Ordes homenaxea os seus 12 veciños fusilados en Boisaca hai 80 anos

Cartel da homenaxe © A.C. Obradoiro de Historia

O 8 de febreiro de 1937, hai 80 anos, 11 veciños de Ordes foron fusilados no cemiterio de Boisaca (Santiago de Compostela). Condenados por un tribunal militar, o seu delito foi defender a democracia e a liberdade fronte á sublevación fascista do 18 de xullo de 1936. Este sábado a Asociacion Cultural Obradoiro da Historia e os familiares dos asasinados organizan unha homenaxe no cemiterio compostelán a estes once homes e mais a outro veciño da localidade, que fora paseado en Boisaca uns días antes.

Os actos comezaron ás dez da mañá cunha visita ao antigo cárcere (nos baixo do Pazo de Raxoi), continuando ás 12 do mediodía no camposanto compostelán, en concreto no monumento aos de Ordes situado no paredón de Boisaca.

Os 11 fusilados aquel día de febreiro de 1937 foron Ángel J. Caamaño Villaverde (natural de Parada e mestre), José García Fernández (dirixente da Frente Popular de Ordes e mestre), José de la Iglesia Vilariño (veciño de Ordes e xornaleiro), Manuel Moure Rey (veciño de Sar, Ordes, e labrego), Andrés Nogareda (Do Casal, UGT, xornaleiro), Paulino Pérez García (veciño de Ordes, mecanógrafo), José Pérez Sanmartín (natural de Noia, veciño de Ordes), Manuel del Río Pampín (socialista e membro da FP de Ordes), José del Río Pampín (galeguista), José Vázquez Mandayo (natural da Espenica, Ordes) e Benito Vilariño Liste (veciño de Ordes, xornaleiro). Ademais, Manuel del Río Mandayo (socialista e membro da FP de Ordes), fora paseado en Boisaca o 5 de outubro de 1936, segundo podemos ler na completa información achegada polo historiados Manuel Pazos no seu Censo das Mortes Violentas na Comarca de Ordes

Este mesmo sábado tivo lugar unha homenaxe semellante en Ourense, Ribadavia e Melón, lembrándose a cinco veciños da comarca do Ribeiro, que foron fusilados o 11 de febreiro no cemiterio de San Francisco, e a outros seis que morreron nos meses seguintes en cárceres e campos franquistas.

 

Cartel da homenaxe © A.C. Obradoiro de Historia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.