0 Gardados para despois

Unha ILP para garantir a igualdade do galego en todos os ámbitos

Redacción | @prazapublica

Documentos relacionados

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou este sábado a Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico en Galicia. Con esta iniciativa, o colectivo pretende "garantir materialmente, na práctica, o exercicio pleno do dereito a usar o galego para os e as consumidoras e usuarias en todas as relacións", ben sexa na atención oral e escrita ou na información. 

A Mesa lanza a ILP para garantir os dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico en Galicia

A ILP, presentada no marca da asemblea xeral d'A Mesa, conta xa co apoio inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos, desde o mundo empresarial ao político e sindical, pasando polo académico, xurídico ou cultural. Entre estas primeiras sinaturas están as de Manuel Bragado, Quico Cadaval, Ledicia Costas, Kiko da Silva, Guadi Galego, Xosé Luís Méndez Ferrín, Federico Pérez, Manuel Rivas, Iria Sobrado ou o adestrador de fútbol Fernando Vázquez, entre outros. Tamén apoia o texto o director de Praza Pública, David Lombao. 

"Queremos que desapareza a chantaxe e a discriminación que obriga a persoas a deixaren de falar galego para recibir servizos ou atención"

Segundo sinalou o presidente da Mesa, Marcos Maceira, no Estado español hai máis de 500 disposicións legais que garanten a presenza do castelán, 200 delas só para o ámbito socioeconómico. Para o mesmo ámbito as galegas e galegos "só teñen recoñecido o dereito a empregalo mais sen ter por que ser correspondido pola outra parte". “Queremos que o galego estea ao mesmo nivel, que sexa unha lingua para todo e que desaparezan as prácticas de chantaxe e as situacións de discriminación nas que se obriga a persoas a deixaren de falar galego para recibir servizos ou atención, en moitos casos por empresas subcontradas pola administración”.

Ademais, A Mesa lembrou que a través do seu servizo A Liña do Galego xa denunciou  335 casos de discriminación "que son só unha pequena parte das miles que se producen a cotío". Delas, a metade estaban relacionadas co ámbito socioeconómico.

A ILP pretende impulsar un desenvolvemento legal que "fixe o contido mínimo dos dereitos lingüísticos nas relacións comerciais", xa que, segundo advirte, a súa inexistencia, malia ser o galego una lingua cooficial en Galiza,  "provoca continuamente situacións de vulnerabilidade, indefensión, denegación da atención e na prestación dos servizos, todo o que supón unha discriminación por razón de lingua e unha penalización ilícita que sofre a parte máis fébel da relación comercial: o consumidor e a consumidora".

“Queremos que desaparezan expresións como 'o me habla castellano o no le atiendo”

“Queremos que desaparezan expresións como 'o me habla castellano o no le atiendo, e que a opción de galego estexa sempre dispoñíbel tal e como acontece coa outra lingua oficial”, indicou Maceira, que advirte que esta desregulación afecta tamén os traballadores e as traballadoras do ámbito da atención ao público a quen nalgúns casos "se lle impón a obriga de empregaren tan só unha lingua cooficial": o castelán. Así, lembran como nalgún caso recente os traballadores padecen as consecuencias da "deslocalización en servizos que, coa exclusión do galego, poden ser prestados desde lugares moi afastados de Galiza".

A Mesa comezará agora unha campaña para reunir millleiros de sinaturas en toda Galicia durante os próximos catro meses. Para o presidente da Mesa “a sociedade galega foi a que conquistou os pequenos avances que tivo o galego e é hora de avanzar máis. Por iso é necesaria a activación que propomos mediante esta ILP".

Entre os aspectos que recolle están o recoñecemento pleno do dereito á atención galego, a recibir en galego calquera información, avisos ou instrucións, de maneira oral ou escrita, calquera que sexa o formato; o dereito a dispor de contratos e formularios en galego; o respecto pola toponimia galega, única legal e oficial; e o dereito á opción de galego na teleatención. A ILP contempla ademais que as administracións públicas "dean exemplo ao contrataren servizos, garantindo a capacidade de atender e entender en galego e primando na contratación quen cumpra con todo o anterior, e realizando unha ampla campaña informativa sobre o dereito a utilizar o galego".

Esta ILP centrará a actividade da Mesa nos próximos meses e foi aprobada pola asemblea xeral que escolleu una nova Comisión Permanente cuxa composición pasará de 7 a 9 persoas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.