5 veciños da comarca do Ribeiro, homenaxeados no 80 aniversario do seu asasinato

Benito Gallego, asasinado aos 36 anos de idade CC-BY-NC Paula Bouzas

Este xoves 9 de febreiro será o 80º cabodano do asasinato a mans dos militares franquistas de cinco veciños da comarca do Ribeiro no chamado campo de Aragón, situado no recinto do cemiterio de San Francisco (Ourense). Entre eles estaba Benito Gallego, derradeiro alcalde republicano de Ribadavia. Coincidindo co aniversario, as familias destes cinco represaliados levarán a cabo unha homenaxe cívica consistente nunha ofrenda floral e unha lembranza dos falecidos.

A homenaxe comezará 13 horas no Campo de Aragón, para continuar o resto do día en tres dos camposantos nos que os cadáveres foron soterrados: 14 horas, Cemiterio de San Paio de Ventosela (Ribadavia); 16 horas. Cemiterio de Ribadavia; e 16:45h. Cemiterio de Quins (Melón). Os cadáveres destes cinco homes non puideron ser recuperados polas súas familias ata varios anos despois do seu fusilamento para ser trasladados dende o cemiterio de San Francisco ás súas localidades de orixe.

Esta instrución da xustiza militar foi a maior levada a cabo na provincia de Ourense, sendo procesados 106 veciños da comarca do Ribeiro, 55 deles sometidos a Consello de Guerra

Catro deles foran condenados polos tribunais dos militares sublevados, mentres que un quinto foi levado ante o pelotón de fusilamento dende a súa cela do cárcere de San Francisco sen formación de causa. Esta instrución da xustiza militar foi a maior levada a cabo na provincia de Ourense, sendo procesados 106 veciños da comarca do Ribeiro, 55 deles sometidos a Consello de Guerra. O tribunal acabou por ditar catro penas de morte e 21 de reclusión perpetua, ademais doutras penas de prisión ou de incautacións de bens.

Ademais dos cinco asasinados o 8 de febreiro de 1937, outros seis condenados a penas de reclusión acabaron morrendo nos cárceres de Pamplona, a Illa de San Simón e Celanova: Manuel González Rodríguez, Ramón Pousa Formoso, Fidel Fernández García E Fidel Blanco Meiriño (mortos no cárcere de Pamplona), Manuel González González (morto en San Simón) e Domingo Mantilla González (morto en Celanova)

Ademais dos cinco asasinados o 8 de febreiro de 1937, outros seis condenados a penas de reclusión acabaron morrendo nos cárceres de Pamplona, a Illa de San Simón e Celanova

"A súa vida é un exemplo de persoas e familias traballadoras, obreiras e labregas, conscientes dun compromiso democrático e de clase. Persoas conciliadoras que construían a liberdade e facían progresar ao seu redor. O seu exemplo está presente na nosa memoria", destacan os organizadores da homenaxe, familiares dos asasinados.

 

Os homenaxeados

"A súa vida é un exemplo de persoas e familias traballadoras, obreiras e labregas, conscientes dun compromiso democrático e de clase. Persoas conciliadoras que construían a liberdade e facían progresar ao seu redor. O seu exemplo está presente na nosa memoria"

Benito Gallego. Derradeiro alcalde republicano de Ribadavia e integrante de Izquierda Republicana, foi xunto con outros catro veciños o primeiro encadeado na provincia polos militares sublevados, xa o 20 de xullo cando se dirixiu ao goberno civil de Ourense coa intención de coñecer a situación diante do golpe de Estado. Dende ese momento Benito Gallego permaneceu preso ata o seu fusilamento. Emigrado nas illas Canarias, á súa volta en Ribadavia seguiu traballando na hostalaría, oficio no que comezara no arquipélago como comisionista. Quen o coñeceron outórganlle un carácter conciliador, moderno e de mente aberta, que soubo dialogar nunha etapa de crecentes tensións como a que afrontou como cargo público. O pasado ano xa foi obxecto dunha homenaxe e nesta ligazón podedes ler máis sobre a súa vida.

Andrés Centrón Rodríguez. Membro dirixente da sociedade agraria de San Paio de Ventosela, 25 anos, de mentalidade libertaria e democrática.  Logo de rexentar coa súa familia un bar de viños do Ribeiro en Cee, retornou á súa parroquia natal, onde administraba un forno. Foi liberado despois de ser apresado no Goberno Civil de Ourense co alcalde Benito Gallego e agachouse, mais algún tempo despois, pensando que xa non había tanto problema regresou á casa, sendo novamente preso e encausado.

Celso González Rodríguez. Veciño do barrio da Madalena e presidente da Casa do Pobo de Ribadavia e membro da UGT. Asasinado con 31 anos, deixando viúva e fillo. A súa familia foi duramente represaliada xa que o seu irmán Manuel, encausado no mesmo proceso, morreu no cárcere de Pamplona. A súa familia era eminentemente obreira como tantas outras da vila de Ribadavia: el e o seu irmán eran ebanistas nas fábricas de cadaleitos, outro irmán traballador de imprenta. 

Fidel Blanco Leboso. Veciño de Ribadavia, 25 anos e traballador da industria da madeira. Secretario da Casa do Pobo, compañeiro de traballo e sindicato de Celso González, deixou tamén viúva e fillo, que terminaría por emigrar a Venezuela a comezos dos anos 50 sen regresar xamais ao país que lle arrebatara a súa pai. Do mesmo xeito que Andrés Centrón, fora detido nos primeiros días posteriores ao golpe e posto en liberdade, mais algún tempo despois foi novamente apresado e encausado.

Benito Quintas Gómez. Veciño de Quins (Melón). Labrego que emigrara aos Estados Unidos, traballando en California. Unha vez retornado, rexentaba unha taberna e cultivaba as súas viñas. Fora concelleiro en Melón e defendera a solidariedade cos movementos obreiros. A represión desatada nos primeiros días de guerra levouno, ao igual que moita outra xente a se agachar. Unha partida facciosa fora buscalo á taberna e escapou, ocultándose uns días na veciña localidade de Negrelle. Os golpistas respostaron apresando a moitas das mulleres dos fuxidos e, entre elas, a súa esposa foi presa (situación na que continuou mesmo un tempo despois de fusilado o seu marido), polo que decidiu presentarse no cuartel de Ribadavia convencido de que non lle pasaría nada, mais acabou sendo levado ao cárcere de Ourense o 17 de xaneiro. Benito Quintas foi fusilado por orde directa e sen formación de causa, sen que valeran as peticións dos seus varios fillos ante os notables locais.

 

Homenaxe realizada o pasado ano a Benito Gallego, derradeiro alcalde republicano de Ribadavia © Ribeiro en Común
Benito Gallego, asasinado aos 36 anos de idade CC-BY-NC Paula Bouzas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.