas vítimas da represión e as súas familias”, así como atender ás mesmas “en termos de verdade, xustiza e reparación, establecendo un mecanismo oficial que promova a participación”.

A moción inclúe unha relación das funcións concretas que deberían ter eses órganos, desde elaborar informes para a eliminación da simboloxía franquista, recoller documentación sobre as vítimas e testemuñas da vulneración de dereitos humanos durante a Guerra Civil e o franquismo, ata participar na dignificación dos lugares da represión que serán convertidos en espazos da memoria. A CRMH lembra que nos últimos meses se veñen creando organismos semellantes noutras localidades. "Hai unha comisión municipal de memoria democrática no concello de Puerto de Santa María (Cádiz), en Marchena (Sevilla) e en Quart de Poblet (Valencia), entre outros. O concello de Cádiz mesmo creou unha concellaría de memoria, e o de Barcelona dispón dunha comisión de estudos e programas de memoria". É dende os concellos dende onde "institucións do Estado empezan a recoñecer os dereitos das vítimas e traballar en organismos específicos como as oficinas de atención ás vítimas", destaca a entidade.

Espérase que a Oficina de Atención ás Vítimas da represión franquista poida servir de apoio á Querela Arxentina contra os altos cargos da ditadura

Asi mesmo, espérase que a Oficina de Atención ás Vítimas da represión franquista poida servir de apoio á Querela Arxentina contra os altos cargos da ditadura. Xa o pasado 10 de outubro o pleno municipal da Coruña aprobou a colaboración do Concello con esta investigación e este proceso xudicial contra as persoas que colaboraron na represión. A CRMH, integrante da plataforma Proxecto Cárcere, propuxo que a futura Oficina de Atención ás Vítimas se instale no recuperado cárcere provincial da Coruña, que nestes momentos está a ser rehabilitado para comezar a acoller actividades esta primavera.

A moción aprobada pide ademais que o Concello da Coruña se incorpore á Rede de Municipios polo Acceso á Xustiza das Vítimas do Franquismo, dando cumprimento ao manifesto municipalista de Pamplona, asinado en outubro de 2016 polo alcalde Xulio Ferreiro xunto con representantes de Pamplona, Barcelona, Vitoria-Gazteiz, Rivas, Zaragoza, e Cádiz. "Os municipios que hoxe subscribimos este Manifesto queremos expresar a nosa firme vontade de continuar ata o final a vía emprendida coas nosas querelas, tecer entre os nosos Concellos lazos de colaboración e solidariedade municipalista e convidar ao resto de municipios das nosas Comunidades e de todo o Estado a sumarse a esta iniciativa que procura rematar con todas estas décadas de impunidade e reclamar Verdade, Xustiza e Reparación polos crimes franquistas", destacábase naquel manifesto.

A CRMH propuxo que a Oficina de Atención ás Vítimas se instale no recuperado cárcere provincial CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.